CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Nuria Fergó, Los Players e Los Jinetes del Trópico converten nunha festa 'Bamboleo' coas súas propostas musicais

20/08/2022

O espazo de entretemento dos sábados á noite na TVG desenvolverá tamén novas edicións do ‘Agora ou nunca’, ‘A jrileira’ e ‘A ITV do amor’, amais de bailes de salón

Nuria Fergó, Los Players e Los Jinetes del Trópico converten nunha festa 'Bamboleo' coas súas propostas musicais

Santiago, 20.8.2022.- ‘Bamboleo’ (22.05 horas) chega esta noite á Televisión de Galicia, coma é habitual, con Xosé Manuel Piñeiro á fronte. O espazo de entretemento recibe hoxe a visita de Nuria Fergó, unha das participantes máis queridas da primeira edición de Operación Triunfo. A artista celebra os 20 anos que leva na música presentando novo disco: ‘Con permiso’. Fergó tamén participa nos xogos de Tamara Pérez e Claudio Pan.

Estará, así mesmo, en ‘Bamboleo’ o grupo Los Jinetes del Trópico, unha formación que fai unha peculiar fusión entre reggaeton, punk tropical e cumbia no seu último sinxelo ‘Tronzácheme o corazón’.

Unha das orquestras máis veteranas da verbena galega, Los Players, estará animando tamén a festa do ‘Bamboleo’. Amais, visitará o estudio a parella de bailaríns galegos formada por Jorge e Rebeca, que inician unha segunda etapa no baile profesional e hoxe bailarán un jive e unha rumba.

No ‘Agora ou nunca’ os participantes serán Laura Gonzaléz e Ramón López, que interpretarán os temas ‘Días de verano’, de Amaral, e ‘Torna a Surriento’, de Giambattista de Curtis. Isi estará contando as súas divertidas e singulares historias.

O Abadín Club de Fútbol e a Sociedade Deportiva Cultural e Recreativa Narón Freixo xogarán en ‘A jrileira’ entoando o tema ‘Escándalo’, de Raphael, e adiviñando intérpretes. Para rematar, en ‘A ITV do amor’ serán Sofía e tres colegas, entre eles o seu mozo, os que intenten despistar un participante de público sobre quen é realmente a súa parella. Tamara, Isi, Damián e Javi Varela, os asesores do amor, poranlle picante á proba.