CRTVG Viva
O 31 de marzo apáganse as frecuencias antigas e dáse por rematado o proceso do dividendo dixital
As zonas das provincias da Coruña e Ourense que reciben simultaneamente a TVG e tvG2 polas frecuencias nova e vella deixarán de recibir esta última
Desde esta data, os usuarios con sistemas de recepción colectiva neses territorios só poderán seguir as emisións da Galega se teñen as súas antenas adaptadas

Santiago, 04.03.2015.- O 31 de marzo remata en España o proceso de liberación de frecuencias radioeléctricas no chamado dividendo dixital. Tras esta data, as vellas frecuencias das canles que actualmente emiten en simulcast (no sinal antigo e novo ao mesmo tempo) apagaranse definitivamente, polo que só poderán seguir véndoas que teña as súas antenas adaptadas.
Este proceso afecta as emisións de TVG e tvG2 na zona norte da provincia da Coruña e en zonas da provincia de Ourense. Nestes territorios, os usuarios/as que teñan antenas ou sistemas de conexión individuais e perdan estas canles despois do 31 de marzo, deberán resintonizar o televisor co mando do aparello.
Lixeiramente máis complicado é para os usuarios/as que reciben o sinal a través dunha instalación colectiva con amplificadores monocanle ou centraliñas programables, xa que se non queren perder as canles da Galega deberán contactar canto antes cun instalador autorizado, se non o fixeron xa, para que adapte as devanditas antenas. Unha vez realizada a nova antenización poderase resintonizar de novo o televisor. O instalador pode ademais axudar a xestionar a subvención do Ministerio para este cambio.
Nalgunhas zonas da provincia de Ourense e do sur de Lugo o simulcast xa se apagou o pasado día 8 de febreiro, debido a necesidades de coordinación do dividendo dixital co proceso similar que está a suceder en Portugal.
Máis información en www.crtvg.es/crtvg/canles-tematicas/dividendo-dixital/guia-para-manter-a-recepcion-de-tvg-e-tvg2