CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Programación TVG

As festas do Polbo do Carballiño e do Xamón da Cañiza, esta noite, en 'É hora de festa'

17/08/2022

O espazo dará conta do ambiente, a música e as actividades celebradas nestes dous eventos gastronómicos e tradicionais do verán galego

As festas do Polbo do Carballiño e do Xamón da Cañiza, esta noite, en 'É hora de festa'

Santiago, 17.8.2022.-  O programa ‘É hora de festa’ (23.10 h) dará conta este mércores de dúas celebracións gastronómicas e de gran tradición en Galicia: as festas do Polbo do Carballiño e do Xamón da Cañiza.
 
O programa asistirá, pois, neste percorrido festeiro ata o concello ourensán do Carballiño, que esta semana pasada viviu a súa Festa do Polbo por todo o grande, cun intenso programa de actividades, que concluíu o domingo coa súa popular romaría. A 60 edición desta celebración multitudinaria foi moi especial, xa que o evento estreou a súa declaración de Interese Turístico Internacional,

A continuación, ‘É hora de festa’ mudará de provincia para asistir no municipio da Cañiza á súa popular Festa do Xamón. A 56 edición desta feira que enxalza a calidade do xamón galego, contou con novas edicións do VII Concurso Nacional de Cortadores de Xamón, con Máster class de corte e cata de viños, e moita música a cargo de orquestras galegas, entre outras actividades.


ler máis

Co especial 'Galicia está de festa', a TVG percorre esta noite as nosas celebracións máis senlleiras

16/08/2022

En directo e presentado por Noelia Rey, asistirá ao lanzamento do Globo de Betanzos, á Festa da Auga de Vilagarcía, ás Danzas de San Roque e á Virxe de Montserrat en Monforte, entre outros moitos festexos

Co especial 'Galicia está de festa', a TVG percorre esta noite as nosas celebracións máis senlleiras

Santiago, 16.8.2022.-  Televisión de Galicia segue hoxe, en directo, a estela da gran cantidade de festas que se celebran estes días de lecer polo noso país adiante, coa emisión do especial ‘Galicia está de festa’ (23.10 h). Presentado por Noelia Rey, percorrerá as celebracións máis salientables dunhas xornadas cheas de xolda por practicamente todos os concellos. Desde a tradición ata os festexos relixiosos e pagáns, trátase dunhas xornadas con moito seguimento en Galicia. Por iso, de entre todas, a Galega intentará dar cobertura ás festas máis senlleiras.

Este martes á noite, Noelia Rey daralles a benvida aos espectadores da TVG desde Betanzos, onde a presentadora vivirá en directo o emocionante lanzamento do tradicional Globo de Betanzos, o punto álxido das festas de San Roque para os betanceiros. Na compaña da reporteira Belén Vara, darase conta do que aconteza na noite máis importante do ano nesta vila. Deste xeito, coñecerase todo o referente ao globo de papel máis grande do mundo e ás súas orixes.

ler máis

A nosa ficción é protagonista o luns á noite na TVG, cun maratón da serie 'Saudade de ti' e a emisión dun filme galego

15/08/2022

Tras a tripla estrea de capítulos da serie deste verán, a Galega ofrecerá ‘Vacas, porcos e zapatos de tacón’, unha película con sinatura galega, participada pola canle pública

A nosa ficción é protagonista o luns á noite na TVG, cun maratón da serie 'Saudade de ti' e a emisión dun filme galego

Santiago, 15.8.2022.-  A ficción galega será a protagonista da programación da Televisión de Galicia cada luns coa emisión dun maratón de novos capítulos da serie deste verán, ‘Saudade de ti’ (22.30 h), que irá seguida da proxección dunha longametraxe galega, participada pola TVG e  incluída no ciclo ‘Quero ver unha peli contigo’.

