CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

En 'O Final do Camiño', os escravos reclámanlle a Gonzalo que xulgue o seu irmán por asasinato

24/01/2021

Por outro lado, no concilio de Husillos dirímese o xuízo por traizón a Peláez e a elección dun novo bispo

En 'O Final do Camiño', os escravos reclámanlle a Gonzalo que xulgue o seu irmán por asasinato

Santiago, 24.01.2021.-    Despois da rebelión do bispo Peláez no capítulo anterior de ‘O Final do Camiño’ (23.20 h), a cidade de Compostela atópase agora na miseria. A situación é insostible, o que obriga a Gonzalo a facerse valer para evitar unha traxedia.

E sempre que a miseria campa ás súas anchas, hai alguén que saca beneficio. Neste caso, Tomás. A fame á que están sometidos os escravos musulmáns provoca que un neno roube pan no mercado e, na súa fuxida, un mercador remate morto. Para evitar ser acusado de causar os problemas da cidade, Tomás ofrece unha recompensa pola cabeza do mozo mouro.  

Mais este non é o único problema de Gonzalo. Os escravos reclaman xustiza para Ahmed e que Pedro sexa xulgado por asasinato. Gonzalo protexe o seu irmán enviándoo a custodiar a porta de entrada da cidade, sen saber que está a facilitar o plan dos almorábides para arrasar Compostela.

Mentres, no Concilio de Husillos, dirímense dous asuntos de vital importancia: o xuízo por traizón a Peláez e a elección dun novo bispo para a cidade. Dous asuntos en que os intereses de Constanza, Xelmírez, Simón e Odamiro se enfrontan sen contemplacións.