CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Familia Caamagno trae á G2 un novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’, con divertidas e frescas propostas musicais

15/09/2021

A banda de Oroso achega esta noite os temas do seu último traballo discográfico ‘Había que intentalo’

Familia Caamagno trae á G2 un novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’, con divertidas e frescas propostas musicais

Santiago, 15.09.2021.- O ciclo de concertos ‘Galicia Emerxe’ continúa este mércores na G2 coa actuación, a partir das 23.25 h, de Familia Caamagno, divertida banda de Sigüeiro formada en 2010 por cinco músicos: Toni Caamagno (batería e coros), Lano Caamagno (guitarra baixa), Francesco Caamagno (guitarra de ritmo e coros), Jess Caamagno (guitarra de punteo) e Manuele Caamagno (voz e saxofón).

Familia Caamagno traerá esta noite a ledicia dos temas que inclúe no seu último LP, ‘Había que intentalo’, un disco máis achegado ao power pop que ao garaxe. Aínda que o seu son continúa na liña dos dous anteriores traballos, ‘Hai que andar cos tempos’ e ‘Para unha vez que saímos’, mantense o seu gusto polo rock dos 60 e as melodías crecen e gañan frescura.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.