CRTVG Viva
Un documental de investigación sobre un fraude empresarial sueco en Uzbequistan, Gran Premio Circom 2013
Os Prix Circom están considerados os mellores de Europa nas producións audiovisuais das televisións rexionais
A entrega foi no transcurso dunha Gala celebrada no Hostal dos Reis Católicos de Santiago como preámbulo do 31º Congreso de CIRCOM Rexional ao que asisten preto de 300 delegados de toda Europa
Santiago, 09.05.2013.- O programa da televisión sueca (SVT) “Teliasonera-The Uzbek affair" foi o gañador entre as dez candidaturas finalistas das mellores producións rexionais europeas que se deron cita na Gala celebrada onte no Hostal dos Reis Católicos. Este espazo de xornalismo de investigación relata o intenso traballo dun grupo de xornalistas suecos que descubriron unha trama de intereses económicos fraudulentos entre una compañía telefónica sueca con seus contactos en Uzbequistan. A Gala é o preámbulo do 31º Congreso de CIRCOM Regional, o organismo que abrangue a 260 estacións de televisións rexionais de 34 países europeos e que se celebra hoxe xoves e mañá venres na Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago, organizado pola CRTVG.
O galardón, que estivo patrocinado polo Consello de Europa, foi entregado aos gañadores polo presidente de Circom Regional, Jacques Briquemont. Ao mesmo tempo foron entregados outros nove premios finalistas nas categorías de documentais, magazines, vídeo xornalismo, deportes, minorías, programa orixinal, estrela emerxente, ficción-drama e interacción social. Os finalistas foron representantes de televisións europeas como a BBC (Reino Unido), FR3 (Francia), OF, L-1 e RTV (Holanda), NRK (Noruega), e BNT (Bulgaria). Os Prix Circom están considerados os máis importantes de Europa das televisións públicas rexionais.
Na Gala espectáculo do Hostal, trasmitida pola Televisión de Galicia e en streaming por internet, actuaron artistas galegos como Xosé Manuel Budiño, Patricia Moon e Sés. Por outra parte, no dia de onte mércores continuaron as reunións preparatorias do congreso como a xuntanza do comité europeo de Circom Regional para a celebración do congreso ao que van gasistir preto de 300 delegados de toda Europa e que se convocou baixo o lema “The Way Forward“ (O Camiño adiante).