CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Programación TVG

A TVG únese á Televisión Canaria e emite esta noite a gala solidaria 'Todos coa Palma'

20/10/2021

O programa (23.10 h) ten como obxectivo amosar as riquezas turísticas da ‘Illa Bonita’ e homenaxear os palmeiros damnificados polo volcán e os heroes anónimos que ofrecen a súa axuda

Contará con testemuños inéditos e actuacións musicais moi especiais, entre elas, as de Luz Casal, Víctor Manuel, Concha Buika, Efecto Pasillo e Cristina Ramos

A TVG únese á Televisión Canaria e emite esta noite a gala solidaria 'Todos coa Palma'

Santiago, 20.10.2021.-    Cando fixo un mes da erupción do volcán de Cumbre Vieja, a Televisión de Galicia, ao igual que outras canles da FORTA, únese á Radio Televisión Canaria emitindo esta noite a gala solidaria ‘Todos coa Palma’, que ten como obxectivo lembrar as riquezas turísticas que a demonimada ‘Illa Bonita’ segue a ofrecer ao mundo e servir de homenaxe aos heroes anónimos, aos palmeiros damnificados e ás ondadas de solidariedade que está a recibir A Palma do mundo enteiro.

Sempre en clave optimista, coa esperanza e a recuperación como leitmotiv, ‘Todos coa Palma’ contará con testemuños inéditos e actuacións musicais moi especiais. A presentadora Eloísa González será a mestra de cerimonias no estudio desde o que habitualmente presenta o programa da Televisión Canaria ‘Gente Maravillosa’.

A magnitude dos acontecementos provocados pola erupción do volcán fixo que a sociedade se volcara coa illa da Palma e este programa contará as historias deses palmeiros que se entregan a axudar a quen máis o precisa. A través de vídeos, conexións e entrevistas no estudio, os espectadores coñecerán as historias duns veciños que demostraron a solidariedade e humanidade do pobo canario. Así, ‘Todos coa Palma’ porá en marcha unha cadea de favores en que varios canarios anónimos se axudan entre si de xeito totalmente desinteresado e seis avós contarán como é presenciar a actividade de tres volcáns ao longo dunha vida. Ademais, ao longo de toda a noite, nenos palmeiros de entre 5 e 12 anos darán a súa visión sobre todo o que está a acontecer arredor do volcán.

Así mesmo, polo estudio desfilarán compañeiros da Televisión Canaria para dar seu o testemuño de como están a vivir este fito e desde a gran pantalla do programa estableceranse conexións con outras figuras coñecidas do resto de canles autonómicas, entre elas, os presentadores da TVG Xosé Ramón Gayoso e Roberto Vilar.

No capítulo musical, ‘Todos coa Palma’ ofrecerá as as actuacións da cantante  galega Luz Casal, do cantautor asturiano Víctor Manuel e da artista mallorquina Concha Buika. O programa tamén contará coa poderosa voz da cantante Cristina Ramos e cos alegres ritmos do grupo Efecto Pasillo, ambos procedentes de Gran Canaria. O artista orixinario da Palma Luis Morera, a formación de música popular canaria Mestisay e a cantante grancanaria Thania Gil completan a proposta musical desta velada tan especial.

ler máis

Andrea e Jorge, dous mozos de Lugo que levan 10 anos xuntos, celebran unha voda por todo o alto en 'Casamos!'

19/10/2021

Os espectadores da TVG están convidados a un enlace onde non faltarán as sorpresas nin as emocións

Andrea e Jorge, dous mozos de Lugo que levan 10 anos xuntos, celebran unha voda por todo o alto en 'Casamos!'

Santiago, 19.10.2021.-  O fútbol foi o deporte que uniu a Andrea e Jorge, os protagonistas desta noite do programa ‘Casamos!’ (23.05 h). O irmán de Andrea xogaba no mesmo equipo ca Jorge e precisamente foi el quen tomou a iniciativa da primeira cita despois dun tempo falando con ela por redes sociais.

