CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O novo programa da TVG, 'Carballeira', enche de emoción a tarde dos sábados coa historia dos lugares máis descoñecidos de Galicia e dos seus veciños

29/07/2022

Esta nova aposta de telerrealidade, presentada por María Mera, levará cada semana unha ‘sesión café’ a unha parroquia galega nunca visitada por un equipo de televisión, descubrindo os seus relatos máis apaixonantes e incribles

O novo programa da TVG, 'Carballeira', enche de emoción a tarde dos sábados coa historia dos lugares máis descoñecidos de Galicia e dos seus veciños

Santiago, 29,07.2022.-    A partir desta semana, María Mera percorrerá Galicia con ‘Carballeira’, un novo programa de telerrealidade que descubrirá lugares descoñecidos a través das vidas dos seus veciños, enchendo de emoción a tarde dos sábados (15.30 h) con historias de encontros e rivalidades, de ledicias e tristezas, de música e humor.

‘Carballeira’ é un programa itinerante que cada sábado levará unha ‘sesión café’ a unha parroquia galega nunca visitada por un equipo de televisión. Esta nova aposta da TVG contará a vida deses lugares pouco coñecidos a través de cinco historias cheas de emoción, sentimento e sorpresa.

Todos temos algo que contar e os relatos máis apaixonantes e incribles están na nosa terra, ao carón da nosa casa. Por iso, ‘Carballeira’ convidará os espectadores a meterse de cheo na vida dos protagonistas: os veciños e veciñas das parroquias, aldeas e lugares con encanto de Galicia, cuxas historias cativarán a audiencia, que tamén poderá ver en directo as reaccións dos seus familiares e amigos. Coa emoción e o entretemento como obxectivo claro, o programa chegará a lugares aos que normalmente non chegan as cámaras e montará unha verbena onde descubrirá o que fai únicos e especiais os veciños do lugar visitado.

No primeiro programa, ‘Carballeira’ estará na Ponte Ulla e San Miguel de Castro, dúas parroquias que desde hai séculos teñen unha gran disputa pola titularidade do santuario da Virxe de Gundián e os seus arredores. A nivel administrativo, pertence á provincia da Coruña, pero, xeograficamente, a Pontevedra. A última palabra, a dos veciños, darase a coñecer alí en directo.

Ademais, os espectadores coñecerán a Charo, unha muller que se mudou á parroquia ‘inimiga’ e hoxe en día é unha das persoas máis importantes para os seus veciños. Un dos momentos máis emocionantes do programa vivirase con Vitucho, quen, despois de máis de 30 anos, vaise a reencontrar con alguén moi especial para el. Pero tampouco faltará o amor, xa que María Mera estará con Arturo e Celia, unha parella para a que o amor non ten barreiras, nin sequera a visión. A música en directo virá da man do Trío Tic Tac.