CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas TVG

O documental 'Os segredos da capela maior' revelará este domingo na TVG a grandiosidade deste espazo da catedral de Santiago

24/07/2021

Durante varios meses, un equipo de profesionais de Televisión de Galicia, dirixidos por Senén Bernárdez, seguiron os traballos de intervención neste conxunto, un dos máis importantes de Occidente, que ocultaba grandes segredos baixo a deterioración debida ao paso do tempo

O documental 'Os segredos da capela maior' revelará este domingo na TVG a grandiosidade deste espazo da catedral de Santiago

Santiago, 24.07.2021.-   Na tarde do 25 de xullo, arredor das 17.30 h, a Televisión de Galicia estreará un documental sobre o conxunto de reformas da capela maior da catedral de Santiago de Compostela, que tiveron lugar durante estes últimos anos e que concluíron hai uns días cos traballos finais de iluminación.

A Fundación Catedral leva realizadas, a través do plan director, desde a súa constitución en 2008, preto de 100 intervencións principais. Este Ano Santo Xacobeo a catedral loce as súas mellores galas. Por primeira vez na súa historia de case un milenio, pódense contemplar todas as fachadas e torres da catedral de Santiago resplandecentes, coa cor orixinal da pedra, libres da capa agrisada que as murchaba.

Pero quedaba pendente algo fundamental: a restauración da capela aior e o cruceiro, o  centro mesmo da catedral. O documental ‘Os segredos da capela maior’ revelará a grandiosidade dun dos conxuntos máis importantes de Occidente, agochado durante séculos baixo densas capas de humidade e po que ocultaban o seu fulgor de prata e ouro.

Durante varios meses, un equipo de profesionais de Televisión de Galicia, dirixidos por Senén Bernárdez, seguiron os traballos de intervención na capela maior, que ocultaba grandes segredos baixo a deterioración debida ao paso do tempo e, moi especialmente, á humidade e á choiva. Neste programa especial desvelaranse moitos destes segredos. Así, o espectador poderá coñecer a historia e o significado da capela maior e, ao mesmo tempo, seguir os apaixonantes e complexos traballos realizados para a súa restauración.

A catedral de Santiago, construída sobre as reliquias do Apóstolo, foi mesturando ao longo dos séculos diferentes estilos artísticos, como o románico, o gótico, o renacemento e o barroco. Estes estilos entrelázanse con harmonía e o seu corazón é a capela maior, un bo exemplo desta mestura.

ler máis

A maxia dos Fogos do Apóstolo, esta noite, en directo na Televisión de Galicia

24/07/2021

Loly Gómez e Eduardo Herrero conducirán desde a praza do Obradoiro un programa especial (21.55 h) que conectará cos puntos de Compostela que farán da noite día, ofrecerá actuacións musicais e contará coa participación de rostros moi coñecidos da TVG

A maxia dos Fogos do Apóstolo, esta noite, en directo na Televisión de Galicia

Santiago, 24.07.2021.-    A Televisión de Galicia retransmitirá esta noite os Fogos do Apóstolo nun programa en directo presentado desde a praza do Obradoiro por Loly Gómez e Eduardo Herrero. Os medios públicos abrirán as portas deste grande espectáculo a toda Galicia, nunha retransmisión moi especial en que a noite se fará día no ceo de Santiago de Compostela e que poderán seguir tamén a través da web crtvg.gal.
    
Con motivo da situación sanitaria, os fogos manteranse na liña do pasado ano, con pequenas tiradas simultáneas desde cinco puntos da cidade: o parque Eugenio Granell, o parque Carlomagno, a carballeira de Santa Susana, o Monte Gaiás e As Cancelas. Ademais do punto principal instalado no Obradoiro, onde se vivirá a expectación previa na voz en primeira persoa de peregrinos e composteláns, o programa desprazarase en directo a varios lugares estratéxicos da cidade para ofrecer unhas vistas espectaculares do espectáculo pirotécnico e tentear o ambiente.
 
