CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Despois de ter que facerse cargo do clan dos Canosa, Sofía non está disposta a ceder o poder en 'Método criminal'

02/05/2021

Mentres tanto, Luís segue coas súas sesións de terapia e intenta recompoñer a súa relación con Gaila

Despois de ter que facerse cargo do clan dos Canosa, Sofía non está disposta a ceder o poder en 'Método criminal'

Santiago, 02.05.2021.-  Como verán esta noite os espectadores de ‘Método Criminal’ (23.45 h), a parella que forman Sofía e Damián non está pasando polo seu mellor momento. Despois da detención de Damián e de ter que facerse cargo do clan, Sofía puido comprobar que o poder lle senta ben e non está disposta a ceder ante o seu home. Agora a súa prioridade é acabar coa banda rival e ordénalles aos homes do clan dos Canosa que se preparen para a loita.

Mentres tanto, Luís segue coas súas sesións de terapia e cóntalle a Natalia, a súa psicóloga, todos os detalles da súa relación con Damián. Ela aconséllalle unha terapia conxunta cos dous para limar asperezas, algo que Luís non ve con malos ollos e proponllo a Damián.

Ao mesmo tempo, Luís intenta recompoñer a súa relación con Gaila. Despois do desastroso resultado da cea que provocou a ruptura de Tuco e Gaila, Luís cédelle a vivenda á súa filla como mostra do seu arrepentimento, pero Gaila segue enfadada co seu pai. Na produtora, Susana e Adrián intentan recompoñer o proxecto despois de que quedaran sen director, pero chega aos seus oídos que outra produtora está preparando un proxecto sobre os irmandiños. Valorando todas as opcións das que dispoñen, concertan unha cita coa outra produtora para coñecer máis datos sobre o proxecto e valorar se pode saír adiante.