CRTVG Viva
A saúde mental na adolescencia, protagonista da campaña de UNICEF e CRTVG
TVG, Radio Galega e os medios dixitais emitirán desde o luns 14 ata o domingo 20 de novembro, Día Mundial da Infancia, contidos especiais relacionados coa protección da infancia
A audiencia poderá colaborar con UNICEF mediante o envío de SMS solidarias coa palabra AXUDA ao 28028. Co custo dunha mensaxe, 1,2 €
A campaña contará coa participación de cativos en programas como o ‘ZigZag’ ou 'Galicia en Goles'

Santiago, 11.11.2022.- No marco da súa política de Responsabilidade Social Corporativa, a CRTVG únese un ano máis a UNICEF na XII Semana coa Infancia, que se desenvolverá desde o luns 14 ata o domingo 20 de novembro.
Ao longo de toda a semana, os programas informativos da TVG e da Radio Galega ‘Telexornal Mediodía’, ‘Telexornal Serán’, ‘Bos Días’, ‘A Revista’, ‘Galicia Noticias’ ‘Galicia por Diante’, ‘A Bóla Extra’, ‘A Tarde’, ‘A Crónica’, ‘Convivir’, ou mesmo o espazo ‘#DígochoEu’ colaborarán emitindo contidos e entrevistas relacionados co impacto das Tecnoloxías da Relación, a Información e a Comunicación (TRIC) na saúde mental da adolescencia; a educación en dereitos e a figura do coordinador de benestar e protección nos centros educativos; a privación material infantil e o impacto dos Presupostos Xerais do Estado na infancia ou como exercen os rapaces e rapazas o dereito á participación no X Foro de Participación Infantil e Adolescente no Parlamento de Galicia.
Así, o ‘Bos días’ do luns contará con Myriam Garabito, presidenta de UNICEF Galicia, o do venres con Gabriel González-Bueno, especialista en políticas de infancia de UNICEF España, e o sábado con Óscar Belmonte, de UNICEF Educación. ‘A revista’ emitirá o xoves unha entrevista en directo con Blanca Carazo, responsable de programas de UNICEF España, e ao longo da semana darase conta do X Foro de Participación Infantil e Adolescente no Parlamento de Galicia e visitarase un colexio de Poio (Pontevedra) recoñecido como referente na educación en dereitos.
Xa o domingo 20 de novembro, Día Mundial da Infancia, a CRTVG promoverá que a infancia e a adolescencia teñan voz, polo que se convidará nenos e nenas de varios municipios de Galicia a converterse, durante uns minutos, en xornalistas. Os máis pequenos serán os protagonistas do programa cultural ‘ZigZag’, compartindo tarefas de presentación con María Solar.
Un ano máis, ‘Luar’ ofrecerá, o venres 18, unha edición especial en que se coñecerá o labor de UNICEF para paliar o grave aumento da desnutrición derivado da inflación, a seca e o conflito de Ucraína ou como a organización promove a nutrición, a saúde e o dereito á auga, á hixiene e ao saneamento da infancia máis vulnerable.
Na Radio Galega, entre outros contidos, o ‘Galicia en Goles’ do domingo 20 dará de novo voz á infancia. Julia, 9 anos, de Redondela, entrevistará, xunto ao xornalista Tony López García, a Susana Rodríguez Gacio, médica e campioa paralímpica de tríatlon. A estas accións cómpre engadir a colaboración do portal web e as redes sociais da CRTVG, que apoiarán a campaña co cancelo #SemanacoaInfancia e visibilizarán a importancia de promover os dereitos da infancia recollendo as entrevistas, noticias e reportaxes nunha canle temática en www.crtvg.gal.
Saúde mental e impacto da guerra
Este ano, UNICEF pon o foco na saúde mental da infancia e a adolescencia. Achegaranse os datos de acoso escolar e ciberacoso, en Galicia e en España, e como inflúen nos niveis de benestar emocional, integración social e satisfacción coa vida dos nenos e nenas que os sofren. Outra das temáticas será tratar como previr e actuar ante casos de violencia desde o ámbito educativo. Farase fincapé na importancia da implantación da figura do coordinador de benestar e protección nos centros educativos, tal e como establece a Lei Orgánica de Protección Integral á Infancia e á Adolescencia fronte á Violencia (LOPIVI). Analizarase tamén o impacto da guerra de Ucraína, a seca e a inflación, que deron como resultado un grave aumento da desnutrición no Corno de África, en países como Somalia ou Sudán do Sur, ou o aumento da pobreza na Federación Rusa, Romanía e a propia Ucraína.
A audiencia poderá colaborar con UNICEF mediante o envío de SMS solidarias coa palabra AXUDA ao 28028. Co custo dunha mensaxe, 1,2 €, UNICEF poderá proporcionar tratamento durante un día a un neno con desnutrición aguda grave. Tamén poderá promover os dereitos da infancia na páxina unicef.es. Con 10 euros ao mes durante un ano, UNICEF pode dar tratamento durante un día contra a desnutrición a 100 nenos.
IMPORTE DO SERVIZO DE SMS 1,2 € ÍNTEGROS PARA UNICEF. Movistar, Vodafone, Orange, Amena, Euskaltel e Yoigo. Operado por UNICEF. N.atn.clte: 900 907 500, Información legal e protección de datos: www.unicef.es
Myriam Garabito, presidenta de Unicef Galicia, presentou no 'Bos días' da TVG a campaña #PorTodosMisCompañeros

