CRTVG viva
O curso internacional de xornalismo móbil comeza en Santiago impartido por expertos europeos
O obxectivo é a aplicación dos dispositivos móbiles na gravación, edición e transmisión de noticias para televisión e medios en liña
18 alumnos de 12 nacionalidades asisten desde hoxe a intensas xornadas de especialización impartidas polos mellores expertos europeos

Santiago, 03.05.2013.- A organización CIRCOM Regional (CR), que abrangue a máis de 200 compañías de televisión europeas entre elas a CRTVG, inaugura hoxe venres en Santiago un obradoiro especializado no chamado “xornalismo móbil”. O obxectivo e dar a coñecer os novos adiantos tecnolóxicos e as diferentes aplicacións utilizadas desde os dispositivos móbiles xa sexan teléfonos intelixentes, Ipad, tablets, portátiles, etc... O curso, en inglés, está dirixido polo profesor galés Karol Cioma, director dos proxectos de formación de Circom, e expertos como Glen Mulcahy (RTE Irlanda), Darko Flajpan (HRT Croacia) e John Inge Johanson (NRK Noruega). Nas dependencias do mosteiro de San Martiño Pinario, sede do curso, asisten un total de 18 alumnos xornalistas de 12 nacionalidades europeas. Un deles pertence á Facultade de Comunicación da USC, obedecendo a un dos moitos acordos que estipula o convenio entre esta entidade e a CRTVG para todas as actividades de Circom en Santiago.
Este curso de Circom Regional, faise tamén en colaboración coa televisión irlandesa (RTE). O próximo día 9 comezará outro curso de formación para xornalistas especializados en cobertura política e electoral, organizado polo Parlamento Europeo e que xa tivo edicións anteriores en Bruxelas e Estrasburgo.
Estes cursos de formación especializados son o preámbulo da 31º Congreso de Circom Regional, que terá lugar en Santiago do martes ata o venres da semana que vén, e que ao se prevé a asistencia de case 300 invitados, moitos deles delegados de máis de 50 televisión europeas. O encontro está organizado pola CRTVG e comezará cunha Gala no Hostal dos Reis Católicos onde se entregarán os premios ás mellores producións europeas rexionais deste ano en dez categorías, como documentais, series de ficción, magazines, noticias, etc...