CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Comeza na G2 a emisión de 'Merlí', que marcou un antes e un despois nas series sobre a xuventude

13/01/2023

Este éxito da televisión autonómica catalá trata sobre un profesor de Filosofía que estimula os seus alumnos a pensar libremente mediante uns métodos pouco ortodoxos, que dividirán as opinións da clase, o profesorado e as familias

Comeza na G2 a emisión de 'Merlí', que marcou un antes e un despois nas series sobre a xuventude

Santiago, 13.01.2023.-     A partir deste sábado, os espectadores da G2 poderán ver en galego ‘Merlí’, un éxito da televisión autonómica catalá que marcou un antes e un despois nas series sobre a xuventude. Esta produción de TV3 trata sobre un profesor de Filosofía do mesmo nome que estimula os seus alumnos a pensar libremente mediante uns métodos pouco ortodoxos, que dividirán as opinións da clase, o profesorado e as familias.

A serie, que se ofrecerá os sábados ás 14.30 h, consta dun total de 40 episodios, repartidos en tres temporadas e bautizados co nome de diferentes filósofos. Creada e escrita por Héctor Lozano e dirixida por Eduard Cortés, estreouse en TV3 en 2015. Cunha certa influencia de películas como ‘O club dos poetas mortos’, ‘Merlí’ procura facer máis próxima a filosofía a todos os públicos, incluíndo en cada episodio os postulados dalgún gran pensador ou escola.

'Merlí' ten como protagonista un inspirador profesor de Filosofía, interpretado por Francesc Orella, que escolle un grupo de alumnos de Bacharelato para convertelos nos ‘peripatéticos do século XXI’. Como se dun novo Aristóteles se tratase, Merlí ensínalles a cuestionar as cousas e a reflexionar. Polo seu carácter irónico e irritante, esperta antipatías no instituto porque non todos os profesores están dispostos a aguantar as súas manías. Nin tampouco o seu fillo Bruno, o alumno máis difícil que tivo xamais, co que intentará mellorar a súa relación.