CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas CRTVG

Grazas ao recadado na CRTVG, Unicef vacinará máis de 6.500 nenos e nenas

22/11/2021

Co lema #PequenasSolucións, os medios públicos emitiron a semana pasada contidos especiais para sensibilizar sobre as necesidades da infancia durante a XI Semana coa Infancia

Grazas ao recadado na CRTVG, Unicef vacinará máis de 6.500 nenos e nenas

Santiago, 22.11.2021.-   Grazas á solidariedade da audiencia dos medios públicos galegos durante a semana pasada, Unicef poderá vacinar nun curto prazo 6.540 nenos e nenas contra o sarampelo.

Co lema #PequenasSolucións, a TVG e a Radio Galega, así como o portal web crtvg.gal e as redes sociais da Corporación, axudaron a que se coñecese o labor de sensibilización de Unicef relacionado co dereito á saúde -física e mental-, facendo especial fincapé na vacinación de rutina, que se viu reducida pola covid-19; co dereito a unha contorna dixital segura, na loita contra o acoso escolar e o ciberacoso, e co dereito á participación real e efectiva que sitúe as necesidades da infancia na primeira liña.

Entre outros moitos programas, ‘Bos Días’, ‘A Revista’, ‘Quen Anda Aí?’, ‘Sabadeando’, ‘Malicia Noticias’ e o espazo ‘Dígocho Eu’ colaboraron ofrecendo reportaxes e entrevistas relacionadas con esta XI Semana coa Infancia. Ademais, ‘Luar’ ofreceu o pasado venres unha edición especial en que deu a coñecer o labor de Unicef en distintos países e se fixeron chamamentos á solidariedade da audiencia.

Hai que engadir a colaboración dos espazos informativos e de entretemento da Radio Galega como ‘Galicia por Diante’, ‘A Bóla Extra’, ‘A Tarde’, ‘A Crónica’ e 'Galicia en Goles', e o labor do portal web e das redes sociais da Corporación. E, sobre todo, salientar a colaboración dos espectadores dos medios públicos galegos que se sumaron á campaña.

ler máis

Estrea e liderado de audiencia para '48 horas para o si'

17/11/2021

O novo formato da TVG, un espazo de entretemento arredor dos preparativos dunha petición de man 'exprés' e unha voda sorpresa, acadou un 16% de cota na súa estrea este martes

Estrea e liderado de audiencia para '48 horas para o si'

Santiago, 17.11.2021.-     A TVG foi líder absoluta de audiencia en Galicia na noite deste martes coa estrea de ‘48 horas para o si’, cun 16% de cota. Emoción e moito amor son os ingredientes desta proposta de entretemento da Galega para o prime time dos martes.

Presentado pola coñecida actriz Iolanda Muíños, en ‘48 horas para o si’  un dos membros da parella xoga o todo polo todo, xa que debe preparar en 48 horas unha petición de man e unha voda sorpresa. Onte foi a de Sara e Santi. A vítima, Santi, permaneceu enganado pensando que só ía participar nun programa de televisión para coñecer mellor a súa parella. E durante este proceso, a audiencia coñeceu tamén as familias de ambos e gozou dos enredos e momentos previos ao posible compromiso.

Con esta estrea, Televisión de Galicia reforza a súa proposta de entretemento para o prime time semanal, en que destaca a segunda temporada da ficción ‘Auga Seca’ os luns; o concurso ‘Os Mellores da Clase’ os mércores; ‘Land Rober Tunai Show’ os xoves, e ‘Luar’ os venres. A franxa compleméntase co irreverente informativo ‘Malicia Noticias’, de domingo a mércores.

ler máis

Aterran en RadioGalegaPodcast.gal novos podcast nativos dixitais de humor, música, igualdade e dirixidos á xeración Z

16/11/2021

A plataforma crece coas propostas variadas de ‘A fin do mundo’, ‘Como que non?’, ‘Estudio 3. Desclasificados’ e ‘Moito ollo!’, entre outras

Dentro da súa estratexia de dixitalización, a Radio Galega busca con esta plataforma alcanzar e fidelizar novas audiencias

Aterran en RadioGalegaPodcast.gal novos podcast nativos dixitais de humor, música, igualdade e dirixidos á xeración Z

Santiago, 16.11.2021.- A plataforma RadioGalegaPodcast.gal (https://radiogalegapodcast.gal/) suma á súa oferta novos podcast nativos dixitais, é dicir, podcast feitos por e para o medio dixital, á marxe dos patróns horarios propios da radio e coa vontade de alcanzar públicos niño con diferentes gustos. Os oíntes poden gozar da variedade de contidos dirixidos á xeración zeta que propón ‘A fin do mundo’, do humor de ‘Como que non?’, das achegas sobre igualdade en ‘Moito ollo’ e dun programa de concertos con ‘Estudio 3. Desclasificados’, entre outros.