Os espectadores afeccionados a ‘Saudade de ti’ están de parabéns, xa que cada luns poderán ver unha tripla entrega de novos episodios da serie, cuxa oferta comeza hoxe con Noa, que continúa á busca do seu pai. Na lista só queda un Francisco e ten todas as papeletas para ser o seu pai. Brais e a rapaza farán todo o posible para atopalo e falar con el. Parece tarefa imposible ata que entra na ecuación alguén que non é moi ben recibido por Brais: Gorka, o mozo de Noa.

Na consulta, Santi descúlpase despois da abrupta reacción de Celia ao transmitirlle a mensaxe de Gaspar. Desde logo, á médica non lle gustou nada escoitar o nome de Garay e pensa adiviñar que é o que pretende Gaspar. O enfermeiro non pode esquecer todo o asunto sen máis, ten que descubrir a que vén tanto segredo...

Pola súa parte, o matrimonio Eiroa non pasa polo seu mellor momento. A Dimas tócalle durmir no bar,  debido ao cabreo de Teresa por agocharlle que hipotecou o bar para repoñer os cartos que roubou Uxía. E por último, Celia fala con Raúl para que interceda por ela no caso de que Adela decida denunciala por incumprir o segredo profesional.

Ao remate da emisión de ‘Saudade de ti’, a Televisión de Galicia achegará esta noite o filme galego ‘Vacas, porcos e zapatos de tacón’ (00.15 horas), unha comedia familiar dirixida por Manuel Espiñeira, cun reparto que reúne os actores galegos Antón Durán ‘Morris’, Luisa Merelas, Belén Constenla, Mariana Expósito, Guillermo Carbajo, Déborah Vukusic, Carlos Sante, Tatán, Pepe Penabade, Susana Dans, Rubén Mascato, Daniel Currás, Uxía Blanco, Álvaro Guevara, Xan Cejudo, César Cambeiro, Fernando Morán e Alberto Rolán.

‘Vacas, porcos e zapatos de tacón’, película para televisión participada pola TVG, conta a historia dunha familia mexicana, descendente de galegos, que recibe a noticia do falecemento do avó. No seu testamento, o emigrante expón dúas curiosas condicións para que os seus descendentes poidan acceder á súa incalculable herdanza: deben facerse cargo do seu maior tesouro, a súa cadeliña Lupita; e regresar á granxa familiar en Riocaldo, en Galicia, poñela en marcha e lograr unha colleita en tempo marca. A familia, afeita ás comodidades dunha vida urbanita e dun alto poder adquisitivo, non terá máis remedio que aceptar o reto.


ler máis

Na fin de semana máis festeira, 'Vaia troula' achega unha grande escolma de celebracións por toda Galicia

14/08/2022

Entre outras, o percorrido desta noite amosará como transcorreron os festexos da Lamprea Seca, a Mexicana, a Maruxaina, a do Mexillón, o Desfile de Bandas Mariñeiras, e do Polbo

Na fin de semana máis festeira, 'Vaia troula' achega unha grande escolma de celebracións por toda Galicia

Santiago, 14.8.2022.- Este domingo á noite chega á Televisión de Galicia unha nova edición do festeiro ‘Vaia troula’ (23.15 h). Nesta ocasión, a presentadora Noelia Rey viaxará aos concellos de Arbo e Avión para gozar da Festa da Lamprea Seca e a Festa Mexicana. E as reporteiras, coma sempre, estarán nas mellores celebracións da fin de semana. Hoxe, o ‘Vaia troula’ ofrecerá unha grande escolma de celebracións nunha das fins de semana de máis actividade trouleira do ano.

Pola súa banda, a reporteira Belén Vara irá ao Desfile de Bandas Mariñeiras da Guarda. Trátase dun dos puntos fortes das súas famosas e multitudinarias Festas do Monte.

