CRTVG viva
O presidente da Xunta cualifica a Televisión de Galicia como "a memoria da nosa autonomía"
Sánchez Izquierdo destaca que a pesar da diversidade europea hai un sentimento común na defensa dos sistemas públicos de comunicacion
Inaugurado en Santiago o 31º Congreso de Circom Rexional coa asistencia de delegados e profesionais das televisión rexionais públicas de 25 países europeos.
Santiago, 09.05.2013.- A Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago foi hoxe o marco de encontro para o inicio das sesións do 31º Congreso de Circom Rexional, cumio internacional do medio televisivo europeo, organizado pola CRTVG, despois da Gala dos Prix Circom celebrada onte, onde se entregaron os galardóns ás mellores produccións europeas do ano no ámbito rexional.
O acto de inauguración estivo presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen resaltou como moi acertada a organización de debates sobre o futuro da televisión coa participación das diferentes ópticas europeas. Feijóo salientou a función de vixilancia de televisións que, como a galega, naceron para manter os sinais de identidade dun país, esencialmente a súa lingua e a súa cultura. Cualificou a TVG como a “memoria da nosa autonomía“ e dixo que hai que blindar a súa xestión de servizo público dun xeito eficiente.
Pola súa parte, o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, subliñou o interese compartido entre as diferentes televisións rexionais europeas para a defensa do sistema público de televisión, a eficacia na xestión e a adaptación aos cambios tecnolóxicos. Tamén dixo que o seu papel é esencial para achegar os cidadáns que viven na periférica aos centros de poder que doutra maneira estarían mais afastados. Rematou facendo alusión ao lema do congreso, “The way forward“ (O camiño a seguir), facendo unha alusión ao Camiño de Santiago e ao futuro das televisións rexionais públicas europeas.
No acto de apertura do congreso falaron tamén o rector da Universidade, Juan Casares Long, quen salientou a importancia destes eventos para a formación; o presidente de Circom Regional, Jacques Briquemont, quen celebrou que este cumio do audiovisual europeo teña como centro Galicia por vez primeira; e o acalde de Santiago, Ánxel Currás, quen invitou os presentes a descubrir a maxia da cidade compostelá.
Na primeira sesión de traballo do congreso dedicada a definición dos obxectivos das televisións rexionais a directora da TVG, Rosa Vilas, falou do poder de vertebración social que a Televisión de Galicia tivo desde os seus comezos en 1985 e o seu papel crucial na información de proximidade.
Pola súa parte, Pascal Goergen, da Asemblea Europea das Rexións, dixo que as rexións europeas teñen moi distintas capacidades financeiras e que hai que traballar para que posúan as mesmas oportunidades para o seu desenvolvemento. Holdsworth (BBC Reino Unido), Carlsoon (SVT Suecia), Kostantinos (ERT Grecia) e Philippe Cayla (Euronews) achegaron as diferentes experiencias unilaterais e demandaron a necesidade dunha maior cooperación e colaboración entre os diferentes sistemas públicos de televisión para beneficio de todos. Tamén tiveron como denominador común a mellora dos servizos de televisión en liña.
Na foto, de esquerda a dereita, o alcalde de Santiago, o presidente de CIRCOM Rexional, o presidente da Xunta, o rector da USC e o director xeral da CRTVG