CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Dani Fernández, Yoli Saa e a orquestra Finisterre porán a música no 'Bamboleo' deste sábado

17/07/2021

Cos seus xogos, os colaboradores do programa, Tamara Pérez e Claudio Pan, porán a proba as habilidades dos convidados

Dani Fernández, Yoli Saa e a orquestra Finisterre porán a música no 'Bamboleo' deste sábado

Santiago, 17.07.2021.-  ‘Bamboleo’ (22.05 h), o espazo presentado por Xosé Manuel Piñeiro a noite dos sábados, recibe hoxe a visita de dous artistas que saborean o éxito no mundo da música coas súas carreiras en solitario: Dani Fernández e Yoli Saa.

Cinco anos despois da disolución do grupo Auryn, Dani Fernández arrasou no panorama musical nacional co seu primeiro disco, ‘Incendios’, e xa está traballando no segundo álbum, ‘Clima tropical’, do que hoxe presentará un adianto. O manchego interpretará en ‘Bamboleo’ outras cancións que se incluíron na reedición do seu primeiro disco, como ‘Bailemos’ e ‘Vértigo’.

A pontevedresa Yoli Saa pasou de cantar no metro de Madrid a ser abreconcertos de Andrés Suárez e a compoñer cancións para artistas como Luz Casal ou Malú. Hoxe cantará o tema ‘Todo contigo’, incluído no seu primeiro EP.

Cos seus xogos, os colaboradores do programa, Tamara Pérez e Claudio Pan, porán a proba as habilidades dos convidados. Isi, pola súa parte, regresa con máis historias singulares.

A orquestra Finisterre converterá o estudio nunha verbena cunha selección de temas moi bailables. O ‘Dirtidansi’, a sección de baile profesional do ‘Bamboleo’, terá como protagonista unha parella de bailaríns galegos, subcampións de bailes caribeños: Vicente e Laura.

No ‘Agora ou Nunca’ participarán Begoña García e José Comesaña, que entoarán dous clásicos como son ‘En el punto de partida’, de Rocío Jurado, e ‘El Rey’ de José Alfredo Jiménez. Na sección ‘A Jrileira’ para entidades deportivas xogarán Alba e Mateo, polo Meira Fútbol Club, e Vero e Andrea, polo Club de Remo Cabo da Cruz, de Boiro. Competirán cantando ‘Bienvenidos’, de Miguel Ríos, e adiviñando intérpretes.

Contra o final do programa, chegará a proba máis picante: ‘A ITV do amor’. Entón Karen, Lara e Yoli farán o posible para que o participante de público non acerte cal delas é a parella de Zaida. A ver quen leva o premio...