CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O Parlamento de Galicia aproba a renovación do Consello de Administración da CRTVG

13/07/2021

Incorpóranse Carme Vidal a proposta do BNG, Irene Viña a proposta do PSdG e Alfonso Cabaleiro a proposta do PPdG

Cesan no seu cargo Xosé Antón García Ferreiro e Leticia Villar Pumares, que foran propostos polo PSdG, e Beatriz Soler, que fora conselleira polo PPdG

O Parlamento de Galicia aproba a renovación do Consello de Administración da CRTVG

Santiago de Compostela, 13.07.2021.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade este martes a renovación do Consello de Administración da CRTVG ao apoiar unha lista na que figuraban os nomes dos seis novos integrantes deste órgano. Tres candidatos renovan o seu cargo e entran a formar parte do Consello tres novos profesionais. 

O BNG, que pasa a ter representación de novo no Consello de Administración, onde non estaba no pasado exercicio, propuxo a xornalista Carme Vidal, quen desempeñaba ata a data o labor de xefa de Prensa da Vicepresidencia na Deputación da Coruña. Como xornalista, Vidal traballou en diversos medios galegos escritos como 'El Correo Gallego', 'A Nosa Terra' e 'Sermos Galiza'. 

E en representación do Partido Socialista de Galicia incorpórase a xornalista Irene Viña, que ata esta data exercía como directora de Comunicación dos socialistas galegos. Previamente Viña foi redactora da área de Política de Europa Press en Galicia.

Dos catro conselleiros a proposta do Partido Popular, tres repiten no cargo: son Higinio Meijide, Ana Peón e Luis de la Matta. Alfonso Cabaleiro é a nova incorporación. Cabaleiro foi ata agora director xerente de Galicia Calidade e, anteriormente, exerceu como secretario de Medios no Goberno da Xunta de Galicia.  

Unha vez finalizada a votación e, ao contar cada un dos candidatos con 71 votos a favor —o total dos emitidos—, os candidatos foron proclamados como novos conselleiros de administración da CRTVG.