CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O grupo vigués The Soul Jacket presenta este mércores en 'Galicia Emerxe' a súa contaxiosa combinación de rock, soul, funk e pop

20/10/2021

No concerto desta noite (23.25 h) interpretarán temas do seu quinto disco, ‘Let me stand’, un dos seus traballos máis diversos

O grupo vigués The Soul Jacket presenta este mércores en 'Galicia Emerxe' a súa contaxiosa combinación de rock, soul, funk e pop

Santiago, 20.10.2021.-    O escenario do ‘Galicia Emerxe’, o ciclo de concertos que se ofrece cada mércores na G2, abre hoxe as súas portas a The Soul Jacket, grupo vigués que leva preto de 17 anos propagando entre o público a súa contaxiosa combinación de rock, soul, funk e pop.

Inspirados desde os seus comezos, en 2004, polo son do rock & roll americano e británico de comezos dos 70, The Soul Jacket consolidouse como un dos grupos de culto da escena nacional. Sen necesidade de artificios promocionais nin golpes de efecto ‘marketinianos’, esta banda xurdida a cabalo entre Vigo e Nigrán foi medrando grazas ao boca orella non só en Galicia, senón tamén en toda España, debido á naturalidade coa que combinan diversos xéneros e estilos, a potencia dos seus directos e a súa personalidade sobre os escenarios.

No concerto desta noite presentarán o seu quinto disco, ‘Let me stand’, un dos seus traballos máis diversos, que sucede a ‘Plastic jail’, con chiscadelas a bandas como Big Star ou os primeiros Heartbreakers de Tomp Petty e tamén con ecos dos Kinks e The Beatles. Se no anterior traballo reflectían a súa faceta máis contundente e directa, con ‘Let me stand’ a opción escollida diríxese cara a unha proposta onde predominan desenvolvementos máis complexos e expansivos, poñendo o soul como eixe de rotación sobre o que xirar.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.