CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

María Solar ponse á fronte da programación cultural da CRTVG e estrea proxecto: 'Cultura365'

04/09/2018

Información cultural específica na TVG, na Radio Galega e na nova canle dixital os 365 días do ano; ese é o proxecto que nace na nova temporada da CRTVG

Unha ducia de novos colaboradores achéganse este ano aos micrófonos da Radio Galega, entre eles, a Real Academia Galega, a Academia Galega do Audiovisual, tamén Miguelanxo Prado, Beli Martínez, Ánxela Caramés, Alba Cid, Tito Lesende... e moitos máis

María Solar ponse á fronte da programación cultural da CRTVG e estrea proxecto: 'Cultura365'

Santiago, 04.09.2018.-  A nova temporada da CRTVG trae máis cultura, trae a ampliación de horarios, máis sinaturas de colaboradores, máis ángulos e puntos de vista e máis presenza dixital. Todo isto é o proxecto #Cultura365: Información cultural específica, en directo, nos medios públicos de Galicia os 365 días do ano.

Na TVG, á marxe dos xa coñecidos “Cada Día un Libro” ou  “Ben Falado” amplíase a programación cultural, onde o “ZigZag”, o programa máis premiado da historia dos premios da Academia Galega do Audiovisual, pasará a emitirse tamén na fin de semana, na primeira canle da TVG e en horario gran audiencia. A TVG tamén apostará na vindeira tempada por un programa de específico de concertos de música clásica e outro de música contemporánea.

Na radio, o “Diario Cultural”, amais de aumentar a súa duración a unha hora e corenta minutos repartidos en horarios de máxima audiencia de mañá e de tarde para chegar a un maior número de persoas, ofrecerase en directo tamén na fin de semana e contará coa súa propia canle dixital, que albergará contidos audiovisuais, as “caras B” dos programas (como se fan, como se gravan…), os podcast e tamén unha achega exclusiva de todos os colaboradores de cultura da nova temporada.

Coordinadora de Cultura

María Solar será a coordinadora de Cultura da CRTVG. É un dos rostros máis coñecidos da canle e unha das escritoras máis premidas do panorama galego actual. Solar comezou a súa andaina hai máis de vinte anos na Televisión de Galicia e a Radio Galega, onde presentou e dirixiu diversos programas de todos os xéneros, xa que a súa formación é tamén poliédrica.

María Solar é licenciada en Xornalismo pola SEK, licenciada en Bioloxía pola USC e diplomada en Maxisterio pola USC, especialista en información ecolóxica e ambiental pola Universidade Politécnica de Madrid e membro do Comité Consultivo da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Na TVG, foi membro fundador do programa buque insignia da programación cultural da CRTVG, o “Zigzag Diario”, un programa que presentou e dirixiu conseguindo nesa etapa dous premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual ao Mellor programa de televisión; un galardón que tamén acadou en 2018 con “A Revista Fin de Semana”, que presentou desde 2014 ata a actualidade.

Na Radio Galega, presentou e dirixiu o programa especializado en libros “Chamando á Terra” e, durante oito anos, o magazine “As Tardes da Galega”.

A súa obra literaria comprende os xéneros infantil, xuvenil e adulto. Escritos orixinalmente en galego, os seus libros tradúcense a outras linguas como castelán, catalán, polaco, portugués, italiano, chino ou filipino. Conta con destacados premios e recoñecementos literarios nacionais e internacionais como o Premio Lazarillo de Creación Literaria, o Premio ao Mellor Libro Infantil-Xuvenil na I Gala do Libro Galego, a Mellor obra Xuvenil na III Gala do Libro Galego, o Premio Frei Martín Sarmiento, tanto en modalidades infantís coma para adultos, e os seus libros foron incluídos en dúas ocasións na prestixiosa lista White Ravens da biblioteca de Múnic, en que seleccionan anualmente os mellores libros infantís do mundo.

Proxecto “Cultura365” na CRTVG

Para esta temporada con Solar como coordinadora de Cultura da CRTVG, amplíase o “Zigzag”, que pasará tamén a emitirse nas fins de semana, pola primeira canle da TVG e horario de gran audiencia.

