CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas TVG

Emoción ata o último momento en 'A Liga dos Cantantes Extraordinarios', que esta noite celebra a súa gran final

09/09/2021

Despois de dez xornadas intensas, Alejandra Pais, Ruth Núñez, Alba Navarro, Rocío Varela, Noly, Antonio Barros, Danni Lamas e Iria Quintáns loitarán por converterse na voz capaz de conquistar o público de todas as xeracións (22.30 h)

Emoción ata o último momento en 'A Liga dos Cantantes Extraordinarios', que esta noite celebra a súa gran final

Santiago, 09.09.2021.-    Logo de dez xornadas intensas cargadas de emocións, o programa ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ ten xa oito finalistas cun único obxetivo: converterse na voz capaz de conquistar o corazón de netos, casadeiros, pais e avós.

Alejandra Pais e Ruth Núñez encabezan esta gran final como líderes dos sofás. Únense a elas Alba Navarro, Rocío Varela, Noly, Antonio Barros, Danni Lamas e Iria Quintáns, gañadora da semifinal da semana pasada. Todos eles cantarán esta noite nun extraordinario espectáculo, dirixido por Paco Lodeiro, que amosará o gran talento dos concursantes.

Ademais, o espazo da Televisión de Galicia contará coa presenza como convidada especial de Noelia Solleiro, gañadora do concurso da canción do verán da CRTVG co tema ‘Vive Galicia’. Será un programa cheo de emocións ata o último momento, que suporá o broche de ouro a unha temporada espectacular de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’.

ler máis

A TVG lidera a información e o entretemento da televisión en Galicia

08/09/2021

O ‘Galicia Noticias’ foi onte o programa máis visto, non só de toda a televisión, senón tamén de calquera outro medio ou soporte, cunha cota de pantalla do 25,2% e unha audiencia media de 143.000 espectadores

O concurso ‘Atrápame se podes’ foi a emisión máis seguida no prime time, cun 15,4% de share e 139.000 televidentes de media

A TVG lidera a información e o entretemento da televisión en Galicia

Santiago, 08.09.2021.-    A TVG acadou na xornada de onte o liderado informativo e o de entretemento en Galicia. O programa ‘Galicia Noticias’ foi o contido máis visto, non só de toda a televisión, senón tamén de calquera outro medio ou soporte. Este informativo tivo unha cota de pantalla do 25,2% e contou cunha media de 143.000 espectadores. A longo da súa emisión, o programa conseguiu chegar a 182.000 espectadores.

Outro espazo da TVG, o concurso ‘Atrápame se podes’, foi o programa de entretemento de maior audiencia en Galicia e a emisión máis vista do prime time ou faixa de maior consumo televisivo. Rexistrou unha audiencia media de 139.000 espectadores, unha cota de pantalla do 15,4% e foi quen de chegar a 215.000 televidentes.

Outros programas que salientan nas audiencias do 7 de setembro son o ‘Telexornal Mediodía’, cun 20,8% de share e unha media de 137.000 espectadores, con picos de 249.000, e o programa ‘Casamos!’, que anotou unha cota de pantalla do 13,7% e unha audiencia media de 110.000 espectadores, pero que ao longo da súa emisión conseguiu chegar a 256.000 persoas.

Na xornada de onte, a Televisión de Galicia acadou unha cota media no conxunto do día do 11,1%, mentres que na franxa do prime time a cota ascendeu a un 12,9%.

ler máis

'Eu quero Milagres' propón esta noite unha viaxe pola devoción de milleiros de galegos e tamén pola festa rachada que acompaña estes días

08/09/2021

As reporteiras do programa (22.30 h) estarán en Baños de Molgas, A Cañiza, Amil e Caión, entre outros lugares onde é protagonista o culto á Virxe dos Milagres

'Eu quero Milagres' propón esta noite unha viaxe pola devoción de milleiros de galegos e tamén pola festa rachada que acompaña estes días

Santiago,08.09.2021.-   A Televisión de Galicia ofrece este mércores pola noite ‘Eu quero Milagres’, un programa especial en que as distintas celebracións dedicadas á Virxe dos Milagres chegarán aos fogares de todos os espectadores. Deste xeito, ‘Eu quero Milagres’ propón unha intensa viaxe pola devoción e pola paixón de milleiros de galegos, pero tamén pola festa rachada que acompaña estes días.
    
