CRTVG Viva
Monográfico de "Eirado" sobre Celso Emilio Ferreiro, cuxo centenario se celebra este ano
O espazo cultural da tvG2 conversará esta noite con seu fillo e con expertos na narrativa e na poesía do autor de "Longa noite de pedra"

Santiago, 14.01.2012.- Despois do monográfico da semana pasada sobre Valentín Paz Andrade, a segunda edición deste ano de “Eirado” estará dedicada tamén de xeito íntegro a outra das figuras protagonistas deste 2012, o escritor e político galego Celso Emilio Ferreiro, cuxo centenario se celebra no declarado polo Parlamento Galego como Ano Celso Emilio. Durante este tempo, que tamén coincide co medio século de “Longa noite de pedra”, exposicións, edicións, concertos e moitas outras actividades porán de manifesto a vixencia dunha obra imprescindible da literatura galega do século XX.
O espazo da tvG2 terá como convidado a seu fillo, Luís Ferreiro, quen fará apuntamentos biográficos sobre seu pai e falará tamén do traballo da Fundación Celso Emilio Ferreiro, da que é director, unha institución que pretende fomentar o coñecemento e a difusión da súa obra e contribuír a difundir o seu extraordinario legado.
Para achegarse á obra de Celso Emilio, “Eirado” contará esta noite coa colaboración dos profesores Mónica Góñez e Ramón Nicolás, especialistas na súa narrativa e na súa poesía respectivamente.
Ademais, o programa iniciará este sábado unha serie de reportaxes sobre Celso Emilio Ferreiro, a cargo do xornalista Luís Menéndez, que terán continuidade durante as dúas semanas vindeiras. Na primeira achega desta noite, “Eirado” ofrecerá un amplo retrato biográfico do escritor celanovés.
Como é habitual, no “Eirado” de hoxe tampouco faltará a música, que estará tamén centrada nos versos de Celso Emilio. O espazo cultural recuperará do arquivo da Galega actuacións dos cantautores Amancio Prada, Luís Emilio Batallán e Suso Vaamonde, tres artistas que musicaron os poemas do autor.