CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

"Galicia, terra meiga", o tema que fixo de Ana Kiro un mito da canción galega, protagonista de "No bico un cantar"

22/01/2013
"Galicia, terra meiga", o tema que fixo de Ana Kiro un mito da canción galega, protagonista de "No bico un cantar"

Santiago, 22.01.2013.- Na súa cuarta entrega, o programa “No bico un cantar” achegarase hoxe, ás 22.15 horas, a todo un éxito da música galega, “Galicia, terra meiga”, unha canción que lle deu o punto de partida como artista estrela a Ana Kiro.

O espazo da TVG remontarase ao ano 1972, cando a cantante coñeceu o músico, compositor e representante de artistas Manuel Muñiz, quen, baseándose nun tema da música popular galega, compuxo “Galicia, terra meiga”. A composición, gravada por Ana, converteuse nun éxito musical despois de vender ese ano máis de 100.00 copias e conseguir un Casete de Ouro.

A canción protagonista esta noite de “No bico un cantar” ten unha enorme importancia para a música galega, tanto fóra coma dentro das nosas fronteiras. De feito, converteuse nun auténtico himno para os galegos na emigración, xa que moitos milleiros de emigrados acudían aos concertos que Ana Kiro deu en Venezuela, no Brasil e na Arxentina.

Ademais de falar da importancia de “Galicia, terra meiga”, tamén se fará un percorrido pola vida de Ana Kiro da man do seu viúvo, Carlos Rivero, e de amigos e compañeiros de profesión como Fernando Marán e Sito Mariño. Pero tamén será a propia Ana Kiro quen guíe os espectadores pola súa historia.
 
No aspecto musical, o programa ofrecerá diferentes versións da popular canción interpretadas por músicos da categoría de Abe Rábade e o Cuarteto Egeria, integrado por músicos da Real Filharmonía de Galicia.