As reporteiras do programa, Adela Bértolo, María Rial e Laura Vaqueiro, serán as encargadas de achegarlle á audiencia todos estes sentimentos a flor de pel. Para comezar, estarán no fermoso santuario da Virxe dos Milagres de Baños de Molgas, na provincia de Ourense. Ata alí acoden cada ano centos de devotos que veñen cargados de esperanza. Nesta ocasión, o programa asistirá á espectacular procesión das candeas.
    
A continuación, as reporteiras viaxarán ao concello da Cañiza, en Pontevedra, para participar na romaría da Virxe da Franqueira. As danzas tradicionais e a clásica loita do mouro e o cristián son os puntos fortes dunha xornada chea de emocións. As cámaras do programa deste mércores á noite afondarán na curiosa historia da Virxe da Franqueira da man do reitor do santuario. Pero tamén terán tempo para probar un dos tesouros da Cañiza; o seu delicioso xamón.
    
O percorrido de ‘Eu quero Milagres’ continuará no concello de Moraña, na parroquia de Amil, lugar onde celebran a emotiva baixada da santa. Alí chegan a diario unha morea de peregrinos que traen peticións para unha Virxe que, segundo din, é ben milagreira.
    
O programa tamén estará no concello da Laracha para acompañar todos os devotos da Virxe dos Milagres de Caión. Neste fermoso punto hai un espectacular santuario ao pé do mar onde conflúen cada ano ducias de historias de paixón e superación.
    
Pero como non todo vai ser devoción, as reporteiras de ‘Eu quero Milagres’ visitarán as festas de Sanxenxo para gozar da Feira da Cebola e da música das bandas nunha xornada de sol, praia e troula a esgalla.
    
Pola súa parte, na cidade de Vigo celebran unha edición máis da Festa da Cultura. Nesta ocasión, a música tradicional de máis de 20 grupos folclóricos soará polas rúas máis céntricas deste concello. E para que non falte de nada, o programa ofrecerá a actuación do grupo tradicional Donicelas, do concello de Salceda de Caselas.   

ler máis

Moito amor, moita ilusión e moitas ganas de festa no 'Casamos!' desta noite, que asistirá á voda de Alicia e Javi

07/09/2021

A pesar dos atrancos iniciais na súa relación, os dous decidiron apostar polo que sentían e agora, despois de dous anos e medio, queren dar o gran paso (22.30 h)

Moito amor, moita ilusión e moitas ganas de festa no 'Casamos!' desta noite, que asistirá á voda de Alicia e Javi

Santiago, 07.09.2021.-    Un martes máis, as vodas máis románticas, divertidas, curiosas e entrañables serán protagonistas na programación da Televisión de Galicia co programa ‘Casamos!’, que amosará esta noite a ilusión dunha nova parella que decide celebrar o seu enlace.

A historia de amor de Alicia e Javi, os protagonistas de hoxe, é unha historia común á doutras moitas parellas de namorados. Coñecéronse por amigos en común, pero Alicia estaba casada e o seu non podía ser. Porén, o amor puido máis ca nada e os dous decidiron apostar polo que sentían.

Un aborto inesperado desbaratou os plans da parella de seren pais, pero este traspés non rematou coa súa ilusión. Agora, despois de dous anos e medio de relación, casarán nunha voda pola Igrexa onde haberá moita ilusión, moitas ganas de festa e moito amor.

ler máis

A TVG segue ao carón do cine e coproducirá catro novas películas este ano

06/09/2021

Trátase das longametraxes ‘La parra’, ‘As neves’ e ‘Fatum’ e da película para televisión ‘O meu ilustrísimo amigo’

Dos catro proxectos, dous serán apostas por directores noveis

A TVG segue ao carón do cine e coproducirá catro novas películas este ano

Santiago, 06.09.2021.-   A TVG acordou a súa participación en catro novos proxectos cinematográficos -tres longametraxes e unha película para televisión- en cumprimento das accións de apoio dos medios públicos ao sector audiovisual. Destas catro producións, dúas serán apostas por directores noveis.

