CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Encerrado', de José Luis Baños de Cos; 'Interior dun coche fúnebre', de Eva María Gontad, e 'Última chamada', de Francisco Peleteiro, gañadoras do certame Escoitamos Teatro da Fundación SGAE e a RG

16/05/2023

O concurso persegue impulsar o xénero do radioteatro e fomentar a creación teatral en galego

A Radio Galega programará en outono as tres pezas tanto pola FM como polas súas plataformas dixitais e en RadioGalegaPodcast.gal

'Encerrado', de José Luis Baños de Cos; 'Interior dun coche fúnebre', de Eva María Gontad, e 'Última chamada', de Francisco Peleteiro, gañadoras do certame Escoitamos Teatro da Fundación SGAE e a RG

Santiago, 16.05.2023.-    Escoitamos Teatro é o certame de obras dramáticas en galego para radio e podcast en que colaboran a Fundación SGAE e a Radio Galega, e co que se fomenta a creación teatral en galego a través do impulso aos seus autores, e a produción e difusión das súas obras. Na véspera do Día das Letras Galegas, a Fundación SGAE anunciou este martes os textos gañadores do premio ‘Escoitamos Teatro 2023’.

Entre os orixinais presentados, todos eles inéditos, os gañadores son estes tres relatos: ‘Encerrado’, de José Luis Baños de Cos; ‘Interior dun coche fúnebre’, de Eva María Gontad; e ‘Última chamada’, de Francisco Peleteiro. O concurso está dotado con 3.000 euros en premios achegados pola Fundación SGAE e a Radio Galega. Así, cada un dos tres gañadores desde certame recibirá un premio de 1.000 euros. As obras resultantes, en formato de radioteatro/podcast, serán divulgadas nas plataformas dixitais da Fundación SGAE e a Radio Galega vainas programar este outono en horario de ampla audiencia e tamén as difundirá nas súas plataformas dixitais, en RadioGalegaPodcast.gal.

En xuño comezará no estudio da Fundación SGAE en Santiago de Compostela a dramatización, gravación e produción das obras por un equipo profesional.

As obras seleccionadas:


- ‘Encerrado’ desenvólvese no velorio dunha moza asasinada. O seu profesor asiste ao tanatorio e queda encerrado no ascensor co repartidor de flores. A conversa entre ambos cambiaralle a vida. O autor do texto é José Luis Baños de Cos, cuxas obras recolleron nos últimos anos o Premio Abrente da MIT de Ribadavia (2019), o Premio Barriga Verde (2022) ou o Premio Roberto Vidal Bolaño en dúas ocasións (2020 e 2022).

- En ‘Interior dun coche fúnebre’, dous empregados dunha funeraria transportan un cadaleito pola autoestrada. Un deles, traballador modélico, reflexiona sobre a súa vida ante o outro, contratado en prácticas e fillo da dona. É unha creación da autora e actriz Eva María Gontad. Nada en Cotobade (Pontevedra), debutou como dramaturga xunto a  Begoña García Ferreira en ‘Charlie’s Angels’ sex’ (Teatro Cachuzo) e forma parte do colectivo Walkitalkis de teatro radiofónico na Rede.

- En ‘Última chamada’, dúas amigas están a piques de subir a un avión para mudarse xuntas ao Brasil. No aeroporto, unha delas confésalle un segredo á outra e xera un dilema inesperado. O autor do texto, o vigués Francisco Peleteiro, ten ampla experiencia nas artes escénicas e o audiovisual como autor, adaptador, actor ou docente. No ámbito do radioteatro foi finalista do V Premio de Teatro Radiofónico da Radio Galega (2011).