CRTVG viva
O Mes das Letras Galegas comeza nos medios públicos con contidos especiais dedicados a Carvalho Calero
A Radio Galega inicia mañá, 1 de maio, a emisión diaria de pílulas con fragmentos da obra do crítico, ensaísta e creador literario ferrolán, amais de ofrecer o Día das Letras especiais sobre o autor homenaxeado
Arredor do 17 de maio, a TVG estreará en televisión ‘A amnesia de Clío’, a primeira ópera en galego, e o espectáculo musical ‘Son galego, son cubano’

Santiago, 30.04.2020.- Os medios públicos galegos poñen en marcha desde este venres, 1 de maio, unha programación especial con motivo das Letras Galegas. Aínda que os actos centrais do Día das Letras se aprazaron pola crise sanitaria ao 31 de outubro, un día despois do 110 aniversario do nacemento do intelectual ferrolán, a CRTVG vai ter contidos específicos ao longo de todo o mes dedicados á figura e obra de Ricardo Carvalho Calero.
A Radio Galega comezará este 1 de maio a emisión de cápsulas diarias con fragmentos da obra de Carvalho Calero, apoiadas pola voz da xornalista Isabel Freire. Ao longo da primeira quincena, o legado do autor homenaxeado estará moi presente na programación da emisora pública.
A semana do 10 ao 17 de maio, no ‘Diario cultural’ emitiranse entrevistas con persoas expertas sobre o homenaxeado. Todos estes contidos especiais estarán dispoñibles no enderezo diariocultural.gal. Tamén o propio Día das Letras, na Radio Galega achegarase o especial ‘Arredor de nós’, dedicado ao escritor, así como microespazos sobre a súa vida e obra, coa participación de persoas moi coñecedoras da súa biografía.
A primeira ópera en galego e monográficos sobre o autor
Arredor do Día das Letras, Televisión de Galicia ofrecerá unha biografía de Carvalho Calero nun especial ‘Contraportada’ e un ‘Zigzag das Letras’ debullará a vida e a obra do autor. Este monográfico acompañarase de imaxes de arquivo e do testemuño de numerosos convidados, entre amigos, familiares e alumnos do intelectual ferrolán.
Cómpre salientar tamén a estrea en televisión, o 16 de maio, da representación de ‘A amnesia de Clío’, a primeira ópera en galego, composta por Fernando Buíde, con texto do dramaturgo Fernando Epelde e interpretada pola Real Filharmonía de Galicia, baixo a batuta de Paul Daniel. Á fronte das voces sitúanse a soprano Raquel Lojendio, a mezzosoprano Marina Pardo, o barítono Sebastiá Peris e o Orfeón Terra A Nosa de Compostela.
Neste senso, os espectadores da Galega tamén poderán gozar o 17 de maio co espectáculo musical ‘Son galego, son cubano’, desenvolvido por Roi Casal conxuntamente con Neira Vilas ata o falecemento deste último, en novembro de 2015. Esta posta en escena, con grandes músicos de ambos países e con letras do escritor, vista por primeira vez no Gran Teatro da Habana en 2016, está considerada como unha fermosa homenaxe ao propio Neira Vilas e á emigración galega en Cuba, onde o autor residiu 31 anos.
Televisión de Galicia prepara tamén contidos específicos para ofrecer este mes, como as cortinas creadas sobre o crítico, ensaísta e creador literario homenaxeado, que serán visibles ao longo de toda a programación. Outra das propostas da TVG para celebrar o Mes das Letras é a emisión dunhas pezas, baixo o lema ‘Quérote en galego’, en que actores e presentadores dos medios públicos lle dedicarán á audiencia a súa palabra favorita na nosa lingua, unha palabra que ten unha conexión emocional coas súas vidas.
Cine galego de estrea
Haberá estreas de cinema galego e na G2 ofreceranse catro noites temáticas, entre o 12 e o 15 de maio, onde a través de programas e documentais se recollerán as súas opinións, traxectoria, biografía, entrevistas e testemuños de expertos sobre o autor.
No que respecta ás propostas cinematográficas, destaca a estrea de dúas películas galegas participadas pola Televisión de Galicia. O 14 de maio poderase ver a adaptación cinematográfica de ‘A estación violenta’, primeira longametraxe de Anxos Fanzás, baseada na novela homónima de Manuel Jabois, e o día 17, en primicia en televisión, ‘A sombra da lei’, filme de época dirixido por Dani de la Torre, con Luís Tosar como protagonista.
A maiores, os espazos informativos da TVG achegarán contidos diversos sobre o catedrático e escritor ferrolán ao longo de todo mes e a CRTVG empregará a súa web e redes sociais coma outra fonte divulgadora.
#Coidémonos #SairemosXuntosDisto
TVG participa na exposición homenaxe a Carvalho Calero achegando imaxes propias históricas do intelectual galego
A mostra, que conmemora o centenario do nacemento do intelectual galego, pode visitarse en Ferrol desde hoxe

Santiago, 18.01.2011.- A Galega únese á conmemoración do centenario do nacemento do intelectual galego Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago,1990), achegando un significativo material audiovisual propio que documenta as imaxes da vida e obra do escritor ferrolán e que se poderá ver na exposición dedicada a el que se inaugura hoxe en Ferrol, no centro cultural “Carvalho Calero”, durante un mínimo de quince días.