Santiago, 18.11.2019.- A presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito Cociña, foi entrevistada no ‘Bos días’ da Televisión de Galicia con motivo da Semana coa Infancia, iniciativa solidaria que os medios públicos e UNICEF poñen en marcha ata o domingo 24 de novembro.
A CRTVG e Unicef únense na Semana coa Infancia para mellorar a saúde, a educación e a protección de nenas e nenos
A TVG e a Radio Galega emitirán esta semana contidos especiais co lema #PorTodosMisCompañeros, co obxectivo de avanzar na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU

Santiago, 17.11.2019.- A CRTVG e UNICEF poñen hoxe en marcha a Semana coa Infancia, iniciativa solidaria que terá lugar ata o 24 de novembro con contidos especiais na televisión e na radio públicas para sensibilizar sobre os nenos e nenas que morren por causas evitables, non van á escola ou non están protexidos ante a explotación, a violencia ou o abuso. Os medios públicos galegos enmarcan este apoio na súa responsabilidade social corporativa, que, como no caso das #AcciónsG desenvolvidas ao longo do ano, ten como obxectivo lograr unha sociedade mellor e máis responsable. Nesta campaña, a CRTVG e UNICEF alíanse para acadar os seguintes Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU: ODS 2, Fame Cero; ODS 3, Saúde e Benestar; ODS 4, Educación de Calidade; ODS 5, Igualdade de Xénero; ODS 6, Auga limpa e saneamento; ODS 10, Redución das desigualdades e; ODS 16, Paz, Xustiza e Institucións sólidas.
Os programas da TVG ‘Bos días’, ‘A revista’, ‘Telexornal mediodía’ e ‘Telexornal serán’, colaborarán emitindo entrevistas e reportaxes con contidos relacionados cos nenos que se ven obrigados a fuxir a causa da violencia ou os millóns de nenos que traballan cada día nas condicións máis extremas, pero tamén de todas as propostas aprobadas por todos os grupos no Parlamento de Galicia para mellorar a vida das nenas e nenos en Galicia. O espazo da tarde ‘Fun polo aire’ cubrirá o acto conmemorativo do 20-N, Día Universal do Neno, que se celebra no Concello de Ponteareas e no ‘Vin polo vento’ un neno e unha nena de Moeche e Cabanas trasladarán as propostas que elaboraron no Manifesto de Castrelo para mellorar a situación de pobreza na súa contorna ou avanzar nas opcións de participación infantil na comunidade. Na fin de semana, ‘A revista FDS’ amosará a división de subministracións de UNICEF en Copenhague e como a organización fai chegar alimentos, vacinas ou material escolar aos nenos de todo o mundo. Outro ano máis, o 'Luar' e o 'Aquí Galicia' comprometeranse na iniciativa e así o amosarán nos programas especiais do venres e o sábado respectivamente. Presentadores da Televisión de Galicia, como Lucía Regueiro, Amiga de UNICEF Comité Galicia; Monti Castiñeiras, Ledicia Sola ou Víctor Fábregas implícanse tamén nesta Semana coa Infancia da CRTVG e UNICEF.
Tamén a Radio Galega súmase á campaña. O ‘Galicia por diante’, ‘A tarde’, ‘A crónica’ ou ‘Galicia por diante fin de semana’ contarán con contidos especiais e entrevistas nas que os protagonistas son os nenos e nenas de Galicia centradas en temas de actualidade como o cambio climático. Pola súa parte, o equipo de ‘Galicia en goles’ tratará temáticas como a promoción do deporte e os hábitos saudables para loitar contra a obesidade e o exceso de peso, como se promove o deporte dende os centros escolares ou como grazas a grandes aliados do mundo do fútbol facilitamos o acceso ao deporte a nenas e nenos no Brasil ou en Ghana. Na emisora pública, actuarán como “mensaxeiros” da campaña os presentadores, Xoán Galán, Antón Rebollido e Clara de Saa, entre outros. A estas accións súmase tamén a colaboración do portal web e as redes sociais da CRTVG, que apoiarán a campaña e recolleran as noticias nunha canle temática en www.crtvg.gal.
A audiencia galega poderá tamén colaborar enviando SMS solidarias coa palabra AXUDA ao 28028. Co custo dunha mensaxe, 1,2€, UNICEF poderá, por exemplo, subministrar alimento terapéutico a un neno con desnutrición aguda durante un día. A audiencia tamén poderá colaborar chamando ao 900 907 133 ou na páxina portodosmiscompañeros.es.
IMPORTE DO SERVIZO DE SMS 1,2€ ÍNTEGROS PARA UNICEF. Movistar, Vodafone, Orange, Amena, Euskaltel e Yoigo. Operado por UNICEF. N.atn.clte: 902228028, sms unicef.es. Info. legal e protección datos: www.unicef.es