CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

O ‘Galicia en Goles’ retransmite o domingo o Betis-Celta e o Sporting de Xixón-Lugo

30/12/2021

Os gañadores das San Silvestre, protagonistas no programa do sábado 1

 

 

O ‘Galicia en Goles’ retransmite o domingo o Betis-Celta e o Sporting de Xixón-Lugo

Santiago, 30.12.2021.- O dous mil vintedous comeza con emocións fortes para o deporte galego. Volve a Liga de Fútbol Profesional tras a paréntese da fin de semana do Nadal.

O sábado, Rodrigo Pérez ponse aos mandos do primeiro 'Galicia en Goles' do 2022. Desde as seis da tarde resumirá cos protagonistas o sucedido o venres nas clásicas San Silvestre, desenvolvidas nas principais cidades galegas e tamén nas vilas máis pequenas, onde pechar o ano correndo tamén é unha tradición. Ata as once da noite, o programa analizará os primeiros partidos da Liga de fútbol programados para o día seguinte. Na última hora do día chegará a actualidade do motor no 'Gas a fondo' e a crónica olímpica, no 'Galicia en París'.

Xa o domingo, a edición matinal comezará ás doce do mediodía e desde as tres da tarde Xoán Galán conduce a sesión de tarde. A atención estará posta no Betis-Celta, desde o Benito Villamarín, e no Sporting-Lugo, no Molinón. Roberto Carlos Carballo viaxa ata Sevilla, mentres Andrés Vieites desprazarase a Xixón. Logo dos partidos, os oíntes poderán escoitar en exclusiva as entrevistas aos futbolistas máis destacados, ademais das roldas de prensa dos adestradores.

Na fin de semana, a audiencia tamén pode escoitar o 'Convivir Deportivo', á unha da tarde, da man de Alfonso Pardo. E o domingo, ás once da noite e unha vez rematada a xornada, Toni López abre a mesa de debate dos especialistas no 'Contraataque'.

A Radio Galega programa para a véspera de Reis outra edición especial de 'Galicia en Goles' desde o estadio Balear. Alí, o Celta afronta unha nova eliminatoria da Copa do Rei. O rival é o potente Atlético Baleares, un dos principais candidatos no grupo segundo da Primera RFEF para ascender á Segunda Profesional. A retransmisión comezará ás oito menos cuarto da tarde.