O público da denominada xeración zeta dispón xa en RadioGalegaPodcast.gal dun novo podcast, ‘A fin do mundo’, co que Xiana Fole, Celia Riande e Anxo Fariñas queren deixar constancia de todo aquilo que inquieta, atormenta e perturba esta xeración. Falar de todo isto, articulado arredor de series, películas, libros, programas e calquera tema interesante que se lles poña diante. Nos primeiros episodios, os pensamentos destes tres zetas xirarán, por exemplo, arredor dos viláns, dos heroes e dos antiheroes que protagonizan as ficcións de hoxe en día e, neste eido, mesmo os realities serán tamén obxecto central doutro dos seus capítulos. Nas paisaxes que as súas olladas abranguen caben outros temas máis profundos como as relacións interpersoais, a saúde mental, a representatividade ou a cultura do meme. Todo un sistema de túneles mentais que Xiana, Celia e Anxo irán iluminando de maneira, máis ou menos accidental, en cada unha das súas sentadas.

O equipo de ‘Como que non?’ volve escoitarse máis transmedia ca nunca, xa que agora pasa a ser nativo dixital. Nesta quinta tempada, denominada 5G, seguirá convidando persoas vencelladas ao mundo da comunicación, as artes e o espectáculo para mergullalas no universo do programa, en que haberá sketchs, música en directo, un novo concurso e seccións do máis variadas. E como colaboradores conta con Pepe Capelán, co ‘Consultorio Capelán contesta’; Fernando RqR, coa sección ‘Camaleón’;  Fran Rodríguez abre o ‘Museo Mutante’, onde amosará pezas espectaculares da súa colección friki, e debuta Dani Lorenzo con ‘Cinema Paquitof’, dedicado aos cinéfilos.

Na sección de Ciencia de RadioGalegaPodcast.gal están desde hoxe tamén dispoñibles os podcast das colaboracións de Deborah Ciencia no ‘Galicia por diante’.

Súmanse tamén ‘Moito ollo’ e ‘Estudio 3. Desclasificados’

Este xoves chegará un novo nativo dixital á plataforma de RadioGalegaPodcast.gal, ‘Moito ollo!'. Esta nova incorporación, realizada por Ana Gayoso, abranguerá contidos sobre igualdade.   

E Ricardo Alonso porase á fronte, desde a próxima semana, de ‘Estudio 3. Desclasificados’, un programa de concertos para os amantes da música. Os primeiros programas serán recitais de Tequila, Depedro, Franz Ferdinand, Novedades Carminha, Los Ilegales e Lenny Kravitz.

Novos modelos de consumo da audiencia

Coa creación da plataforma RadioGalegaPodcast.gal, o pasado mes de outubro, a radio pública adáptase aos novos modelos de consumo da audiencia, con contidos especializados e moi enfocados a públicos concretos. Con ela, os medios públicos galegos engaden unha nova experiencia dixital á súa oferta, permitíndolles aos oíntes gozar de audios específicos a calquera hora e compartilos nas redes dun xeito áxil.

ler máis

A CRTVG e Unicef únense na XI Semana coa Infancia

14/11/2021

TVG, Radio Galega e os medios dixitais emitirán desde o luns 15 ata o domingo 21 de novembro contidos especiais relacionados coa saúde física e mental dos máis pequenos e con temas clave como o ciberacoso

A campaña será visible en toda a grella e contará de novo cunha edición especial do programa ‘Luar’

A CRTVG e Unicef únense na XI Semana coa Infancia

Santiago, 12.11.2021.-  A CRTVG promove os ODS das Nacións Unidas a través das súas #AcciónsG, e colabora da man de UNICEF coa XI Semana coa Infancia, que terá lugar desde este luns e ata o domingo 21 de novembro.
    
