CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Hoxe, Breogán-Fuenlabrada, desde as 18:45 h na Radio Galega

27/12/2021

O xoves, dobre cita para os equipos galegos da ACB

Hoxe, Breogán-Fuenlabrada, desde as 18:45 h na Radio Galega

Santiago, 27.12.2021.- Os últimos días do 2021 están protagonizados polo baloncesto nas retransmisións deportivas da Radio Galega.

Hoxe, desde as sete menos cuarto da tarde, Toni López dirixe a emisión do partido da Liga ACB entre o Breogán e o Fuenlabrada. Raúl Villares encargarase da narración do xogo desde o Pazo dos Deportes. No descanso e ao final, o programa conectará coa asemblea de accionistas do Club Deportivo Lugo, onde Emilio González irá informando das novidades no peche do exercicio.

O xoves, tamén a partir das sete menos cuarto, a Radio Galega contará unha xornada na que actúan os dous equipos galegos en sesión continua. O primeiro en saltar á pista é o Obradoiro, que visita o Nou Congost para enfrontarse ao Manresa. Logo chegará a quenda do Breogán, que recibe ao Joventut de Badalona. Alfonso Pardo seguirá o xogo dos santiagueses, mentres Raúl Villares estará presente no Pazo. Toni López dirixirá a edición especial, que se prolongará ata a medianoite para escoitar aos protagonistas dos dous encontros.

A seguinte xornada ligueira será xa no 2022, co derbi galego o luns día 3 ás nove da noite, no Sar, onde Obradoiro e Breogán volven coincidir na Liga ACB. Antes, o domingo 2, 'Galicia en Goles' contará a volta da Liga de fútbol profesional cos partidos Betis-Celta e Sporting de Xixón-Lugo.

Durante o Nadal, 'Galicia en Goles' está moi presente na programación da Radio Galega. A pasada fin de semana emitiu dez horas de retransmisións en directo, dando cobertura aos eventos solidarios de fútbol, fútbol sala e balonmán desenvolvidos na Coruña, Ares, Arteixo, Maside, Marín e Pontevedra, ademais do despregamento en Maceda polos campionatos galegos de ciclocrós.