CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Chegan á CRTVG novos contidos dixitais para a cativada este Nadal

17/12/2021

Desde este luns, todas as tardes os Bolechas ‘merendarán’ cos nenos en directo por YouTube

A app Xabarín TVG e a web da CRTVG irán ampliando a oferta infantil con 10 títulos de animación e preto de 700 novos episodios de entretemento
 
Na G2 estréase unha nova temporada do programa ‘Aquelando’ de ciencia para rapaces

Chegan á CRTVG novos contidos dixitais para a cativada este Nadal

Santiago, 17.12.2021.-   A CRTVG buscará este Nadal a participación e diversión dos máis pequenos da casa coa incorporación de novos contidos infantís á súa oferta dixital, de acordo coas tendencias actuais de consumo. Os alegres e didácticos personaxes da serie infantil da Televisión de Galicia Os Bolechas chegarán cada día destas festas, en streaming á canle Youtube da TVG e á hora da merenda (17.00 h), cun innovador formato en que poderán interactuar coa cativada a través dun chat e aprenderán divertíndose en galego. A app Xabarín TVG e a web da CRTVG sumarán, amais, novas series de animación á oferta do ‘Xabarín Club’.

Entre o 20 de decembro e o 7 de xaneiro, e de luns a venres, ‘Merenda cos Bolechas este Nadal’ buscará vía streaming a complicidade e a participación dos nenos e nenas, os auténticos protagonistas desta iniciativa lúdica, con contidos ideados desde unha perspectiva pedagóxica e didáctica. Ademais da intervención dos Bolechas e de distintos actores, cada tarde pasarán por esta serie persoas de interese, tanto famosas (músicos, actores, deportistas...) como anónimas, para abordar diversas temáticas. Nas xornadas de Noiteboa e Aninovo, a cita online cos Bolechas será ás 12.00 horas do mediodía.

Preto de 700 novos episodios de animación

A oferta dixital do ‘Xabarín Club’ medrará tamén a partir deste luns con dez novos títulos de animación, que incrementarán en preto de 700 episodios o entretemento infantil en galego da app Xabarín TVG e a web da CRTVG.

Nunha primeira quenda de estreas, enfocadas a un público infantil, achegarase este Nadal ‘Best Ed’, unha proposta canadense que narra as aventuras dun can entusiasta chamado Ed e do seu mellor amigo, o esquío Buddy. Pola súa banda, en ‘Banana Cabana’, un grupo de estrafalarios animais, liderado polo excéntrico can Howie, rexenta un hotel no Caribe e vive disparatadas peripecias. Nas aventuras da estadounidense ‘Rocky and Bullwinkle’, os personaxes principais son un divertido dúo formado por un esquío voador e un alce, e en ‘Yakari 1, 2, 3’, serie baseada no cómic homónimo francobelga, unha das historietas do oeste máis coñecidas en Europa, onde un neno síux ten a habilidade de falar cos animais.

E no primeiro trimestre do próximo ano, o ‘Xabarín Club’ lanzará unha nova remesa de series de animación integrada por ‘Os misterios de Alfred Hedgehog’, ‘A princesa Sheherezade’, ‘Calimero’ e ‘Narigola’, e tamén polos novos capítulos de dous referentes do anime, como son ‘Kiteretsu’ e ‘Keroro’.

Os contidos infantís serán outra das apostas da Televisión de Galicia este Nadal, cuxa programación especial, que leva por lema ‘Gústame todo de ti’, incluirá na G2 a estrea de novas entregas do programa de divulgación científica ‘Aquelando’.

A CRTVG conta, a maiores da G2, con ata catro canles dixitais 24 horas dedicadas aos máis pequenos: a primeira atópase dentro da app CRTVG; a segunda, a app específica Xabarín TVG, dispoñible e operativa para IOS e para Android; a terceira, a canle Xabarín TV da web crtvg.gal, e a cuarta, a canle de radio dixital Radio Picariña, un proxecto pioneiro con máis de mil cancións para nenos en galego.