Neste ano tan especial, marcado polo Xacobeo, ofreceranse comentarios divulgativos arredor da figura do Apóstolo de Santiago, o Mestre Mateo ou a actualidade histórica dos xacobeos, da man de Fernando Madriñán, experto na historia de Santiago. Ademais, algúns dos rostros coñecidos da TVG, como o cociñeiro Xoanqui Ameixeiras, a actriz Eva Iglesias ou as ‘maliciosas’ Noelia Rey e Lucía Iglesias, serán protagonistas de divertidas reportaxes que se emitirán ao longo do programa.
    
A música terá un papel principal no programa, cunha coidada selección de pezas moi representativas da cultura musical galega, en versións feitas con piano, contrabaixo e batería nun ton íntimo e jazzístico, que serán interpretadas por Paco Lodeiro e un espectacular elenco dos mellores cantantes da verbena galega, nunha noite cargada de emocións e sorpresas.

ler máis

A Liga ACT de traiñeiras e o Mundial de Motocros son esta fin de semana as propostas deportivas en directo da G2

23/07/2021

O sábado ofrecerase desde Castro Urdiales a Bandeira CaixaBank e o domingo a competición de remo chega ás augas biscaíñas de Lekeitio, coa X Bandeira Euskotren e a XXXVI El Correo Ikurriña

Os espectadores tamén poderán ver o día 25 o Gran Premio da República Checa, a quinta proba do Mundial de MXGP

A Liga ACT de traiñeiras e o Mundial de Motocros son esta fin de semana as propostas deportivas en directo da G2

Santiago, 23.07.2021.-    Unha fin de semana máis, as traiñeiras volverán acaparar o protagonismo da programación deportiva dos medios públicos galegos, que ofrecerán tamén unha nova xornada do Mundial de Motocros.

O sábado, as competicións das ligas Eusko Label e Euskotren volven a Cantabria da man da Bandeira CaixaBank. Tras unha temporada sen albergar competicións, Castro Urdiales acolle o 24 de xullo a sétima xornada das dúas competicións de elite do remo de banco fixo. Os espectadores da G2 poderán ver a regata feminina ás 17.30 h e a masculina, a partir das 18.00 h.

E o domingo será a localidade biscaíña de Lekeitio a que acolla a oitava xornada da Liga ACT coa disputa da X Bandeira Euskotren (11.30 h), en que as catro tripulacións participantes tratarán de conseguir a regata do patrocinador, e da XXXVI El Correo Ikurriña, que comezará ao finalizar a bandeira feminina (12.00 h) e en que as quendas estarán divididas segundo a clasificación da proba do día anterior, a Bandeira CaixaBank.

Xa pola tarde, ás 16.00 h, o motor recollerá o testemuño do remo na G2, que ofrecerá a segunda carreira do Gran Premio da República Checa, a quinta proba do Campionato do Mundo de Motocros, que se disputará en Loket. A semana pasada, no GP dos Países Baixos, o español Jorge Prado volveu quedar ás portas do podio e acabou cuarto, cun só punto menos que o terceiro. Deste xeito, mantense quinto na clasificación provisional, aínda que a só 11 puntos do triplo empate que forman Herlings, Cairoli e Febyre e que segue confirmando a grande igualdade que hai este ano na clase de MXPG.

ler máis

Televisión de Galicia, primeira televisión pública que retransmite en directo mediante o 5G de Telefónica

23/07/2021

A conexión en directo fíxose desde o Monte do Gozo, para o `Telexornal mediodía´ deste venres 

Televisión de Galicia convértese en pioneira no emprego do 5G 

Televisión de Galicia, primeira televisión pública que retransmite en directo mediante o 5G de Telefónica

Santiago/Madrid, 23.07.2021.- Televisión de Galicia (CRTVG) converteuse hoxe na primeira canle pública española en levar a cabo unha retransmisión en directo mediante tecnoloxía 5G coa conectividade proporcionada por Telefónica.  

ler máis

'Eles transportan a morte', película participada pola TVG, estrearase na Semana da Crítica da Mostra de Venecia

23/07/2021

O filme de Helena Girón e Samuel M. Delgado, ambientado no ano 1492, rodouse na raia entre Galicia e Portugal

