CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Festa por todo o alto en 'Bamboleo', que contará coas actuacións de Nuria Fergó, Javi Mota e El Combo Dominicano

23/01/2021

Os colaboradores do programa, Tamara e Claudio, farán das súas cos xogos que teñen preparados para os convidados e Isi compartirá co público as súas singulares e divertidas historias

Festa por todo o alto en 'Bamboleo', que contará coas actuacións de Nuria Fergó, Javi Mota e El Combo Dominicano

Santiago, 23.01.2021.-    A festa regresa esta noite á Televisión de Galicia con ‘Bamboleo’ (22.00 h). Xosé Manuel Piñeiro recibirá hoxe unha das participantes máis queridas da primeira edición dun prestixioso talent musical: Nuria Fergó. A andaluza visita o estudio para presentar un adianto do seu novo álbum, un tema moi especial en que comparte unha historia persoal e que leva por título ‘Quererme solo yo’. Ademais, interpretará outros éxitos como ‘La vida son solo dos días’, canción oficial da Vuelta a España, e ‘Bailando bajo la lluvia’, un tema moi bailable e alegre.

Os colaboradores do programa, Tamara e Claudio, farán das súas cos xogos que teñen preparados para a cantante, e Isi compartirá co público as súas singulares e divertidas historias.

‘Bamboleo’ contará tamén coa presenza de Javi Mota, cantante que triunfou na verbena galega e que actualmente arrasa coa súa carreira en solitario como cantante, bailarín, actor e modelo. Hoxe vén ao programa para presentar ‘El despertar’, un tema composto polo propio artista.

Ademais, unha das orquestras con máis éxito na verbena galega, El Combo Dominicano, estará esta noite no espazo da TVG para animar o espectáculo co seu ‘swing’ e interpretar unha variada selección de temas. Ademais, a emblemática compañía de baile Nova Galega de Danza presentará o seu novo espectáculo, ‘Leira’, e compartirá cos espectadores algunhas das súas vivencias polo mundo adiante.

No ‘Agora ou Nunca’, os participantes desta noite, Salomé Varela e Juanma Freiría, interpretarán os éxitos ‘Tough Love’, de Etta James, e ‘Me gusta todo de ti’, de Noche de Brujas.

Por outro lado, os representantes dos clubs deportivos de Patinaxe Artística Omega de Ames e o Club Taekwondo ITF Coirós enfrontaranse no karaoke de ‘A Jrileira’ co tema ‘Te vas’, de Américo, e adiviñando intérpretes. E na ‘ITV do Amor’ un concursante do público xogará contra Fani e tres posibles mozos para adiviñar cal dos tres é súa parella.