A Radio Galega é tamén “Cultura365”, coa ampliación do “Diario Cultural” en directo tamén nas fins de semana, nas mañás en nas tardes de diario da emisora pública galega, e cunha nova canle dixital exclusiva para os contidos culturais, onde os novos colaboradores da Radio Galega escribirán tamén sobre as áreas en que son expertos. A nova programación cultural contará, entre outras, coas sinaturas de:

Beli Martínez, colaboradora sobre o audiovisual galego.
Doutora en Comunicación Audiovisual, é docente na Universidade de Vigo e no IES Audiovisual de Vigo. A súa carreira como produtora inclúe as longametraxes “Arraianos”, de Eloy Enciso; “Vikingland”, de Xurxo Chirro, e “Jet Lag”, de Eloy Domínguez Serén, e proxectos como “Cinema e Muller”, que visibiliza o traballo das cineastas galegas, ou “Proxecto Socheo”. Colabora como programadora e no deseño de actividades nos festivais de cine “Play Doc” e “Curtocircuíto”.

Ánxela Caramés, colaboradora de arte.
Comisaria, crítica de arte e xestora cultural. Doutora en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia e licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Realizou a súa tese de doutoramento sobre as exposicións feministas realizadas no estado español. Forma parte do proxecto artístico de arquivo Contenedor de feminismos e da plataforma de mulleres, arte e tecnoloxía M-Artech. Como investigadora en artes visuais e feminismos publica artigos en revistas especializadas e catálogos de exposicións, e imparte conferencias en universidades e museos.

Miguelanxo Prado, colaborador de banda deseñada.
Historietista e ilustrador, desde 1998 dirixe o festival “Viñetas desde o Atlántico”. A súa obra é extensa e variada. Comezou con fanzines e revistas publicando nas máis destacadas, realizou historietas de carácter social, políticas así como humorísticas, cunha coñecida tira para a revista “El Jueves”. Foi creador e animador de personaxes para TVG no “Xabarín Club”, e traballou con Steven Spielberg na serie “Men in black”. O seu álbum “Trazo de Tiza” recibiu premios en Barcelona e Angoulême. Ten unha extensa carreira internacional multigalardoada. Traballou en animación para o cine con “De Profundis” e con “Ardalén” conseguiu o Premio Nacional do Cómic en 2013. En 2009 ingresou na Real Academia de Belas Artes.

Carlos Portela, colaborador tamén de banda deseñada.
Guionista de historietas e series de televisión e subdirector do festival “Viñetas desde o Atlántico”. É un dos referentes nos guións de series de ficción para diversas canles de TV en España e para a TVG. Iniciouse no mundo dos fanzines nos anos oitenta e pronto pasou a profesionalizarse. Foi tamén guionista do “Xabarín Club” da TVG. Fixo guión de cine. No cómic, os seus traballos son diversos desde con Humanoides Associés ata a súa colaboración con Purita Campos no relanzamento de Esther.

Tito Lesende, colaborador de pop rock.
Xornalista musical en radio, prensa e Internet. Autor de tres libros, o máis recente: “Revolver: el disco de los Beatles que revolucionó el rock” (2016). Nos últimos 15 anos tivo varios programas e colaboracións na Radio Galega e publica contidos con asiduidade en “Cuadernos Efe Eme”, “Vanity Fair” ou “Icon-El País”. No seu currículo figuran seccións propias en Rolling Stone, Grazia, Revista 40, Cinemanía ou Diario 16, entre outras publicacións. Entrevistou estrelas internacionais como Mark Knopfler, Scorpions ou Green Day, e coincidiu persoalmente en actos sociais con artistas tan importantes como Bon Jovi ou AC/DC. A súa traxectoria profesional especializouse na música pop-rock.

Armando Requeixo, colaborador de narrativa.
É crítico literario, secretario científico e investigador do Centro Ramón Piñeiro e profesor da USC. Membro da Asociación Galega da Crítica e a Asociación Española de Críticos Literarios, colabora como comentarista habitual no “Faro de Vigo” e en “El Ideal Gallego” e mantén o blog de análise literaria Criticalia.