'Eles transportan a morte', película participada pola TVG, estrearase na Semana da Crítica da Mostra de Venecia

Santiago, 23.07.2021.- Participada pola TVG, a longametraxe ‘Eles transportan a morte’ estrearase na Semana da Crítica da Mostra de Venecia, un dos certames de cinema máis prestixiosos do mundo, que celebra a súa 78º edición do 1 ao 11 de setembro. 

ler máis

As propostas musicais de Natalia, Luar na Lubre, Amistades Peligrosas e Noelia Solleiro, esta noite en 'Luar'

23/07/2021

Ao longo do programa (21.55 h) presentaranse os novos recanteiros e recanteiras que formarán parte da próxima edición do concurso

As propostas musicais de Natalia,  Luar na Lubre, Amistades Peligrosas e Noelia Solleiro, esta noite en 'Luar'

Santiago, 23.07.2021.-   O programa ‘Luar’ reúne este venres un variado elenco de artistas, entre os que se atopa o dúo Amistades Peligrosas, que volveron unir os seus camiños tras máis de 20 anos separados.

Tamén está convidada ao ‘Luar’ desta semana a cantante gaditana Natalia, a menor daquela dourada primeira xeración de ‘Operación Triunfo’. A cantante, compositora e presentadora de televisión presentaralles aos espectadores galegos os seus novos temas: ‘Lento’ e ‘Dame’.

O espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Rocío Rodríguez Padín presentará este venres sobre o escenario a gañadora do concurso da canción do verán da CRTVG, Noelia Solleiro, que cantará o seu ‘Vive Galicia’, un tema cheo de ledicia e emoción.

A música celta de Luar na Lubre, unha das bandas máis internacionais de Galicia, sorprenderá aos espectadores cos seus temas ‘Dum pater familias’ e ‘Mártiros e o Vákner’; e o músico Fran Amil levará os clásicos da lírica galega ao programa desta noite nunha versión máis animada, da man do seu tema ‘Candeloria’.

ler máis

A CRTVG celebra esta fin de semana o Día de Galicia cunha programación especial arredor do 25 de xullo

22/07/2021

TVG e Radio Galega ofrecerán simultaneamente a retransmisión dos Fogos do Apóstolo, na noite do sábado, e a gran ‘Gala do 25 de Xullo’, o domingo á noite

Emitiranse en directo a Ofrenda Nacional ao Apóstolo e a entrega das Medallas de Galicia, actos presididos polo rei Filipe VI

O domingo estrearase o documental ‘Os segredos da Capela Maior’, que revela a grandiosidade deste espazo da Catedral de Santiago

A CRTVG celebra esta fin de semana o Día de Galicia cunha programación especial arredor do 25 de xullo

Santiago, 22.07.2021.-    Programas en directo desde a praza do Obradoiro, retransmisión dos actos oficiais e unha gran gala musical protagonizan este ano a programación dos medios públicos galegos para celebrar o Día de Galicia máis importante da última década, marcado polo Ano Xacobeo 2021. Tamén a páxina web e as redes sociais da CRTVG informarán e retransmitirán as principais citas da fin de semana.

Un dos pratos fortes da programación especial será, sen dúbida, a retransmisión o sábado pola noite dos Fogos do Apóstolo, que se botarán de xeito simultáneo desde distintos puntos de Santiago. Os xornalistas Loly Gómez e Eduardo Herrero conducirán desde a praza do Obradoiro, a partir das 22.00 h, este programa especial, con conexións cos distintos lugares onde a noite se fará día, e que ofrecerá actuacións musicais e contará coa participación de rostros moi coñecidos da TVG.

Previamente, na tarde do sábado, a Televisión de Galicia emitirá ‘Descubrindo a Ribeira Sacra’, programa que afondará nos segredos desta paraxe natural, zona na que máis medrou a demanda turística nos últimos anos. E o magazineSabadeando’ conectará en directo coa praza do Obradoiro e estará moi pendente durante toda a tarde de todo o que aconteza en Compostela na véspera do Día do Apóstolo.

