CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Música variada esta noite en 'Luar', con Las Supremas de Móstoles, Gemeliers e Rodrigo Ramos como convidados

22/01/2021

As actuacións de Cristina Stop, da asociación de música e baile tradicional Fortín da Pomba e do grupo de gaitas Saudade de Ribadeo completan o elenco artístico (21.50 h)

Música variada esta noite en 'Luar', con Las Supremas de Móstoles, Gemeliers e Rodrigo Ramos como convidados

Santiago, 22.01.2021.-   ‘Luar’ chega, un venres máis, aos fogares galegos con Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Rocío Rodríguez á fronte dunha nova edición, en que a música e o entretemento son os grandes protagonistas. Entre os convidados destacados, esta noite visitan o programa o explosivo trío de Las Supremas de Móstoles, cuxa calidade vocal e números artísticos garanten diversión en cada unha das súas actuacións, e Cristina Stop, a coñecida integrante do que fora o grupo de pop dos anos 70 Los Stop, traerá en solitario o seu éxito ‘Cuando te enamores’.

E dun trío de irmás ás propostas do dúo de irmáns sevillanos Gemeliers. Jesús e Daniel amosarán hoxe os seus últimos temas, onde os ritmos pop latinos, tamén bailables, lles achegan un estilo inconfundible.

En representación da música da nosa terra, contarase no estudio coa presenza do músico e cantautor de Silleda Rodrigo Ramos, quen presentará ‘Subiote’, un tema íntimo con carácter pop-folk, incluído no seu terceiro álbum en solitario, e adaptación do poema  de Xosé Neira Vilas. Completa o elenco a asociación de música e baile tradicional Fortín da Pomba e o grupo de gaitas Saudade de Ribadeo.

Por outra parte, no certame de novos talentos ‘Recantos’ competirán Yago Martínez, de Terras de Pontevedra, e Belehm, de Lugo sur. Completan o elenco de convidados, o humor dos cómicos Brandariz e Ángela Triana. Unha edición máis, Gayoso intentará que algún espectador sexa quen de facerse cos 1.500 euros do bote do concurso telefónico e cos xamóns que se sortean no certame de adiviñas do programa.