Así, o primeiro proxecto cinematográfico que contará co apoio da Televisión de Galicia é a longametraxe de autor ‘La parra’, de Filmika Galaika, en que o director Alberto Gracia aborda un filme noir con fondo autobiográfico, a crónica dun Ferrol detido no tempo, contada dun xeito persoal e particular, moi preto dunha visión onírica.

A TVG tamén participará na longametraxe ‘As neves’, ópera prima da actriz e directora galega Sonia Méndez, presentada por Cósmica Producións en coprodución con Aquí y Allí Filmes. Ofrece unha historia de adolescentes moderna acaecida no medio rural, un drama psicolóxico que amosa como a rutina dos rapaces dunha vila remota se ve alterada pola desaparición dunha compañeira.

Outro dos proxectos seleccionados é a película de alto presuposto ‘Fatum’, co habitual selo de Vaca Films en canto á súa dimensión e ambición. Será a primeira longametraxe de Juan Galiñanes como director, que aquí tamén suma talento como guionista xunto ao recoñecido Alberto Marini, creador de grandes historias coma ‘O descoñecido’. Este thriller trepidante, con acción e suspenso a partes iguais, está construído sobre os tres piares básicos da vida: saúde, diñeiro e amor.

Por último, a TVG participará na película para televisión ‘O meu ilustrísimo amigo’, de Agallas Films, un proxecto concibido en coprodución con varias televisións autonómicas  (Televisión Canaria, TVG e TV3).  Dirixida pola galega Paula Cons, terá máis dun 80% de rodaxe en Galicia. O proxecto aborda a figura da condesa Pardo Bazán afondando na súa historia de amor con Benito Pérez Galdós, ata o de agora só esbozada de forma xenérica.

Os criterios de selección empregados foron a participación en proxectos que destaquen pola súa creatividade, calidade, viabilidade e capacidade de repercusión na sociedade. Tamén se lle prestou atención ao valor artístico e ao vencellamento coa realidade social e cultural galega. Ademais, tivéronse en conta os recursos humanos, as biografías das autores, as historias das produtoras, os recursos económicos implicados e as gravacións en territorio galego.

A TVG segue a súa estratexia de apoio e internacionalización do sector audiovisual que tantos éxitos está a colleitar no mercado de TDT e en plataformas dixitais, dando nome a un xénero que xa se coñece como o Galician Noir.

ler máis

Co especial 'Volve Desmontando Galicia', a TVG presenta esta noite a nova temporada dun programa que non vai deixar monumento nin paisaxe sen desarmar

06/09/2021

Coas súas habituais e espectaculares recreacións, atreverase a amosar a alma das Illas Cíes, navegará polas augas do Miño, entrará no corazón dos estaleiros e visitará a antiga fábrica de Sargadelos e a praia das Catedrais, entre outros retos (22.40 h)

Co especial 'Volve Desmontando Galicia', a TVG presenta esta noite a nova temporada dun programa que non vai deixar monumento nin paisaxe sen desarmar

Santiago, 06.09.2021.-   O programa ‘Desmontando Galicia’ está a piques de comezar unha nova e espectacular temporada e a TVG quere esta noite avanzar parte dos contidos máis destacados que ofrecerá proximamente e recuperar algúns dos mellores momentos dos programas xa emitidos.

Este espazo da Televisión de Galicia proponse en cada unha das súas entregas, darlle a volta a todo, armar e desarmar canto se lle poña por diante. E nesta nova temporada non vai quedar monumento, infraestrutura nin paisaxe sen desmontar.

‘Desmontando Galicia’ atrévese con todo: xa desmontou a catedral de Santiago, a ponte de Rande, a muralla de Lugo, a construción do AVE… e a cousa non acaba aí. A este paso vai montar e desmontar Galicia enteira. O aeroporto de Santiago, o porto de Vigo, o Cabo Vilán… non vai quedar recuncho da paisaxe galega ao que non lle dea a volta para que os espectadores poidan velo como nunca antes.