Adela Bértolo estará na Festa do Mexillón de Aguiño, en Ribeira, onde haberá centos de quilos do delicioso molusco e tamén música tradicional.

ler máis

Os artistas Lucía Gil e Enrique Ramil, que se deron a coñecer en concursos de talentos, acoden esta noite ao 'Bamboleo' da TVG

13/08/2022

A música da orquestra Triunfo amenizará esta velada de sábado, en que tampouco faltarán o humor e a diversión que achegan os colaboradores do programa

Os artistas Lucía Gil e Enrique Ramil, que se deron a coñecer en concursos de talentos, acoden esta noite ao 'Bamboleo' da TVG

Santiago, 13.8.2022.- Esta noite visitan ‘Bamboleo’ (22.00 horas) dous artistas que teñen unha importante carreira musical: Lucía Gil e Enrique Ramil. Lucía gañou o concurso musical ‘Veo, Veo’ aos sete anos, converteuse nunha estrela e protagonizou series musicais desde moi cativa. ‘El suplente’ e ‘La mafia’ son os novos sinxelos desta artista, que compaxina a súa carreira en solitario coa montaxe teatral ‘La Llamada’. Enrique Ramil, pola súa parte, gañou o concurso musical de Canal Sur ‘Tierra de talento’ e conquistou Andalucía coas súas interpretacións de temas de Rocío Jurado.

A música da orquestra Triunfo amenizará esta noite de sábado, en que tampouco faltarán o humor e a diversión que os colaboradores do programa Tamara Pérez e Claudio Pan achegan cada semana cos seus xogos e vídeos. Por suposto, tamén estará Isi compartindo as súas historias cos seguidores de ‘Bamboleo’.
    
O baile profesional estará representado por Antón e Noemí, dous bailaríns de Narón que mostrarán o seu prometedor futuro en baile deportivo. No ‘Agora ou nunca’ cantarán Bianca Núñez e Fernanda de Sosa, que interpretarán, respectivamente, ‘Mamma mía’, de ABBA, e ‘Sola en los bares’, de Man Ray.

En ‘A jrileira’ cantarán Pili, polo Club Baíña Fútbol Sala de Baiona, e Rocha, pola Sociedade Deportiva Tirán Pereira de Moaña. Probarán sorte entoando ‘Mayonesa’, de Chocolate Latino, e adiviñando o maior número posible de intérpretes en minuto e medio de tempo.

Finalmente, ‘A ITV do amor’ porá a proba unha parella e dúas amigas que intentarán confundir un participante de público para gañar o premio. Todo trufado coas curiosas intervencións dos colaboradores, Isi, Damián, Tamara e Javi Varela, que estarán pendentes de todo.



ler máis

O 'Eventos G' desta noite asiste esta noite á elección do perfecto sucesor a Pucho Boedo

12/08/2022

César Romero, Adrián Castiñeiras, Paco Lodeiro, Antonio Barros e Noly son os artistas candidatos que competirán coas súas voces e forza neste especial ‘Pucho Boedo, o sucesor’

O 'Eventos G' desta noite asiste esta noite á elección do perfecto sucesor a Pucho Boedo

Santiago, 12.8.2022.- Pucho Boedo foi, sen lugar a dúbidas, unha das mellores voces que tiveron os escenarios de Galicia. E o listón non está baixo precisamente… Neste ‘Eventos G’ (21.55 h), a Televisión de Galicia ten unha misión: dar co seu sucesor. Non vai ser doado, desde logo... saberá a audiencia que Julio Iglesias ou Miguel Ríos dixeron que, ademais dun supercrack, era un atleta da noite?

Cantos amores houbo na súa vida? Dixeron del que era ‘O Sinatra galego’, un crooner… Pero este especial contará cos mellores aspirantes: un comunicador, un vocalista de sempre, un superactor, un showman e un cantante ben actual! César Romero, Adrián Castiñeiras, Paco Lodeiro, Antonio Barros e Noly. Só un deles será o sucesor de Pucho Boedo. Cantarán acompañados polo mesmísimo Pucho Boedo e logo deberán votar quen o fixo mellor, teñen unha gran responsabilidade. Nas súas mans estará elixir o sucesor, entre os cinco terán que poñerse de acordo.

ler máis

Os artistas Javier Veiga, Pili Pampín, Nerea Garmendia, Antonio Garrido e Pedro Barroso, protagonistas no 'Land Rober Summertime' esta noite

11/08/2022

Entre outros momentos divertidos, os espectadores verán unha nova aventura de Dosinda no rural, desenvolverase unha reunión contra o cambio climático entre Portugal e España e xogarase a ‘Pibón ou tripón?’

