CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Noite de ficción galega na TVG, cun maratón da serie 'Saudade de ti' e a emisión do filme 'The Way'

22/08/2022

A canle pública ofrecerá unha tripla entrega de novos capítulos da serie galega de éxito do verán e cinema inspirado no Camiño, protagonizado por Martin Sheen e participado pola Televisión de Galicia

Noite de ficción galega na TVG, cun maratón da serie 'Saudade de ti' e a emisión do filme 'The Way'

Santiago, 22.8.2022.-   O luns á noite, a ficción galega volve ser protagonista da programación da Televisión de Galicia, coa emisión de tres novos capítulos da serie ‘Saudade de ti’, e da longametraxe ‘The Way’ ('O Camiño'), película con selo galego e incluída no ciclo ‘Quero ver unha peli contigo’.

O maratón da serie ‘Saudade de ti’ (22.40 horas) comeza hoxe con Noa e as súas pescudas sobre a suposta paternidade de Albelos. Coa axuda de Brais, intentará corroborar estas suposicións. Quen tamén anda coa mosca na orella respecto ao doutor é Celia, o comportamento do seu amigo é moi sospeitoso. Trata de ocultar algo e Celia pensa descubrilo. Pola súa parte, Raúl alíase con Dimas e trata de facer realidade o seu plan de negocio en Porto de Abrente, aínda que o interese pola idea non é o que agardaban. Na empresa, Adela e Mónica teñen asuntos máis urxentes. Gaspar non llo está poñendo doado a Mónica e déixalle moi claras as súas condicións. Para poder pechar o trato cos transportistas terán que renunciar a moitas das súas vantaxes, e pode que algo máis...

Ao remate da emisión de ‘Saudade de ti’, a Televisión de Galicia achegará esta noite ‘The Way’ (00.25 horas), longametraxe que conta coa participación da canle pública galega, dirixida por Emilio Estévez e co seu pai, Martin Sheen, como protagonista. A película é un sentido tributo ás raíces galegas da popular saga artística, asentada nos Estados Unidos.
 
‘The Way’ é a cuarta película de Emilio Estévez como director e guionista. Na longametraxe, o director trata de abordar a última oportunidade dun pai para coñecer a seu fillo a través da súa viaxe persoal percorrendo o Camiño de Santiago.


Galería de imaxes