CRTVG Viva
“Matalobos” regresa á Televisión de Galicia cunha ollada ao pasado
Antes da estrea dos novos capítulos, a canle autonómica ofrecerá tres especiais cos que os espectadores poderán lembrar algúns dos mellores momentos da serie
O capítulo de hoxe rememorará as dúas primeiras tempadas e afondará nas conflitivas relacións familiares do particular universo dos Matalobos
A serie “Matalobos” foi distinguida o pasado mes de maio como a Mellor Ficci
Santiago, 11.09.2012.- A quinta tempada da serie “Matalobos” está a piques de chegar á Televisión de Galicia, pero antes da emisión dos novos capítulos, a canle autonómica ofrecerá tres especiais cos que os espectadores terán a oportunidade de lembrar algúns dos mellores momentos da ficción producida por Voz Audiovisual.
O primeiro especial, que se ofrecerá esta noite, rememorará as dúas primeiras tempadas da serie. Baixo o título “Ano 1: a familia”, este capítulo afondará nas conflitivas relacións familiares que se atopan no particular universo dos Matalobos.
Deste xeito, os espectadores poderán recordar a loita dos Viaño por apartar a súa filla do mundo do narcotráfico, a maltreita relación entre Arturo e Sara Campos, o tráxico final de Iván Matalobos e o duro enfrontamento entre os dous irmáns Matalobos, Marcos e Carmelo. Un enfrontamento que servirá para por de manifesto que, en Sardiñeira, os negocios sempre estiveron por riba de calquera lazo familiar.
Cómpre salientar que coa emisión dunha nova tempada de “Matalobos”, a Televisión de Galicia continúa apostando e ofrecéndolle a súa audiencia producións con selo galego, unha ficción que pouco a pouco está a ser recoñecida tanto a nivel nacional como internacional. Proba disto é a distinción que recibiu a serie “Matalobos” como Mellor Ficción de Televisión en Europa, un galardón polo que competían preto de 200 producións procedentes de 23 países, que aspiraban a 10 categorías. O premio foi entregado o pasado mes de maio nunha gala celebrada no marco do Congreso Anual das Televisións Públicas Europeas, agrupadas na asociación Circom, e organizado pola canle sueca SVT.