CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

'Desmontando Galicia' descubrirá hoxe todos os segredos dos pazos galegos máis emblemáticos

25/10/2021

O programa visitará Meirás, Fefiñáns, o Faramello e Baión para analizar a relevancia e o papel na sociedade galega destas edificacións cheas de historia

'Desmontando Galicia' descubrirá hoxe todos os segredos dos pazos galegos máis emblemáticos

Santiago, 25.10.2021.-   O programa ‘Desmontando Galicia’ (23.10 h) céntrase esta semana no papel dos pazos na sociedade galega e a súa relevancia, fundamentalmente entre os séculos XVII e XIX. O espazo da TVG percorrerá algunhas das edificacións máis emblemáticas da nosa paisaxe e do noso patrimonio, cun carácter señorial inconfundible. Campesiños, funcionarios e fidalgos pasaron por eles e encheron as súas estancias e xardíns de historias que hoxe desvelarán Isabel Blanco, Diana Nogueira e, como non, o ‘SabichónQuique Morales.

Deste xeito, o espazo da TVG analizará a historia do pazo de Meirás, as súas orixes, os seus diferentes propietarios ao longo do tempo, así como as modificacións que realizaron nel. E o máis curioso de todo, os espectadores descubrirán que non é un pazo como tal.

Ademais, ‘Desmontando Galicia’ investigará en Cambados os segredos que agocha o pazo de Fefiñáns, un pazo urbano impoñente e cheo de historia. O programa tamén viaxará moi preto de Santiago para visitar o pazo do Faramello, unha construción nada ao carón da primeira fábrica de papel de Galicia, o que poderiamos chamar un pazo industrial e cunha relación moi especial co Camiño de Santiago.

O percorrido por algúns dos pazos máis emblemáticos de Galicia rematará no pazo Baión, un espazo que mudou de granxa rural a industria moderna converténdose nun referente vitivinícola da nosa terra.