Montse Pena Presas, colaboradora en literatura infantil e xuvenil.
É doutora e licenciada en Filoloxía Galega pola USC, onde imparte aulas na área de Didáctica da Lingua e da Literatura. Como investigadora está especializada en literatura infantil e xuvenil, educación literaria e estudos de xénero. Autora de diferentes materiais didácticos, ensaios divulgativos e investigacións sobre Roberto Vidal Bolaño, Carlos Casares, Agustín Fernández Paz, Xohana Torres ou María Victoria Moreno, exerce tamén a crítica literaria en medios de comunicación, entre eles, na Radio Galega. A súa tese de doutoramento foi publicada en parte no libro “Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia”.

Alba Cid, colaboradora de poesía.
É autora e investigadora. Licenciada en Filoloxía Galega, Portuguesa e Románica pola USC, publica creación e crítica de poesía contemporánea en revistas coma Grial, Luzes, Tempos Novos ou Dorna, de cuxo equipo de redacción forma parte. Na actualidade, atópase en período de formación doutoral e encárgase do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Oxford.

Rut Balbís, colaboradora de danza e arte do movemento.
Coreógrafa, bailarina e docente de danza contemporánea. Dirixe a súa propia compañía Pisando ovos desde o 2004 con notable experiencia nos circuítos nacionais e internacionais de danza. Responsable e profesora da Aula de Danza Normal da UDC e membro do Colectivo RPM.

Roberto Pascual, colaborador de teatro.
Profesor e xefe de estudos na ESAD de Galicia e, desde 2009, director artístico da MIT de Ribadavia. É licenciado en Filoloxía Galega e posgraduado en Arte Dramática pola USC. Á fronte da MIT recibiu diferentes recoñecementos coma o Premio Rosa María Cano á Xestión Cultural vinculada ás Artes Escénicas ou o Premio Arenteira de Cultura. Membro do Consello Artístico e da Executiva do INAEM (Ministerio de Cultura) e redactor do Dicionario de Termos escénicos do Consello da Cultura Galega, entre outras actividades profesionais.

Luís Miguel Crespo Caride, colaborador de música clásica.
É Licenciado en Música (especialidade de Trompeta) polo Conservatorio Superior de Música de Vigo, graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, e máster en Industria Musical e en Profesorado de Educación Secundaria pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Actualmente é doutorando en Educación Musical na USC, imparte clase de música na Casa da Música de Chantada e é integrante de diversas formacións musicais como a Banda de Chantada, o grupo Liviao de Marrao ou a banda de Guadi Galego na xira de “O mundo está parado”.

A Radio Galega contará para esta temporada tamén con coa colaboración dos directores dos programas especializados da emisora pública: Emilio Españadero, colaborador de música folk e tradicional, director do programa “Lume na Palleira”; Xabier Facal, colaborador de jazz e director de “Notas de Jazz”; Begoña Vázquez, colaboradora de cine e audiovisual e directora de “Sala 5”, e Manuel Vicente, colaborador de cultura científica e director de “Efervesciencia”.

E contará tamén coas achegas e colaboracións da Real Academia Galega e coas do presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares.

Amais desta nova aposta, continúa para esta temporada unha ampla selección de programas arredor da cultura na Radio Galega, como “Arredor de Nós”, “Sala 5”, o histórico “Estudio 3” con Ricardo Alonso, que traerá de novo os “Concertos de Estudio 3” de bandas galegas; “O Lobo Urbano”, con Charly Domínguez; “Onda Vital”; “Deriva Atlántica”, “Notas de Jazz”, “Fondos Reservados”, “Concerto Popular”, “Allegro Moderato”, “Lume na Palleira”, “Tres Peixes Voando”, e tamén seguirá o proxecto bautizado como “Medio Bolo”, a emisión de concertos gravados con tecnoloxía dixital nos estudios da Radio Galega.

Todas estas voces súmanse ao equipo de Cultura da Radio Galega, que abrirá, coma cada ano, os seus micrófonos de servizo público a todas as sensibilidades das diferentes artes e desde todos os puntos de vista, con todos os protagonistas e os 365 días do ano. #Cultura365