Para este programa especial, a TVG contará coa colaboración de Víctor Fábregas, que irá introducindo os distintos lugares que se van desmontar e que manterá un divertido diálogo con Quique Morales, o narrador que lle pon voz ás recreacións audiovisuais do programa.

Nesta nova andaina, ‘Desmontando Galicia’ atreverase a amosar a alma das Illas Cíes, navegará polas augas do Miño, entrará no corazón dos estaleiros e visitará a antiga fábrica de Sargadelos e a praia das Catedrais, entre outros retos. De todos estes lugares, os espectadores irán vendo como se crearon, cal foi a súa orixe e curiosidades que se presentarán coas habituais e espectaculares recreacións do programa.

ler máis

'Cos Pés na Terra' achega esta noite seis historias de persoas que decidiron vivir no rural

05/09/2021

Entre outras iniciativas relacionadas co campo, o espazo da TVG (22.35 h) coñecerá o traballo do centro ocupacional de Celanova e visitará o castelo de Sobroso da man dos seus coidadores

'Cos Pés na Terra' achega esta noite seis historias de persoas que decidiron vivir no rural

Santiago, 05.09.2021.-    A Galega ofrece esta noite unha dobre entrega do programa ‘Cos Pés na Terra’, onde homes e mulleres amosan a súa opción inequívoca de vivir no rural. Nesta ocasión, o espazo da TVG descubrirá, da man do mestre Quique e coa axuda dos valentes do centro ocupacional de Celanova, que a vida se ve diferente desde o lombo dun cuadrúpede.

Coa axuda de Silvia, os espectadores coñecerán os habitantes da Casa Colorida, cuartel central de moitas iniciativas ‘cos pés na terra’. Por último, o programa da TVG visitará a Vicente, un home xubilado recente, que atopou no campo o maior dos entretementos para o seu novo día a día e todo sen arredarse ante os misterios insondables da natureza.

Na segunda edición desta noite, os espectadores poderán visitar o castelo de Sobroso da man dos seus coidadores, Ilda e Rafa, que amosarán como protexer desde a fortaleza a nosa cultura e tradicións.

Tomando un momento para cheirar as flores con Daniel, un florista sempre atarefado en adornar a vida dos demais, ‘Cos Pés na Terra’ comprobará que, se non podes ir á terra, a terra sempre pode ir a ti.

Por último, o programa coñecerá a Martín e Esteban, dous rapaces capaces de atender desde o seu obradoiro os padais máis refinados sen desatender os peteiros máis esixentes: os das súas galiñas cervexeiras.

ler máis

Gemeliers presentan esta noite en 'Bamboleo' os temas do seu novo disco

04/09/2021

As actuacións musicais do programa (22.00 h) complétanse co grupo Son Trío e a orquestra M-3

Gemeliers presentan esta noite en 'Bamboleo' os temas do seu novo disco

Santiago, 04.09.2021.-    ‘Bamboleo’, o espazo de entretemento presentado por Xosé Manuel Piñeiro, recibe esta noite os Gemeliers, o dúo formado polos sevillanos Jesús e Daniel. Na súa traxectoria profesional, atesouran catro álbums número un en España e varios discos de platino.

‘Stereo’ é o título do seu último disco, un traballo do que esta noite Gemeliers interpretarán varios temas. Ademais, cantarán o seu último sinxelo, unha estupenda balada titulada ‘Ya no me duele’. Será unha noite vibrante para Jesús e Dani que, ademais de cantar, tamén participarán nos xogos dos colaboradores. Tamara Pérez viaxará ata Redondela, onde gravará os protagonistas do ‘Sobes ou baixas’, e Claudio Pan porá os irmáns a proba nun divertido xogo de preguntas.  

Entre os convidados ao ‘Bamboleo’ desta noite estará o grupo Son Trío, formado pola rusa Katerina Linke e as galegas Su Garrido Pombo e Susanna Blanco. Interpretarán ‘Un día’, un fermoso tema co que gañaron o premio Celso Emilio Ferreiro.