Ao longo de toda a semana, os programas informativos da TVG e da Radio Galega ‘Telexornal mediodía’, ‘Telexornal serán’, ‘Bos días’, ‘A revista’, ‘Galicia por diante’, ‘A bóla extra’, ‘A tarde’, ‘A crónica’, ou o espazo ‘#DígochoEu’ colaborarán emitindo entrevistas e reportaxes relacionados co dereito á saúde –física e mental– facendo especial fincapé na vacinación de rutina, pero tamén nas vacinas contra a covid-19; o dereito a unha contorna dixital segura, na loita contra o acoso escolar e o ciberacoso, e o dereito á participación, escoitando e tomando boa nota de todas as propostas que a rapazada lanzará no Parlamento de Galicia para loitar contra o cambio climático.

Do mesmo xeito, os programas de entretemento ‘Quen anda aí’ e ‘Sabadeando’ involucraranse na campaña convidando a caras coñecidas do audiovisual galego como Miguel Canalejo, Beatriz Serén, Lucía Regueiro ou Manuel Viso, entre outros moitos, que están implicados de forma continuada cos dereitos da infancia. O magazine ‘Fun polo aire’ achegarase a coñecer como melloran a súa contorna os rapaces de Moeche. O espazo de humor ‘Malicia noticias’ sorprenderá con algúns sketchs e, un ano máis, ‘Luar’ ofrecerá, o venres 19 de novembro, unha edición especial na que se coñecerá o labor de UNICEF para promover a saúde, a protección e o benestar da infancia.

Os presentadores máis coñecidos dos medios públicos, Xosé Manuel Piñeiro, Antón Rebollido, Kiko Novoa, Xoán Galán, Esther Estévez e María Xosé Rodríguez, entre outros, implicaranse coma ‘mensaxeiros’, para poñer en valor a importancia da vacinación.

A estas accións cómpre engadir a colaboración do portal web e as redes sociais da CRTVG, que apoiarán a campaña co cancelo #PequeñasSoluciones #PequenasSolucións e visibilizarán a importancia de romper o silencio que rodea a saúde mental e recollerán as entrevistas, noticias e reportaxes nunha canle temática en www.crtvg.gal.

Os contidos da campaña

A campaña promoverá a sensibilización sobre a solución máis eficaz, sinxela e económica para a supervivencia e a prevención de gromos de enfermidades perigosas, a vacinación e a importancia de coidar e protexer a saúde mental e o benestar emocional de nenos, nenas e adolescentes.

Analizará o impacto da tecnoloxía na adolescencia, as súas relacións, oportunidades e riscos, e como construír unha contorna dixital segura, saudable e equitativa para promover que o exercicio dos dereitos da infancia sexan unha realidade.

Promoverá o dereito á participación real e efectiva que sitúe as voces, necesidades e prioridades da infancia e adolescencia en primeira liña da axenda política local e autonómica.

A audiencia poderá colaborar co obxectivo de vacinar o maior número de nenos e nenas do mundo, chamando ao 900 907 133 ou na páxina pequeñassoluciones.es. Con 10 euros ao mes, cada ano, UNICEF pode vacinar 255 nenos contra a polio. Tamén se poderá apoiar mediante o envío de SMS solidarias coa palabra AXUDA ao 28028. Co custo dunha mensaxe, 1,2 €, UNICEF poderá vacinar un neno contra o sarampelo ou dous nenos contra a polio.

ler máis

RadioGalegaPodcast.gal estrea 'Superando a ficción', o primeiro podcast nativo dixital, creado pola xornalista Cristina García

08/11/2021

A plataforma irá crecendo en programas e colaboradores e sumará novos podcasts nativos, como ‘Morra o conto’, ‘Moito ollo!’ e ‘A fin do mundo’

A Radio Galega reforza con esta plataforma o seu papel dentro da estratexia dixital global da CRTVG para seguir a senda das novas audiencias

RadioGalegaPodcast.gal estrea 'Superando a ficción', o primeiro podcast nativo dixital, creado pola xornalista Cristina García

Santiago, 08.11.2021.-    RadioGalegaPodast.gal lanza este martes 9 de novembro o seu primeiro podcast nativo dixital, ‘Superando a ficción’, da xornalista Cristina García, coordinadora de programas da RG e condutora habitual do espazo ‘A Bóla Extra', que se emite simultaneamente ás mañás pola TVG e pola emisora pública. ‘Superando a ficción’ é un podcast feito por e para o medio dixital, á marxe dos patróns horarios propios da radio e coa vontade de alcanzar públicos niño con diferentes gustos.

