CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Estrea este domingo na TVG da película 'Elisa e Marcela', sobre o primeiro matrimonio homosexual en España

23/06/2020

Coincidindo coa fin de semana do Orgullo Gay, tamén se está a ver estes días noutras canles autonómicas de Forta

Dirixida por Isabel Coixet e rodada en Galicia, narra unha historia convertida en icónica loita pola igualdade de dereitos e a liberdade sexual

Estrea este domingo na TVG da película 'Elisa e Marcela', sobre o primeiro matrimonio homosexual en España

Santiago, 23.06.2020.-    A Televisión de Galicia estrea este domingo, coincidindo co Día do Orgullo Gay, a película Elisa e Marcela, sobre o primeiro matrimonio homosexual rexistrado en España. Especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero, tamén se está a ver estes días noutras canles autonómicas, como TV3, Aragón TV, Castilla-La Mancha Televisión e Televisión de Canarias. Con esta estrea conxunta, as televisións públicas asociadas en Forta pretenden apoiar este colectivo.

No ano 2018 comezou a rodarse, baixo a dirección de Isabel Coixet, esta película orixinal de Netflix, coproducida por Televisió de Catalunya, Canal Sur e Televisión de Galicia, que conta tamén co apoio de Radiotelevisión Canaria, Castilla-La Mancha Televisión e Aragón TV. A produción foi levada a cabo por Rodar y Rodar, Zenit TV, Lanube Películas e Movies Production AIE, coa asociación de Film Factory, a colaboración de ICEC (Institut Catalá de les Empreses Culturals) e a subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Rodado en parte en Galicia, con localizacións na comarca de Fisterra e nas cidades de Pontevedra, Santiago e A Coruña, o filme desenvolve unha historia convertida en icónica loita pola igualdade de dereitos e a liberdade sexual. Coas actrices Natalia de Molina e Greta Fernández como protagonistas e cun amplo elenco galego, en que figuran Sara Casasnovas, María Pujalte e Tamar Novas, Elisa e Marcela, baseada en feitos reais, retrata o casamento celebrado na Coruña en 1901 entre dúas mestras galegas que, tras seren descubertas, ocuparon as portadas de diarios de todo o mundo e tiveron que exiliarse, xa que foron perseguidas polas autoridades do momento.

A película comeza en 1885, cando Elisa e Marcela se coñecen na escola onde traballan. O que comeza como unha grande amizade remata nunha relación amorosa que teñen que vivir ás agochadas. Os pais de Marcela sospeitan desta relación e envíana ao estranxeiro uns anos. Á súa volta, o reencontro con Elisa é máxico e deciden ter unha vida en común. Ante a presión social e as murmuracións, deciden trazar un plan: Elisa abandonará un tempo a vila para volver convertida en Mario e poder casar con Marcela, pero non todo será doado para este amor non recoñecido.