O domingo 25 de xullo comezará coa retransmisión da Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago. Ás 12.00 h ofrecerase en directo desde a praza do Obradoiro a Parada Militar e, a partir das 12.30 h, a misa desde a Catedral. Como cada ano, a TVG ofrecerá en directo este evento, que lle dá continuidade á tradición instaurada por Filipe IV en 1643, e que, por segundo ano consecutivo, será presidido polos Reis don Felipe e dona Letizia, acompañados, por primeira vez, pola Princesa de Asturias e a Infanta Sofía.

Estrea do documental ‘Os segredos da Capela Maior’ (domingo, 17.30 h)
    
Pola  tarde, arredor das 17.30 h, ofrecerase o documental ‘Os segredos da Capela Maior’ sobre o conxunto de reformas neste espazo da catedral de Santiago, que concluíron hai uns días cos traballos finais de iluminación. Realizado durante varios meses por un equipo da TVG, o documental revela a grandiosidade dun dos conxuntos arquitectónicos máis importantes de Occidente, agochado durante séculos baixo densas capas de humidade e po.

Ás 18.30 h  retransmitirase a entrega das Medallas de Galicia, que tamén será presidida polo rei Filipe VI. O acto, que recupera a data do 25 de xullo, será retransmitido pola TVG con intérprete de lingua de signos. A máis alta distinción autonómica recoñecerá este ano o traballo dos profesionais que participan no dispositivo de vacinación contra a covid-19.

Ademais destas retransmisións, os espazos informativos deste domingo, o ‘Telexornal Mediodía’ e o ‘Telexornal Serán Fin de Semana’, ofreceranse desde o balcón do Consello da Cultura Galega, no pazo de Raxoi, coa catedral de Santiago de fondo.

Outra das propostas da Galega para este día festivo será unha edición especial, dedicada ao Camiño Francés, do programa ‘Un país en 360’ (19.45 h), que utiliza a tecnoloxía para achegarlles aos espectadores, de forma inmersiva, o patrimonio natural e monumental de Galicia.

Xa pola noite, chegará o momento da tradicional ‘Gala do 25 de Xullo(22.00 h), en que este ano acompañarán a Xosé Ramón Gayoso a reporteira do ‘Malicia Noticias’ Noelia Rey, Esther Estévez, presentadora do ‘#DígochoEu’, e a xornalista Alba Mancebo. O programa estará dedicado aos novos camiños de comunicación que se abren nas redes sociais e contará coa presenza de influencers galegos. Ademais, ofreceranse as actuacións de Marta Sánchez, Carlos Núñez, Roi Méndez, Xisco Feijoó, Xosé Lois Romero e Aliboria, o coro Cantigas de Agarimos, o grupo Boyanka Kostova e as orquestras Panorama e París de Noia, entre outros artistas.

A Radio Galega cubrirá todos os eventos do Día de Galicia

Pola súa parte, a Radio Galega dedicará este 25 de xullo oito horas á cobertura de todos os eventos. Pola mañá, de 09.00 a 14.00 h, ofrecerase un programa especial coa emisión íntegra da Parada Militar e da Ofrenda ao Apóstolo. Pola tarde, de 16.55 a 20.00 h, retransmitirase a comparecencia tras a reunión do Real Padroado de Santiago e a entrega das Medallas de Galicia. Ambos os dous especiais serán presentados por Carlos Reboreda.

Ademais, a RG emitirá en directo o sábado o programa especial da TVG dedicado aos Fogos do Apóstolo e o domingo, a ‘Gala do 25 de Xullo’.

ler máis

Alba Navarro e Rocío Varela loitarán esta noite por manter o seu trono en 'A Liga dos Cantantes Extraordinarios'

22/07/2021

Será unha noite moi especial, xa que se dará a coñecer o novo tema de Pili Pampín, ‘Gozaremos do verán’, que virá acompañado dunha gran sorpresa (22.30 h)

Alba Navarro e Rocío Varela loitarán esta noite por manter o seu trono en 'A Liga dos Cantantes Extraordinarios'

Santiago, 22.07.2021.-  Na cuarta entrega desta nova temporada de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’, loitarán por manter o seu trono Alba Navarro, de Los Satélites, e Rocío Varela, da orquestra New York, competindo contra Danni Lamas, de Kubo; José Ángel Albán, da orquestra Capitol, e Rita Barreiro, da Charleston Big Band, a primeira delas, e a segunda, contra Ángel Sevilla, de La Fórmula; Iria Quintáns, de Maremagnum e a xa veterana Ana Paz, da orquestra Cinema.

