CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Ferrado e medio' e 'Mar de ardora' da RG inician exteriores esta temporada desde Xanceda e o faro de Lariño

20/09/2021

Ambos os dous espazos, dirixidos e presentados por Xusto López Carril, emitiranse na fin de semana

'Ferrado e medio' e 'Mar de ardora' da RG inician exteriores esta temporada desde Xanceda e o faro de Lariño

Santiago, 20.09.2021.-  Os programas da Radio Galega ‘Ferrado e medio’ e ‘Mar de ardora’, dirixidos e presentados por Xusto López Carril, fan as súas primeiras saídas esta temporada. A proposta especializada no agro, na actualidade e no relato de historias humanas relacionadas co sector primario gravarase esta tarde na Casa Grande de Xanceda, en Mesía; mentres que o espazo centrado no mundo do mar realizarase o mércores desde o faro de Lariño.

‘Ferrado e medio’ dirixirase esta tarde á Casa Grande de Xanceda para interesarse polos modelos alternativos no rural, polo emprendemento e a gandería sostible e ecolóxica, e contará coa participación de convidados expertos.

Pola súa parte, o mércores o ‘Mar de ardora’ encamiñarase cara ao faro de Lariño, en Carnota, inaugurado como hotel este verán, onde conversará con David Trillo, coñecido como o ‘Robinsón das illas Lobeira’, propietario da navieira Jalisia e buscador do mar de ardora por toda Galicia, e con Primitivo Pedrosa, de Muros, pescador artesanal, mariñeiro e patrón dunha embarcación de artes menores, é todo un experto no polbo, na súa actividade e captura

As gravacións dos dous espazos desenvolveranse de acordo coas medidas de saúde e seguridade pertinentes por mor da pandemia, e poderanse escoitar na emisora pública ás 7.00 horas o domingo e o sábado, respectivamente.