CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O grupo de emisoras da Radio Galega é o que máis medra en Galicia e suma 212.000 oíntes

05/07/2022

Cun 68% de aumento respecto da onda anterior do EXM, a RG é tamén a que máis crece entre as autonómicas

O ‘Pensando en ti’, de Marcial Mouzo, lidera as madrugadas, medran os informativos e o ‘Diario Cultural’ supera os 51.000 oíntes

40 podcasts e contidos dixitais nesta temporada dispoñibles en radiogalegapodcast.gal, Spotify e iTunes

O grupo de emisoras da Radio Galega é o que máis medra en Galicia e suma 212.000 oíntes

Santiago, 05.07.2022.-   O conxunto de emisoras da Radio Galega acada unha audiencia histórica ao sumar 212.000 oíntes de luns a venres, segundo a onda do Estudo Xeral de Medios publicada este 5 de xullo. A Radio Galega é a emisora xeralista que máis medra en Galicia e alcanza os 194.000 oíntes de luns a venres, e Radio Galega Música alcanza os 18.000 neste período. A Radio Galega é a emisora que máis medra tamén de entre todas as que compoñen a FORTA. Nas últimas tres temporadas, a Radio Galega logrou superar seis veces a barreira dos 200.000 oíntes.

O incremento de audiencia da Radio Galega tamén se produce no acumulado de toda a temporada, cunha suba dun 18% de luns a venres, con 30.000 oíntes máis, e dun 15% de luns a domingo, ao engadir 23.000. Con respecto ao mesmo período de hai un ano, é dicir, a segunda onda de 2021, a Radio Galega suma 70.000 oíntes de luns a domingo e 87.000 de luns a venres.

Programas

Os informativos e magazines da Radio Galega experimentan un importante ascenso. O ‘Galicia por Diante’ da Radio Galega suma 118.000 oíntes, 54.000 máis que na última onda de 2022 e 53.000 máis que hai un ano, e lidera no tramo informativo das fins de semana.

Os informativos da Radio Galega saen reforzados do EXM deste mes de xullo e rexistran os mellores datos da serie histórica. Así a ‘A Crónica’, na edición das 14.00 h, alcanzou o dobre de oíntes que hai un ano.

O ‘Pensando en ti’ de Marcial Mouzo, programa que basea a súa esencia na participación da audiencia, continúa sendo líder de audiencia cada madrugada e todos os días da semana.  

No apartado deportivo, o ‘Galicia en Goles’, dirixido por Xoán Galán, lidera os sábados ás 15.00 h e é o referente nas fins de semana galegas con 46.000 oíntes o domingo, o que supón tamén unha intensa subida con respecto á última onda do EXM de 2022. Desde a óptica social, o ‘Convivir Deportivo’ de Alfonso Pardo alcanzou a cifra máis alta dos últimos anos, con 45.000 oíntes. Tamén se manteñen con bos algarismos ‘Zona Mixta’ e ‘Ao Contraataque’.

O ‘Diario Cultural’, nas súas tres edicións diarias de luns a venres, alcanza os 51.000 impactos, mentres na fin de semana o ‘Diario Cultural Zeta’ chega a  29.000 impactos, aos que sumar todo o contido de diariocultural.gal.

Máis servizo público e investimento en innovación

A estes bos datos de audiencia hai que sumar a aposta da emisora pública pola innovación e a maior cobertura posible, sumando novos medios e achegándose conxuntamente á audiencia coa programación conxunta coa TVG. A Radio Galega estreou este ano o seu novo novo estudio multimedia, co que os medios públicos fortalecen a converxencia definitiva entre radio, televisión e Internet. Deste xeito, a Radio Galega é xa multiplataforma, con emisión en imaxe para radiogalega.gal, YouTube da TVG e Facebook Live nun estudio especialmente deseñado para isto.

Ademais, neste 2022 segue a consolidarse o proxecto podcast radiogalegapodcast.gal, nado a finais de 2021 e que segue sumando contidos, con novos podcasts nativos dixitais á marxe dos patróns horarios da radio e coa vontade de alcanzar diferentes públicos niño. Así, ao pioneiro ‘Superando a ficción’, que vai pola segunda tempada, uníronse outros 40 podcasts. Entre outros, ‘Un ollo de vidro’, ‘A fin do mundo’, ‘Como que non?’, ‘Estudio 3. Desclasificados’, ‘Moito ollo’, ‘Hey, ho, let’s go!’ e ‘Os pobres si que choran’. A plataforma está tamén dispoñible en Spotify e en iTunes, co que se sitúa nos novos espazos de consumo da audiencia.