Os artistas Javier Veiga, Pili Pampín, Nerea Garmendia, Antonio Garrido e Pedro Barroso, protagonistas no 'Land Rober Summertime' esta noite

Santiago, 11.8.2022.-  O humor con maiúsculas será protagonista un xoves máis na Televisión de Galicia, que ofrecerá unha nova entrega de ‘Land Rober Summertime’ (23.10 h), unha refrescante oferta coa que os amantes da comedia poden vivir este verán os mellores momentos e os sketchs máis hilarantes deste programa de referencia na canle pública.

Así, nesta edición de verán do ‘Land Rober’, os espectadores verán a Dosinda como carteira no rural, Paco e Chefa terán unha reunión co titor do seu fillo repetidor, asistirase a unha reunión, sen tradutor, contra o cambio climático entre Portugal e España, Protección Civil asistirá ao rescate dun reporteiro, Os Casquetes buscan o ‘madrileño’ comendo marisco e xogarase a ‘Pibón ou tripón’, entre outros momentos divertidos.  

Os convidados que pasarán esta noite polo programa serán os actores Javier Veiga, Nerea Garmendia, Antonio Garrido e o portugués Pedro Barroso, e a cantante Pili Pampín. Todo isto, coa participación, coma sempre, de Roberto Vilar, Eva Iglesias, e Miguel Canalejo.


ler máis

As festas do Albariño e dos Pementos de Arnoia e Herbón, grandes protagonistas do 'É hora de festa' esta noite

10/08/2022

O espazo dará conta do ambiente, da música e das actividades celebradas nestes tres eventos multitudinarios e tradicionais do verán galego

As festas do Albariño e dos Pementos de Arnoia e Herbón, grandes protagonistas do 'É hora de festa' esta noite

Santiago, 10.8.2022.-  O programa ‘É hora de festa’ dará conta este mércores de tres celebracións multitudinarias e de gran tradición en Galicia: as festas do Pemento de Arnoia e de Herbón, e a do Albariño.
 
O programa asistirá, pois, neste percorrido festeiro ao municipio pontevedrés de Cambados, que festexou esta fin de semana pasada a LXX Festa do Albariño (23.50 h). Unha celebración declarada de Interese Turístico Nacional á que asistiron milleiros de veciños e turistas para probar os viños e gozar de todo tipo de actos culturais e folclóricos. Ademais, durante a xornada, realizouse o acto de nomeamento das Damas e Cabaleiros de Honra do albariño deste ano e o programa do domingo 7 de agosto, o último día da festa, incluíu o concerto da Banda de Música de Castrelo na praza de Fefiñáns e a actuación do grupo M5, que puxo o broche final a esta festa.  

‘É hora de festa’ mudará de provincia para asistir no concello ourensán da Arnoia á exaltación do pemento (19.50 horas) na súa XLIII edición. Ás 9 da noite comezou a venda de tíckets para as distintas preparacións dos pementos. Arredor de 10.000 persoas asistiron a esta cita gastronómica para degustar tres mil quilos de pementos preparados de diferentes formas polos membros da comisión. Ademais da tradicional degustación na carballeira da Queixeira, o programa incluíu as actuacións do grupo Broken Peach e a orquestra Combo Dominicano, que amenizaron coa súa música a xornada festiva.