A orquestra M-3 poñeralle o toque verbeneiro á noite cunha interesante selección de temas. No tempo de baile profesional, o ‘Dirtidansi’, veranse dúas exhibicións de bachata a cargo dunha parella subcampioa do mundo desta modalidade: Antonio e Estefanía.

No ‘Agora ou Nunca’ participarán Vanessa Suárez e José Alberto Bellón, que cantarán ‘Sueños rotos’, de La Quinta Estación, e ‘Esos celos’, de Vicente Fernández. ‘A Jrileira’ contará coa participación de dous clubs: o Club Quicela de ximnasia rítmica de Monforte de Lemos e o Bastavales Unión Deportiva de Brión. En primeiro lugar, a Jessica e a Roni tocaralles cantar ‘Un beso y una flor’, de Nino Bravo, e despois terán que adiviñar o máximo número de intérpretes nun minuto e medio. E, na ‘ITV do amor’, unha parella de namorados deberá enfrontarse ás temidas preguntas sexys e despistar o participante do público para facerse co premio que hai en xogo.

ler máis

'100 anos de verbena galega' achégase este venres ao rexurdir das festas e ao fenómeno fan de comezos de século

03/09/2021

Nesta etapa, destaca a rivalidade entre a París de Noia e a Panorama, unhas postas en escena espectaculares e artistas procedentes de América do Sur e da televisión

'100 anos de verbena galega' achégase este venres ao rexurdir das festas e ao fenómeno fan de comezos de século

Santiago, 03.09.2021.-   Comezan os venres de setembro na TVG co percorrido musical e a viaxe no tempo polas festas que propón en cada edición ‘100 anos de verbena galega’ (21.55 h), hoxe cun espectáculo desde Boiro. Co cambio de século asístese a unha auténtica revolución que acaba transformada nunha especie de ‘carreira armamentística’, coa chegada dos escenarios móbiles ou as grandes dianteiras con orquestras de ata seis cantantes.

Estes avances conseguen que a xuventude volva ás festas, coa aparición dun novo fenómeno fan que ten o seu inicio nos espectáculos de La OcaBand e acada a súa máxima expresión na rivalidade entre a París de Noia e a Panorama. Aínda que tamén xurdirán as críticas a este tipo de orquestra/espectáculo desde un público que defende a música de baile.

Nestes anos, os palcos énchense de caras novas, destacando a ‘importación’ de músicos de América do Sur, o descubrimento das orquestras canarias como Armonía Show e, sobre todo, a chegada ás verbenas de voces procedentes de concursos de televisión, algo que se podería denominar ‘efecto Bisbal’. Todo isto, sumado á aparición das redes sociais, e ás gravacións dos primeiros DVD, concédelles unha entidade ás nosas orquestras que as vai levar mesmo a ser protagonistas de eventos máis alá das verbenas.

ler máis

Oito aspirantes pelexarán no escenario de 'A Liga dos Cantantes Extraordinarios' pola única praza libre que queda para a gran final

02/09/2021

No grande espectáculo desta noite (22.30 h), Paco Lodeiro, César Romero e o xurado do programa homenaxearán a película musical ‘O Gran Showman’

Oito aspirantes pelexarán no escenario de 'A Liga dos Cantantes Extraordinarios' pola única praza libre que queda para a gran final

Santiago, 02.09.2021.-   Un gran show é o que lles agarda esta noite aos espectadores de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ e darán boa conta del o mestre de cerimonias, Paco Lodeiro, e o xurado, que, xunto a César Romero, homenaxearán cunha marabillosa intro a película musical ‘O Gran Showman’. E é que a Liga non merece menos.

A estas alturas, xa se coñecen algúns dos nomes que estarán na gran final do programa da Televisión de Galicia, pero aínda queda unha única praza libre para quen gañe este noite na semifinal da Liga.

Ángel Hasegawa, Iria Quintáns, José Ángel Albán, Ángel Sevilla, Ana Paz e Diego Barbazán, xunto a Laura Añón e Rita Barreiro, que liderarán cada un dos tronos por seren as dúas concursantes que chegaron máis veces a finalistas durante o programa, pelexarán no escenario de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ para proclamarse vencedores da noite e conseguir chegar á prezada final.

ler máis