Nos seis capítulos desta primeira temporada, Cristina García contará unha historia real que, de non saber que sucedeu, parecería o argumento dunha obra de ficción. De feito, moitas destas historias acabaron sendo levadas á gran pantalla. A protagonista do primeiro capítulo é a actriz Gene Tierney, coñecida por películas como ‘Laura’, de Otto Preminger. En concreto, afóndase no episodio máis tráxico da súa vida, que comezou cun bico. As demais historias, que se irán coñecendo semanalmente, levarán os oíntes á Habana na época da Revolución, ao Hollywood do cine negro, ao Estocolmo de cando o grupo ABBA triunfaba en Eurovisión ou a unha illa italiana do Mediterráneo durante a erupción dun volcán.

Cada episodio ten o título dunha película e, ao longo da temporada, coñecerase a orixe da síndrome de Estocolmo, o nacemento dos grandes almacéns en España, o crime que lle quedou por contar a unha escritora de éxito ou o romance máis escandaloso da historia do cine.

Nova experiencia dixital enfocada a públicos concretos

Desde a súa creación, o pasado mes de outubro, RadioGalegaPodcast.gal, plataforma de deseño mobile first coa que a radio pública se adapta aos novos modelos de consumo da audiencia, está medrando en contidos e sumará nas vindeiras semanas programas e colaboradores. Con ela, os medios públicos galegos engaden unha nova experiencia dixital á súa oferta, permitíndolles aos oíntes gozar de audios específicos a calquera hora e compartilos nas redes dun xeito áxil. Esta plataforma é un exemplo máis dos novos espazos en que se está situando a canle pública, onde se atopa a nova audiencia, con contidos especializados e moi enfocados a públicos concretos.
 
RadioGalegaPodcast.com categorízase baixo os títulos de ‘Música’ (con ‘Cara B’, ‘Galicia Emerxe’ e ‘Consellería do Ritmo’, entre os destacados); ‘Sociedade’ (‘O Poigrama’); ‘Saúde’ (Enfermera Saturada e ‘Corazón contento’), ‘Historia’ e ‘Cultura’ (O Barroquista, ‘Galicia para neofalantes’) e ‘Igualdade’ (‘Consellos con sexo’).  Ademais de ‘Superando a ficción’, chegarán tamén outros podcasts como ‘Morra o conto’, ‘Moito ollo!’ e ‘A fin do mundo’.

ler máis

O cine galego reencóntrase cos festivais

06/11/2021

Os filmes apoiados pola TVG amosan a súa potencia na volta das citas nacionais e internacionais de cinema

‘Que fixemos mal?’ estrearase na sección oficial do Festival de Sevilla e o documental ‘Welcome to ma maison’ competirá no Festival de Xixón

O filme ‘Tres’ compite nos Premios Forqué e o documental ‘A Virxe Roxa’ fíxoo na Seminci de Valladolid

O cine galego reencóntrase cos festivais

Santiago, 06.11.2021.-   Reactívanse os festivais nacionais e internacionais e o cine galego regresa a estas plataformas de promoción e presentación ante o sector. Esta mesma semana coñeceuse que o filme ‘Tres’, apoiado pola TVG, participa nos Premios Forqué, na categoría de mellor longametraxe e mellor interpretación para a actriz galega Luísa Merelas, xunto aos seus compañeiros de reparto Marta Nieto e Miki Esparbé.

ler máis

Televisión de Galicia estrea o 8 de novembro a segunda temporada da serie 'Auga seca'

03/11/2021

A ficción, unha coprodución da RTP e TVG, chegará o día 8 ao prime time da Television de Galicia

Consta de oito novos episodios, rodados orixinalmente en galego e portugués e nos que repite boa parte do equipo da anterior temporada

O país veciño tamén estrea este mes a nova entrega do thriller na RTP

Televisión de Galicia estrea o 8 de novembro a segunda temporada da serie 'Auga seca'

Santiago, 03.11.2021.-   A serie ‘Auga seca’, un drama policial situado no tráfico de armas e estreado con éxito na súa primeira temporada, regresa en novembro á Televisión de Galicia. Esta nova entrega, que foi rodada entre Vigo e Lisboa coas máximas medidas sanitarias e protocolos de prevención da covid-19, consta de 8 novos episodios de 50 minutos rodados orixinalmente en galego e portugués. A ficción é unha coprodución de Portocabo coa produtora portuguesa SPi para as canles RTP e Televisión de Galicia, e chegará o día 8 á Galega.

A primeira temporada de ‘Auga seca’ obtivo o galardón á mellor serie nos recentes Premios Celtic Media 2021. Os usuarios da CRTVG teñen dispoñible a primeira temporada ao completo na súa plataforma enserie.gal, o servizo en liña de cine e series da TVG. Esta ficción foi ademais a primeira serie en lingua galega que chegou á plataforma de distribución HBO como aposta da CRTVG por estender a lingua e o audiovisual galego polos mercados internacionais.