Ningún quería nada serio, pero tras esa primeira cita viñeron máis e así xurdiu o amor entre estes dous mozos de Lugo. Xuntos levan xa 10 anos e os dous pensan que é o momento de casar. Hoxe celebran unha voda por todo o alto, onde non faltarán as sorpresas nin as emocións e á que están convidados os espectadores da TVG.

ler máis

'Desmontando Galicia' fará esta noite un percorrido pola historia da ría de Muros e Noia, unha das máis ricas e fértiles

18/10/2021

Ademais de descubrir as xoias arquitectónicas das dúas localidades, o programa coñecerá a herdanza deixada polos primeiros habitantes do Castro de Baroña

'Desmontando Galicia' fará esta noite un percorrido pola historia da ría de Muros e Noia, unha das máis ricas e fértiles

Santiago, 18.10.2021.-    ‘Desmontando Galicia’ (23.10 h) chega esta semana á ría de Muros e Noia para facer un percorrido pola súa historia. A viaxe comezará coñecendo a herdanza deixada polos primeiros habitantes no Castro de Baroña. O programa porá en marcha a máquina do tempo para descubrir a forma de vida neste asentamento da Idade do Ferro.  

O percorrido continuará na vila de Noia, que no século XV viviu a súa etapa de máxima prosperidade deixando auténticas xoias arquitectónicas tanto relixiosas como civís e cun marcado carácter mariñeiro. En Muros, os espectadores coñecerán unha magnífica obra de enxeñería do século XIX como é o muíño de marea do Pozo Cachón e o auxe da industria conserveira en Galicia visitando a fábrica de Sel.  

Todo isto ao xeito do ‘Desmontando Galicia’, sen deixar unha pedra no seu sitio para descubrir da man de Diana Nogueira, Isabel Blanco e Quique Morales todo o que ten que contar unha das rías atlánticas máis ricas e fértiles.

ler máis

No capítulo desta semana de 'A Lei de Santos', a detención do protagonista non supón que a Garda Civil peche a investigación

17/10/2021

Abel, Peixe e Emilia queren axudalo, pero primeiro teñen que atopar as figuras que roubaron no pazo de Meirás

No capítulo desta semana de 'A Lei de Santos', a detención do protagonista non supón que a Garda Civil peche a investigación

Santiago, 17.10.2021.-  Esta noite, nun novo capítulo de ‘A Lei de Santos’ (23.05 h), cada minuto que pasa, a situación do protagonista é peor. A Garda Civil cre que está implicado na morte de Denís, sobre todo despois de saber que el foi o responsable da malleira a Constante, pero Santos defende a súa inocencia. O peor para el é pensar que Uxía xa non confía na súa palabra.

Pero a detención de Santos non supón que a Garda Civil peche a investigación. Aínda non o teñen todo resolto e tanto Uxía como Roi traballan xuntos de novo para pechar o caso o antes posible.

Para Abel, Peixe e Emilia, axudar a Santos é o obxectivo prioritario, pero primeiro teñen que atopar as figuras que roubaron do pazo de Meirás. Ao mesmo tempo, Abel quere convencer a Áurea para que fuxa con el de Viladesantos. A Áurea non lle parece mala idea, pero cando Breixo lle conta o que pretende facer o Matachín, é consciente de que ten que separarse de Abel para protexelo, aínda que iso supoña romperlle o corazón.

ler máis

A cantante Conchita e o grupo Os Resentidos presentan esta noite os seus novos discos en 'Bamboleo'

16/10/2021

A orquestra Solara interpretará unha selección musical moi propia da verbena, perfecta para levantar o ánimo

A cantante Conchita e o grupo Os Resentidos presentan esta noite os seus novos discos en 'Bamboleo'

Santiago, 16.10.2021.-  ‘Bamboleo’ (22.35 h) volve esta noite cun novo espectáculo de entretemento familiar. O espazo conducido por Xosé Manuel Piñeiro contará nesta ocasión coa presenza do grupo Os Resentidos, con gran pegada na cultura musical galega. Ademais, actuarán a cantante Conchita e a orquestra Solara.

