CRTVG Viva
“EIRADO” fala con Xosé Neira Vilas do 50 aniversario de “Memorias dun neno labrego”

Santiago, 05.02.2011.- O 50 aniversario da publicación da novela “Memorias dun neno labrego” será hoxe, a partir das 23.00 horas, protagonista no programa “Eirado”, que recibirá a visita do escritor Xosé Neira Vilas para falar do libro máis lido e traducido da literatura galega. A historia de Balbino, un rapaz de aldea, que marcou a varias xeracións, publicouse en Arxentina en 1961 e alcanzou xa a súa trixésimo primeira edición, convertida nunha obra referente da literatura universal. O presentador do programa, Pemón Bouzas, falará tamén con Neira Vilas do traballo desenvolvido pola fundación que leva o seu nome.
O espazo da segunda canle da Galega tamén conversará esta noite coa actriz María Barcala, protagonista xunto a Lucía Regueiro da obra teatral “Memoria de Helena e María”, unha produción de Teatro do Atlántico que presenta a historia dunha nai e unha filla. Na montaxe, que arranca ao inicio da Guerra Civil e chega ata o ano 95, a vinganza, os danos colaterais, a miseria e a soidade son tamén personaxes principais.
Por outro lado, “Eirado” achegarase a unha das estreas cinematográficas máis destacadas da semana: a película “127 horas”, dirixida por Danny Boyle e protagonizada por James Franco. O filme está baseado na historia real de Aaron Ralston, un montañeiro americano que se amputou o brazo tras quedar atrapado nunhas rocas.
Ademais, o programa visitará en Cee o Museo da Fundación Fernando Blanco, un lugar cheo de historias e de xoias a través das que se pode coñecer como era a localidade hai anos. O museo conserva un rico patrimonio que funde as súas raíces a finais do século XIX.
Coma sempre, no “Eirado” tamén haber tempo para a música en directo. O programa contará coa actuación de Sés, un proxecto liderado por María Xosé Silvar que abarca un gran abano de xéneros con distintos ritmos que van desde o blues ata o rock, pasando pola música latina.