O pemento seguirá sendo protagonista do ‘É hora de festa’ este mércores, xa que acudiu en Padrón á súa Festa do Pemento de Herbón (23.15 h). A xornada festiva comezou cunha misa campestre na carballeira do convento franciscano de San Antonio (Herbón) e coa bendición dos tractores, que despois realizaron unha procesión agrícola motorizada ata o centro da vila para facer unha ofrenda floral á estatua da 'Pementeira'. Xa de volta no campo da festa comezou a degustación dos afamados pementos de Herbón á que asistiron milleiros de persoas que quixeron gozar un ano máis deste popular evento.


ler máis

Un amor xuvenil, o de Silvia e Iván, inaugura este martes unha nova temporada do programa 'Casamos!'

09/08/2022

A súa será unha celebración por todo o alto en Vilalba, onde non faltará detalle e onde a comida e a festa están garantidas

Un amor xuvenil, o de Silvia e Iván, inaugura este martes unha nova temporada do programa 'Casamos!'

Santiago, 9.8.2022.-  As historias de amor máis románticas volven á Televisión de Galicia cunha nova temporada de ‘Casamos!’ (23.15 h), o programa que ofrece un retrato coral sobre o universo das vodas en Galicia. Os espectadores saberán como se coñeceron os protagonistas, as razóns para dar o paso de unirse en matrimonio, as influencias na familia, posibles conflitos e imprevistos, todos os preparativos, e mesmo a celebración da voda.

Esta nova andaina de ‘Casamos!’ comeza coa historia de amor de Silvia e Iván, que levan 3 anos de relación. A súa relación comezou no bar onde ela traballaba, en Castroverde, e onde el era cliente ocasional. Aínda que de primeiras a cousa non callou, Iván buscou a Silvia por redes sociais e escribiulle. Ela contestou e aí comezaron unha historia que non pintaba nada ben: Silvia deulle plantón a Iván na súa primeira cita!

A parella reconduciu a situación e, despois da chegada do pequeno Hugo e dunha pedida de man un tanto curiosa, hoxe chega o gran día. A voda de Silvia e Iván será unha celebración por todo o alto en Vilalba, onde non faltará detalle e onde a comida e a festa están garantidas.


ler máis

A comedia de enredo 'Cuñados', protagonista dunha nova noite de cinema galego na TVG

08/08/2022

A ópera prima do ourensán Toño López, rodada integramente en Ourense, ten como protagonistas a Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez

A comedia de enredo 'Cuñados', protagonista dunha nova noite de cinema galego na TVG

Santiago, 8.8.2022.-   O cinema galego volve este luns ser protagonista no prime time da TVG, coa emisión de ‘Cuñados’ (23.15 h), película participada pola TVG e ópera prima do ourensán Toño López. Esta comedia de enredo para escachar coa risa, conta con Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez como protagonistas.

‘Cuñados’ conta as peripecias delituosas deste trío inigualable de cuñados, unidos polo azar. Os tres, embarcados nun plan disparatado, terán ao seu carón algunhas das profesionais máis recoñecidas e queridas do noso audiovisual, como Mela Casal, María Vázquez, Iolanda Muíños e Eva Fernández, entre outras.

A trama comeza con Eduardo (Miguel de Lira) e o seu cuñado Sabonis (Xosé A. Touriñán) en apuros, xa que precisan moitos cartos tras meter a zoca nun dos seus negocios. Sabonis será quen atope a solución ao problema secuestrando a Modesto (Federico Pérez), cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e deixou tirados. Só hai un pequeno problema: Alicia non pensa pagar nin un euro polo seu cuñado. Con todo, é o propio Modesto quen pensa un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a adega familiar. Estes tres cuñados téñeno todo para fracasar, pero como diría Sabonis, malo será.

O guión é obra de Araceli Gonda e o equipo técnico está integrado por Jaime Pérez, na dirección de fotografía; Lu Rodríguez, na montaxe; Santi Jul e Iván Laxe, na música orixinal, e Andrea Pozo, na dirección artística, entre outros. Amais da participación da TVG, conta coa participación de RTVE e coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Rodada integramente en Ourense, en ‘Cuñados’ colaboraron tamén a Deputación de Ourense e a D. O. Ribeiro.


ler máis