Será unha noite moi especial, xa que se dará a coñecer o novo tema de Pili Pampín, ‘Gozaremos do verán’, que virá acompañado dunha gran sorpresa para todos os espectadores.

Como cada semana, o xurado composto por Lito Garrido, Lucía Pérez, Pili PampínMon e Ula, do grupo Monouliuos DOP, será o encargado de seguir buscando a mellor voz da verbena galega, aquela capaz de convencer o público de todas as idades.

ler máis

As celebracións máis emotivas do ano en Galicia, protagonistas esta noite en 'Eu quero Carme'

21/07/2021

O programa (22.30 h) comprobará con que paixón se vive a festa da patroa dos mariñeiros en Camariñas, Rianxo, Marín, Foz, Redondela e Corcubión

As celebracións máis emotivas do ano en Galicia, protagonistas esta noite en 'Eu quero Carme'

Santiago, 21.07.2021.-    A TVG ofrece esta noite un programa especial dedicado a unha das celebracións máis emotivas do ano en Galicia. ‘Eu quero Carme’ propón unha intensa viaxe cargada de festa, alegría, música e unha chea de paixón pola patroa dos mariñeiros.   
    
As reporteiras do programa, Adela Bértolo, Laura Vaqueiro, María Rial e Belén Vara, serán as encargadas de facer este inesquecible percorrido. Para comezar, estarán nas Festas do Carme da vila de Camariñas. Alí poderán gozar da tradicional Danza de Arcos e dunha procesión por terra e por mar da Virxe do Carme.
    
A continuación, visitarán Rianxo, onde os mariñeiros sacan por fin a súa Virxe do Carme polas rúas do concello. Alí tamén haberá música tradicional e troula a esgalla. Igual que en Marín, onde un dos puntos fortes das súas famosas Festas do Carme é o concerto da orquestra París de Noia.

As cámaras e reporteiras do programa deste mércores tamén estarán en Foz para participar na elaboración das alfombras de flores do Carme e compartir cos focegos a súa paixón pola Virxe. Ademais, ‘Eu quero Carme’ irá de sardiñada á parroquia de Cangas, tamén no concello de Foz. E acompañará este delicioso manxar do verán coa música de Los Satélites.
    
O programa porá voz ás emocionantes historias dos mariñeiros de Cangas e, na parroquia de Cesantes, en Redondela, presentará unhas mulleres do mar que teñen moito que dicir sobre a súa Virxe do Carme. As festas de Corcubión, en que as charangas percorren o concello desde primeira hora da mañá, completan o menú festeiro do programa.

ler máis

Sofía Rial, representante de Terras de Compostela, gañadora do concurso musical 'Recantos' de 'Luar'

20/07/2021

A intérprete impúxose no escenario co tema ‘Non chores por min, Arxentina’ sobre o representante de Terras da Coruña, Fernando Hernández 

A gañadora sorprendeu ao público sacando o seu lado máis heavy cunha demostración de canto gutural

Sofía Rial, representante de Terras de Compostela, gañadora do concurso musical 'Recantos' de 'Luar'

Santiago de Compostela, 20.07.2021.-  A representante de Terras de Compostela, Sofía Rial, fíxose co primeiro premio do concurso musical ‘Recantos’ de ‘Luar’ deste 2021, dotado de 5.000 euros, coa súa interpretación do tema ‘Non chores por min, Arxentina’. Rial impúxose así ao outro finalista, Fernando Hernández, que cantou ‘E como é el?’ e recibiu o segundo premio, de 2.000 euros.

ler máis