‘La orilla’ é o título de último disco da cantante e compositora Conchita. Famosa por cancións como ‘Nada que perder’, agora presenta temas que contan vivencias e historias que foi reunindo nos últimos tempos. Son composicións como ‘Celebraré’, que interpretará hoxe en ‘Bamboleo’.

A banda viguesa liderada por Antón Reixa acaba de publicar ‘Organización Nautilus’. Neste disco, Os Resentidos invocan a figura do Capitán Nemo e o tesouro oculto na ría de Vigo como símbolo da súa pelexa e busca do tesouro do rock en galego. En ‘Bamboleo’ interpretarán temas do seu novo traballo e clásicos como ‘Galicia caníbal’. Mentres, a orquestra Solara interpretará unha selección musical moi propia da verbena, perfecta para levantar o ánimo.

Pola súa parte, Édgar e Gemma serán os protagonistas do ‘Dirtidansi’. Son bailaríns da selección española de baile deportivo e foron campións de España en varias ocasións.

No ‘Agora ou Nunca’ cantarán Mafe Rosero e María Luisa Pérez, que interpretarán os éxitos ‘Fue díficil’, de Rodrigo Tapari, na versión de María José Quintanilla, e ‘Yemanyá’, de Isabel Pantoja.

A Jrileira’ recibirá dous clubs deportivos: o Outes Fútbol Club e o Club Ciclista Travesas de Vigo. Primeiro cantarán ‘El muerto vivo’, de Peret, e despois terán minuto e medio para adiviñar o maior número posible de intérpretes.

Na ‘ITV do Amor’ un concursante do público terá que adiviñar quen é a parella de Amantia en función das respostas que lle vaian dando. Todo ao tempo que os colaboradores do programa, Tamara Pérez, Damián Cortes, Isi e Javier Varela, fan as súas propias valoracións.

ler máis

A música de Sergio Dalma e o humor de Touriñán e David Amor, protagonistas no 'Luar' deste venres

15/10/2021

Nesta edición, dedicada á comarca do Baixo Miño, asistirán como convidados especiais dous cabaqueiros: Praxíteles González ‘Telis’ e José Álvarez ‘o Buraco’

A música de Sergio Dalma e o humor de Touriñán e David Amor, protagonistas no 'Luar' deste venres

Santiago, 15.10.2021.-   ‘Luar’ (21.55 h) volve este venres cun variado elenco de artistas e con sorpresas nos seus contidos para toda a audiencia da Galega. Esta semana, a comarca protagonista será a do Baixo Miño e, como convidados especiais, o espazo contará coa presenza de Praxíteles González ‘Telis’ e José Álvarez ‘o Buraco’, en representación dos cabaqueiros, que farán unha demostración do seu centenario oficio, o de facer tellas.

No apartado musical, Xosé R. Gayoso e Trisha Fernández recibirán no estudio un amigo do programa, Sergio Dalma, en plena celebración dos seus 30 anos de carreira cun novo disco ’30... y tanto’.

ler máis

Os actores Sara Escudero e Antonio Garrido, decididos a pintar a mona no 'Land Rober Tunai Show' deste xoves

14/10/2021

Esta noite desenvolveranse as seccións ‘Que me estás contando!’, coas palabriñas máis divertidas, e ‘Non cho creo!’, que descubrirá as estrañas habilidades do público

Os actores Sara Escudero e Antonio Garrido, decididos a pintar a mona no 'Land Rober Tunai Show' deste xoves

Santiago, 14.10.2021.-  Este xoves a meta do Camiño está no estudio do ‘Land Rober Tunai Show’ (21.55 h), xa que a convidada que vai asistir ao programa é a cómica Sara Escudero. A actriz acaba de facer a andaina co seu can, e de bichería vai andar o conto. O programa aproveitará o seu sentido do humor e os seus coñecementos para poñela a proba!

