CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Comeza na TVG a nova temporada do 'Malicia Noticias', que, presentado por Lucía Veiga, tratará a actualidade máis próxima de xeito retranqueiro e informal

17/09/2022

Aos ‘maliciosos’ máis veteranos uniranse colaboradores como Trisha Fernández, David Perdomo e unha nova promesa das redes: o tiktoker Miguel Mandayo

Comeza na TVG a nova temporada do 'Malicia Noticias', que, presentado por Lucía Veiga, tratará a actualidade máis próxima de xeito retranqueiro e informal

Santiago, 17.09.2022.-   Para levar de mellor xeito a rutina, o colexio, o traballo, os ‘madrugóns’ e o outono, xa está aquí a cuarta temporada do ‘Malicia Noticias’. O noticiario regresa este domingo, arredor das 22.45 h, á grella da Televisión de Galicia para tratar a actualidade dun xeito diferente desde un punto de vista retranqueiro e informal, sacándolle punta as cousas das que todo mundo fala. Nesta nova temporada, o programa aposta polo humor sacado do cotiá, da actualidade máis próxima.

Un dos cambios máis importantes desta nova etapa, que continuará emitíndose de domingo a mércores, é que o ‘Malicia Noticias’ estará presentado por Lucía Veiga. A actriz e cómica faise co centro da mesa, desde onde abordará os temas e as novas co humor, a retranca e a ironía que a caracteriza. Estará acompañada dos ‘maliciosos’ máis veteranos, como Noelia Rey, Pepe Capelán e Belén Vara, e doutros colaboradores coñecidos por todos os galegos e galegas como a presentadora de ‘Luar’ Trisha Fernández, o todoterreo Fran Cañotas ou o actor David Perdomo. Tamén estará a pé de rúa o xornalista Antonio Mosquera, sempre moi ligado á actualidade do noso país e moi atento o que queira contar a xente. As enquisas en ton malicioso, os xogos, os concursos e o ‘falsísimo directo’ que tanto o caracteriza serán algunhas das armas coas que sairá diariamente ás vilas galegas para facer do micrófono do ‘Malicia Noticias’ un autofalante ante todos os galegos e galegas.

Ademais, o programa quere converterse nun referente na busca de novas caras, perfís novos que beben de fontes moi diversas, como a comedia a as redes, fundamentalmente. Así, no ‘Malicia Noticias’ estarán algúns dos tiktokers e intagramers galegos do momento.

Unha desas incorporacións, que xa forma parte do equipo do ‘Malicia Noticias’, é unha nova promesa das redes: Miguel Mandayo, que, con só 21 anos, ten vídeos que xa suman milleiros de reproducións e conta con 625.000 seguidores en TikTok. A súa coñecida frase ‘Pico y pala!’ non fai máis que repetirse entre os máis novos pola rúa. Ademais de tiktoker, é xogador de fútbol no equipo do Victoria, do barrio coruñés de Santa Lucía, e está estudando Terapia Ocupacional.