CRTVG viva
#DígochoEu, premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua
Foi galardoado na categoría de Mellor Comunicación e Impacto
Da man dos xornalistas Carlos Amado e Esther Estévez, coa revisión do servizo de asesoramento lingüístico da CRTVG, o espazo segue a arrasar nos medios dixitais e entre o público máis novo

Santiago de Compostela, 24.03.2021.- #DígochoEu, o proxecto da CRTVG arredor da lingua, é o gañador do Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) na categoría de Mellor Comunicación e Impacto.
Estes premios teñen a finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións e proxectos que fomenten a lingua e a procura do incremento do seu uso e prestixio, así como recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos. Promovido pola CTNL coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o certame tamén premiou Enreguéifate e Regueifesta, como mellor proxecto estabilizado; Galeguiza-T, como mellor proxecto novo; Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega, como programa máis innovador; Projeto Educativo Semente, como mellor proxecto destinado á infancia; e Galegoempresas, como mellor proxecto dun ámbito sectorial. O galego, a miña lingua recibiu ademais unha mención especial por ser un modelo de calidade extrapolable a outras entidades.
#DígochoEu fixo un ano de vida o 1 de xaneiro e neste 2021 segue a bater marcas de seguimento nas redes sociais, sumando máis de 12 millóns de visualizacións na rede social TikTok, en que é seguido maioritariamente, desde a súa estrea en outono, por mozos e mozas e estudantes de galego de centros de ensino de toda Galicia. O proxecto achégase xa aos 100.000 seguidores nesta rede social na que, cun formato extremadamente divertido e dinámico, a xornalista Esther Estévez convida a falar mellor en galego nun breve vídeo, editando un capítulo diario cunha palabra incorrecta, de uso común, e ofrecendo sinónimos e consellos para darlle unha reviravolta a esas expresións. #DígochoEu naceu dentro da web dos servizos informativos e hoxe pode verse na web crtvg.gal, en g24.gal, así como nas contas de Instagram (@g24noticias), Twitter (@g24noticias), Facebook (g24noticias), Youtube (youtube.com/tvg) e TikTok (tiktok.com/@digochoeu) e no Telexornal da TVG. Está dirixido polo xornalista Carlos F. Amado e presentado por Esther Estévez, coa revisión do servizo de asesoramento lingüístico da CRTVG da man de Rocío Pérez.
Ademais do seu éxito de impacto e audiencia, #DígochoEu recolleu tamén en febreiro o recoñecemento do Premio Paraugas de Comunicación e Marketing na categoría de Mellor Execución de Idea. E nestas últimas semanas foi parte activa do proxecto ‘21 días co galego e +’, coa participación de dez centros de ensino galegos, que puideron coñecer máis de cerca como se crea, cada día, este proxecto da CRTVG, que naceu para espallar o uso correcto do galego e achegarse moi especialmente ao público máis novo dos medios públicos.