A segunda temporada, rodada entre Vigo e Lisboa, propón unha viaxe ao pasado de dúas familias: os Duarte e os Galdón. O que lle acontece a cada membro dunha familia irremediablemente aféctalle ao resto. Os espectadores presenciarán as complexas interaccións entre os personaxes e verán como saen a relucir as mentiras que contan -a eles mesmos e ao resto- para evitar sufrimento, pero que en realidade lles traen máis dor. Porque en ‘Auga seca’  o pasado non é o que parece. A protagonista, interpretada pola actriz portuguesa Victoria Guerra, está acompañada por actores galegos e lusos como Monti Castiñeiras (Mauro Galdón), Sergio Pazos (inspector Viñas), Eva Fernández (Irene), Adriano Luz (Lázaro) ou Igor Regalla (Abel), xunto a novas incorporcións como Pêpê Rapazote (João) ou Luana Piovani (Costa). Toño López volve asumir a dirección, canda o realizador portugués Sérgio Graciano e baixo a produción executiva de Alfonso Blanco, de Portocabo, creador da serie, e de José Amaral, de SPi. O guión corre a cargo de Carlota Dans, Roberto G. Méndez, Miguel Simal, Alfonso Blanco, Nina Hernández e Ana Míguez; a dirección de fotografía é de Lucía C. Pan e Manuel Pintos, e a música é de Elba Fernández e Xavi Font.

As claves desta segunda temporada
    
‘Auga seca’, tal e como explica o seu creador, Alfonso Blanco, de Portocabo, “é unha serie deseñada para dúas temporadas que funciona como iceberg”. Na primeira temporada soamente se amosa a superficie, pero ten unha historia interna moi poderosa, que inunda todas as relacións e que cobrará unha gran relevancia na trama destes novos 8 capítulos. Esta segunda temporada estará chea de tensión, emoción, drama e intriga e, sobre todo, intimamente ligada ao territorio en que se desenvolve. Trátase dunha serie orixinal da produtora galega Portocabo en coprodución internacional con SPi (Portugal) para RTP e TVG, dispoñible en HBO España e Portugal.

ler máis

A CRTVG contará en 2022 cun orzamento de 121 millóns de euros

03/11/2021

Miguel Rodríguez Barrio, director-xerente da área de Xestión Corporativa da CRTVG, presentou esta tarde no Parlamento o orzamento para o vindeiro ano e salientou as súas liñas xerais de aplicación

O investimento no sector audiovisual mantense nos 36 millóns de euros, o 30% do orzamento en clave de xestión

A CRTVG contará en 2022 cun orzamento de 121 millóns de euros

Santiago, 03.11.2020.- O director-xerente da Área de Xestión Corporativa da CRTVG, Miguel Rodríguez Barrio, compareceu esta tarde no Parlamento de Galicia para presentar o orzamento da Corporación correspondente a 2022, orzamento por importe de 121 millóns de euros. En comparanza co exercicio actual, esta previsión reflicte un incremento, debido á controversia arredor do IVE que afecta os servizos públicos de comunicación audiovisual en España, e “que fixo preciso consignar unha dotación de crédito específica no epígrafe de “Tributos” por un importe de 10,5 millóns de euros coa finalidade de prestar cobertura orzamentaria a esta problemática fiscal”, explicou Miguel R. Barrio. Xa que logo, en termos de importe, o orzamento reflicte un importante incremento, pero en clave de xestión (xa que eses 10,5 millóns están asignados a Tributos) os valores orzamentarios mantéñense estables e consontes cos do exercicio actual.

ler máis

O #DígochoEu da CRTVG, premio da Cultura Galega 2021

02/11/2021

O proxecto educativo arredor da lingua dos medios públicos galegos foi recoñecido por ser unha "exitosa iniciativa" que contribúe a mellorar o uso oral e escrito do galego e a que os falantes coñezan a riqueza da nosa lingua

Concedidos pola Xunta de Galicia, estes galardóns premian cada ano a excelencia creativa, a capacidade de intercambio e a experimentación

O #DígochoEu da CRTVG, premio da Cultura Galega 2021

Santiago, 02.11.2021.-    O proxecto educativo da CRTVG arredor da lingua #DígochoEu suma un novo recoñecemento e acaba de recibir o Premio da Cultura Galega 2021 na categoría de Lingua, un galardón co que, un ano máis, a Xunta de Galicia recoñece a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.

