CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Máis proximidade e interacción coa audiencia na nova temporada da Radio Galega, que arranca este luns

03/09/2021

O tramo informativo do ‘Galicia por diante’ será presentado por Silvia Pereira, ‘A bóla extra’ amplía a unha hora a súa transmisión simultánea entre a RG e a TVG e ‘Pensando en ti’ arrancará a medianoite

A emisora pública segue á procura das novas tendencias baixo a óptica galega e reforzará o 'Diario cultural zeta' con dúas emisións na fin de semana

Máis proximidade e interacción coa audiencia na nova temporada da Radio Galega, que arranca este luns

Santiago, 03.09.2021.-    A Radio Galega, que pechou a temporada pasada con rexistros históricos de audiencia, pon en marcha o vindeiro luns a súa nova programación para o curso 21-22, que terá como protagonista, unha vez máis, todo o que acontece en Galicia e aos galegos. A participación da audiencia será fundamental para facer unha radio entre todos e para todos, e con máxima atención nesta temporada ás novas tendencias que conectan a Radio Galega con públicos máis novos, nativos dixitais e multicanle.

A xornalista Silvia Pereira será a nova voz da información do ‘Galicia por Diante’  e tamén moderadora dos debates de interese para Galicia no tramo informativo, que abranguerá de 06.00 a 09.30 h. Deseguido, Kiko Novoa colle a remuda das mañás e continuará na dirección e presentación do magazine ata as 14.00 h, con Cristina García e todo o seu equipo.

A Bóla Extra’, aumenta o seu espazo en emisión simultánea en TVG e Radio Galega e pasa a durar unha hora de luns a venres. O éxito das emisións simultáneas dos pasados dous anos durante a primeira media hora do formato é o responsable desta ampliación das sinerxías na transmisión.

A Crónica’ será presentado na edición das 14.00 h por Alejandro Gesto, para dar paso a Antón Rebollido e o seu equipo, que continuará á fronte do programa ‘A Tarde’ a partir das 16.00 h.

‘A Crónica’ da noite seguirá con Xosé Luis López Vila aos mandos e abranguerá de 20.00 a 23.00 h, coa análise da información e faladoiros para o debate. Ademais,  incluirá os espazos temáticos ‘Sala 5’, ‘Lambóns de Viaxe’, ‘Efervesciencia’ e ‘Lambóns Dixitais’, de luns a xoves ás 21.00 h.

Máis ‘Pensando en Ti’

O programa líder das noites en Galicia ‘Pensando en Ti’, de Marcial Mouzo, tamén ten novidades, xa que arrancará a medianoite e ampliará así unha hora a súa duración. O primeiro tramo incorpora o formato ‘Convivir’, espazo de análise sobre cuestións de carácter social, para dar paso, a partir das 01.00 h, ao elemento estrela do programa, a participación da audiencia. O humorista Isi manterá a súa colaboración na madrugada dos xoves. Pola súa parte, Xosé Manuel Piñeiro presentará ‘Bamboleo’ nas madrugadas da fin de semana, xusto antes do ‘Pensando en Ti’ de Viti González.

Victoria Rodríguez dirixirá unha temporada máis o ‘Galicia por Diante Fin de Semana’, os sábados e domingos a partir das 09.00 h. A especialización temática no sector primario será a protagonista das mañás da fin de semana, cos formatos ‘Mar de Ardora’ e ‘Ferrado e Medio’, dirixidos por Xusto López Carril.  

No ámbito deportivo, a actualidade dos equipos galegos en todas as disciplinas e a análise  continuarán nas marcas ‘Zona Mixta’ e ‘Ao Contraataque’, dirixidos por Carlos Alonso e Pedro Pablo Alonso. E, coma sempre, a narración dos partidos desde decenas de campos e pavillóns de Galicia e os faladoiros seguirán na fin de semana no programa decano da Radio Galega: o mítico ‘Galicia en Goles’, con Xoan Galán.

No apartado cultural, a Radio Galega segue renovando e chegando a todos os recunchos de Galicia e con especial atención ás novas tendencias e aos novos creadores a través do ‘Diario Cultural Zeta’, que pasará a ter dúas edicións, os sábados e domingos ás 14.30 h.

A estratexia da Radio Galega para esta nova temporada desenvolverase de xeito paralelo ás canles dixitais da emisora pública, desde a web radiogalega.gal ata a emisión en internet de Radio Galega e Radio Galega Música e as canles dixitais Son Galicia Radio e Radio Picariña.