CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Ghost beast achega a ‘Galicia emerxe’ a súa proposta elegante, intimista e contemporánea

29/12/2021

A banda está formada por Pachu Doblas, cantante, guitarrista e autor das cancións, e por dous músicos moi coñecidos da escena jazz galega: o batería Iago Fernández e o pinaista Xan Campos

Ghost beast achega a ‘Galicia emerxe’ a súa proposta elegante, intimista e contemporánea

Santiago, 29.12.2021.- Ghost Beast é este último mércores do ano o grupo convidado no ‘Galicia emerxe’ (22.55 h), o ciclo de concertos da G2. O proxecto naceu dun encerro de nove meses, onde o propio illamento persoal inspira e dá lugar a un grupo de cancións que acaban conformando un disco, ‘Winter’s horns’, e, case á vez, unha banda. A temática intimista deste traballo, impregnada da propia experiencia do illamento, dita as tonalidades musicais que predominan no proxecto.

A banda está formada por Pachu Doblas, cantante, guitarrista e autor das cancións, e por dous músicos moi coñecidos da escena jazz galega: o batería Iago Fernández e o pianista Xan Campos.

Musicalmente, Ghost Beast bebe tanto da electrónica coma do art-pop, sempre nas súas versións máis solemnes e fondas. Nas súas melodías, os sintetizadores gáñanlles protagonismo ás guitarras, que non están esquecidas, e os ritmos programados entrelázanse con baterías en arranxos cun son moi contemporáneo. As súas cancións son amplas, minimalistas, evocadoras e envolventes, fuxindo de lugares comúns, das fórmulas predominantes e dos dispositivos efectistas.

En directo, o trío consegue que a súa proposta musical soe ampla e espontánea, cun estilo elegante e cheo de emoción. Sons espaciais dan paso por momentos a partes acústicas e estas, á súa vez, a improvisacións libres próximas ao jazz, onde todo se funde con naturalidade, sen perder o sentido de cada canción.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola G2 e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.