O xurado, presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou do #DígochoEu que se trata dunha "exitosa iniciativa a través da que se resolven dúbidas sobre a lingua galega de xeito sinxelo e eficaz a través de micropezas audiovisuais na CRTVG", empregando "unha linguaxe comunicativa moderna que conecta co público de todas as idades".

Na resolución dos Premios da Cultura Galega tamén se destaca que “desde a súa posta en marcha, a difusión do espazo, a través da TVG e as súas redes sociais, contribúe tanto a mellorar o uso oral e escrito da nosa lingua como a que os falantes coñezan a riqueza da lingua galega”.

Presentado por Esther Estévez, dirixido polo xornalista Carlos F. Amado e con Rocío Pérez como asesora lingüista, o  #DígochoEu convida a falar mellor a nosa lingua a través de vídeos en que se propón unha palabra incorrecta, de uso común, e ofrece sinónimos e consellos para darlle unha reviravolta a esas expresións. O proxecto naceu dentro da web dos servizos informativos, onde deseguida se situou como un dos contidos máis visualizados cada semana. #DígochoEu foi galardoado ademais co Premio Paraugas de Comunicación 2020 e co Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua pola súa comunicación e impacto neste ano 2021.

Actualmente #DígochoEu pode verse na web crtvg.gal en g24.gal, así como nas contas de Instagram (@digochoeu.tvg), Twitter (g24noticias), Facebook (g24noticias), YouTube (youtube.com/tvg), TikTok (tiktok.com/@digochoeu) e no 'Telexornal' da TVG. A boa recepción entre os máis novos fai que na rede TikTok conte xa con case 32 millóns de reproducións dos vídeos co cancelo #DígochoEu e en Instagram acadase en pouco máis de dous meses a cifra máxica de 10.000 seguidores. Ademais, desde maio, o espazo emítese dúas veces á semana en Twitch (twitch.tv/crtvg) e #DígochoEu estreou tamén web propia, digochoeu.gal, onde se recollen os vídeos diarios e tamén os emitidos no Twitch.
    
Os outros galardoados nos Premios da Cultura Galega 2021 son: na categoría de Letras, o poeta e narrador Bernardino Graña; en Artes Plásticas, o artista Antón Pulido; en  Artes Escénicas, a formación Nova Galega de Danza; en Música, a pianista Natalia Lamas; en Audiovisual, a produtora e directora cinematográfica Zaza Ceballos, unha das pioneiras do sector en Galicia; en Patrimonio Cultural, o mosteiro de San Pedro de Rocas, e finalmente, na categoría de Proxección Exterior, a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina.

ler máis

A TVG medra en audiencia no mes de outubro

02/11/2021

Sobe a cota de audiencia, tanto no conxunto do día coma no prime time

Cómpre salientar o incremento no ‘Telexornal Serán’ e do ‘Telexornal Serán Fin de Semana’, o que se suma ao liderado dos informativos do mediodía, reforzados polo novo servizo dixital g24.gal

A TVG medra en audiencia no mes de outubro

Santiago, 02.11.2021.-     A Televisión de Galicia incrementou a súa audiencia no mes de outubro, situándose no 9,5% de media no conxunto do día e no 10,7% na competida faixa do prime time.

A resposta dos espectadores ás propostas da Galega medrou con respecto ao mes de setembro. En termos porcentuais a audiencia no conxunto do día subiu un 4,4% e no prime time un 7%, salientando o crecemento dos xoves, día en que TVG lidera a audiencia do prime time cunha cota media do 13,3%, aínda que o crecemento nesta franxa ten lugar practicamente ao longo de toda a semana.

A TVG repite liderado na franxa informativa do mediodía, co ‘Galicia Noticias’ e ‘Telexornal Mediodía’, chegando de luns a venres a unha media do 19%. Cómpre salientar o incremento no serán cun crecemento do ‘Telexornal Serán’ de 1,6 puntos respecto a setembro e do ‘Telexornal Serán Fin de Semana’, con 1,3 puntos máis de cota. Tamén o ‘Bos Días’ e o ‘Galicia Noticias’ rexistran crecementos de audiencia neste mes de outubro.

A Galega mantense tamén como un dos motores das canles reunidas en FORTA, ao superar este grupo en 1,2 puntos de cota no conxunto do día e en 1,8 puntos no prime time (FORTA acada un 8,3% no conxunto do mes e un 8,9% no prime time).

Lanzamento de G24.gal

ler máis