Tamén se une ao espectáculo o andaluz, case galego, Antonio Garrido, que vai ir a un lugar un tanto peculiar: un cemiterio.

E o máis importante de todo, o ‘Land Rober Tunai Show’ vai encher de novo de xente o estudio e para celebralo volve, por petición popular, o ‘Que me estás contando!’. Cales serán as palabriñas máis divertidas e rebuscadas que os esperan? Por se isto fose pouco, coñeceranse as estrañas habilidades do público en ‘Non cho creo!’.

Isto e máis con Roberto Vilar, Eva Iglesias e Miguel Canalejo, a partir das 22.00 horas na Televisión de Galicia.

ler máis

Duelo de estrelas esta noite en 'Os Mellores da Clase': José Manuel Parada contra Pili Pampín

13/10/2021

Xuntos emprenderán unha viaxe onde lembrarán a importancia das avoas, a paga dos domingos e os sabores da infancia

Duelo de estrelas esta noite en 'Os Mellores da Clase': José Manuel Parada contra Pili Pampín

Santiago, 13.10.2021.-   O programa desta noite de ‘Os Mellores da Clase’ (23.05 h) é de traca, un auténtico duelo de estrelas competindo por acadar o podio: o presentador José Manuel Parada e a cantante Pili Pampín xuntos nun programa de televisión e dando guerra, moita guerra, coa axuda dos seus acompañantes.

Parada era o alumno perfecto, aplicado e responsable. Pili só quería cantar e podíase atopar, en calquera momento, ensaiando diante dos espellos que adornaban o restaurante dos pais. Xuntos van emprender unha viaxe onde lembrarán a importancia das avoas, a paga dos domingos e os sabores da infancia.

ler máis

Un amor nado na rede, o de Mari e Polo, protagonista esta semana no espazo 'Casamos!'

12/10/2021

Levan xa sete anos de relación e agora deciden dar un paso máis na súa fermosa historia de amor e casar nunha cerimonia íntima e familiar
 

Un amor nado na rede, o de Mari e Polo, protagonista esta semana no espazo 'Casamos!'

Santiago, 12.10.2021.-  O amor está e aparece cando menos se espera. Isto foi o que lle pasou a Mari e Polo, de Vilagarcía de Arousa, que serán esta noite protagonistas no programa ‘Casamos!’ (23.05 h).

Unha aplicación web para coñecer xente uniu os seus camiños e desde aquela nunca máis se volveron separar. Xuntos levan xa sete anos de relación e agora deciden dar un paso máis na súa fermosa historia de amor e casar nunha cerimonia íntima e familiar.

Pero nesta voda non só os noivos están involucrados, senón que as súas respectivas familias, que xa forman unha, están a tope tamén cos preparativos do enlace, que para eles será o evento familiar do ano.

ler máis

'Desmontando Galicia' descobre hoxe a historia da Zona Franca de Vigo, intimamente ligada á da cidade olívica

11/10/2021

O seu tecido industrial e tecnolóxico concéntranse nun espazo descoñecido para moitos, onde desenvolven a súa actividade empresas de ámbito internacional

'Desmontando Galicia' descobre hoxe a historia da Zona Franca de Vigo, intimamente ligada á da cidade olívica

Santiago, 11.10.2021.-   O tecido industrial e tecnolóxico marcan o carácter da cidade de Vigo. A Zona Franca é un territorio descoñecido para moitos, onde desenvolven a súa actividade empresas de ámbito internacional. Empresas como Stellantis Vigo ou a Citroën, como din os vigueses.

Este luns, no programa ‘Desmontando Galicia’ (23.10 h), Diana Nogueira e Isabel Blanco, coa inestimable axuda do ‘SabichónQuique Morales, descubrirán a súa historia, intimamente ligada á da cidade olívica, a máis grande de Galicia.

Coas súas habituais e espectaculares recreacións audiovisuais, poñendo e quitando pezas onde faga falta, o espazo da TVG amosaralles aos espectadores esta zona de Vigo como nunca antes a viran.

ler máis