CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O espazo de fomento do galego #DígochoEu chega aos 1.000 programas

26/09/2022

Presentado por Esther Estévez, emite desde xaneiro de 2020 un capítulo diario desde a televisión e as redes sociais da CRTVG e consolidouse xa como o maior impulsor da lingua galega entre a mocidade

O proxecto dos medios públicos ten en marcha a segunda edición dos Premios #DígochoEu, cuxo prazo de inscrición está aberto para os centros de Primaria e Secundaria ata o 28 de outubro

O espazo de fomento do galego #DígochoEu chega aos 1.000 programas

Santiago, 26.09.2022.-    #DígochoEu está de noraboa. O popular espazo de fomento do uso do galego da CRTVG, presentado por Esther Estévez, chega esta luns ás 1.000 entregas, consolidado xa como o maior impulsor da lingua galega entre a mocidade de Galicia.

O seu seguimento entre os máis novos propiciou iniciativas como os Premios #DígochoEu, cuxa segunda edición se puxo en marcha estes días. Ao igual que o ano pasado, estes galardóns están abertos ata o 28 de outubro aos ciclos de educación Primaria e Secundaria de todos os centros escolares de Galicia, así como a calquera de fóra de Galicia que imparta lingua galega. Este concurso escolar xa acadou un grande éxito durante o curso pasado, en que participaron 200 centros das catro provincias, rematando na gran festa de entrega de premios na Cidade da Cultura de Santiago no mes de xuño.

#DígochoEu é o proxecto da CRTVG para achegar o galego dunha forma dinámica e entretida a todo o mundo e, sobre todo, aos máis novos. Emite, desde xaneiro de 2020, un capítulo diario para a mellora do galego desde a televisión e as redes sociais da canle pública. Pode seguirse na web crtvg.gal, en g24.gal, no Telexornal da TVG, así como nas contas de Instagram (@digochoeu.tvg), Twitter (@DigochoEuTVG), Facebook (facebook.com/digochoeu.tvg), Youtube (youtube.com/tvg) e TikTok (tiktok.com/@digochoeu), onde xa ten máis preto de 200.000 seguidores. E pode seguirse no streaming semanal en Twitch na noite dos mércores, xunto co actor portugués Rodrigo Paganelli.

Recoñecementos ao #DígochoEu

Neste 2022, #DígochoEu acadou o premio Mestre Mateo ao mellor programa de televisión e Esther Estévez, a súa presentadora, foi recoñecida como mellor comunicadora de televisión. O espazo xa gañara antes o Premio Deleite á Promoción da Lingua no marco do mesmo certame. E ao longo do pasado 2021, #DígochoEu recibiu o Premio Paraugas de Comunicación e Marketing, na categoría de Mellor Execución de Idea; o Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, na categoría de Mellor Comunicación e Impacto, e o Premio da Cultura Galega, galardón co que a Xunta de Galicia recoñece a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.