CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

José Miñones, delegado do Goberno en Galicia: "a solución de Ence debe pasar por unha nova localización"

20/10/2021
José Miñones, delegado do Goberno en Galicia: "a solución de Ence debe pasar por unha nova localización"

Santiago, 20.10.2021.-   José Miñones Conde, delegado do Goberno en  Galicia, foi entrevistado este mércores no espazo ‘Bos Días’ da Televisión de Galicia, onde fixo unha valoración dos orzamentos xerais do Estado para 2022, dos que sinalou a importancia que supón “recuperar a senda do crecemento e a discriminación positiva para Galicia”. “Con estes orzamentos vólvese pasar a barreira dos 1.000 millóns de euros, o que supón un 29% máis que o ano pasado”, afirmando que “se inviste máis do que Galicia representa en poboación e do que representamos do produto interior bruto”.
    
Sobre as rebaixas da AP-9, Miñones dixo nesta entrevista que era “un fito histórico do que os galegos xa se están beneficiando”. Sobre o debate do pago do uso das autovías, manifestou que “hai que facelo con consenso e con sentido de responsabilidade” e que primeiro habería que falar coas comunidades autónomas. Miñones destacou que o mantemento e conservación das autovías ten un custo moi elevado e que no caso de Galicia “supón 60 millóns de euros só neste orzamento”.
    
Ao respecto da planta de Ence na ría de Pontevedra, o delegado do Goberno sinalou que “é factible buscarlle unha nova ubicación se hai responsabilidade” e que “a primeira xuntanza que mantiven como delegado foi a mesa de Ence en Madrid, onde se concretou que o goberno estaba disposto a seguir apoiando os traballadores".
 
Sobre a reunión de presidentes autonómicos para falar do financiamento, convocada para o 2 de novembro e que aínda non foi adiada, Miñones afirmou que “non se poden usar os temas para atacar o Goberno”. Destacou que as cifras que recolle en transferencias a Xunta de Galicia nos presupostos de 2022 son de máis de 8.000 millóns de euros.
    
En canto a celebración das primarias no PSdeG, Miñones dixo que el aposta polo diálogo e que “é algo positivo que haxa porque permite á militancia opinar”. Manifestou que os dous candidatos presentan liñas concretas e estratéxicas de cara ao futuro e que o que recibe da militancia é moi positivo. Destacou tamén que o Congreso Federal desta fin de semana demostrou unidade e un liderado moi potente.