CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas RG

A Radio Galega ofrece cinco días de retransmisións deportivas, de xoves a luns

06/05/2021

O partido da ACB entre o Barcelona e o Obradoiro inaugura hoxe unha intensa oferta que rematará o día 10 co encontro de Segunda División entre o Lugo e o Spórting de Xixón

O sábado e domingo, seguiranse as competicións de balonmán e fútbol sala, xunto ao fútbol de Terceira e a última xornada da 2ª B nos grupos de ascenso, con atención aos compromisos do Rácing de Ferrol, o Deportivo e o Celta B

A Radio Galega ofrece cinco días de retransmisións deportivas, de xoves a luns

Santiago, 06.05.2021.-    Os afeccionados ao deporte teñen onde escoller durante os próximos cinco días na programación da Radio Galega. O programa ‘Galicia en Goles’ estará presente desde o xoves ata o luns para contar os partidos dos equipos e deportistas galegos.

O xoves, desde as 20.30 h, o protagonismo será para o baloncesto ACB co Barcelona-Obradoiro. O equipo santiagués chega sen presión ao Palau tras garantir a permanencia, mentres o equipo local está eufórico tras acceder á final a catro da Euroliga.

O venres, tamén desde as 20.30 h, o programa analizará a intensa xornada da fin de semana para os conxuntos galegos no fútbol e no polideportivo.

O sábado, a sesión de tarde prolongarase desde as 15.00 ata as 23.00 h para seguir o fútbol de Segunda B e Terceira, xunto ás competicións de balonmán e fútbol sala.

Xa o domingo, a edición matinal adianta o seu comezo ás 11.45 h coa última xornada da Segunda B nos grupos de ascenso. O Rácing de Ferrol necesita gañarlle en Luanco ao Marino para acceder á Primeira RFEF, mentres que o Deportivo, xa cos deberes feitos, visita o Numancia co obxectivo de quedar primeiro e entrar na próxima edición da Copa do Rei. Para o Celta B, entrementres, a visita a Burgos servirá de preparación para as finais de ascenso ao fútbol profesional e para saber tamén en que posto vai quedar no grupo. O Coruxo-Lealtad, pola permanencia na Segunda RFEF, e o Estudiantes-Obradoiro de ACB completarán a oferta deportiva ata as 14.30 h. Desde as 15.00 h, o protagonismo será para o Vilarreal-Celta, de Primeira, o Pontevedra-Spórting B, de Segunda B, e a xornada de Terceira.

Durante a fin de semana, a Radio Galega emitirá outros espazos de temática deportiva. Deste xeito, o sábado, ás 13.00 h, Alfonso Pardo visita, co programa ‘Convivir Deportivo’, Quiroga, onde unha das prácticas de moda é o trail. Ás 23.00 h, ‘Gas a Fondo’ repasará a información do motor galego e, ás 23.30 h, ‘Galicia en Toquio’ actualizará a preparación dos deportistas galegos para os próximos Xogos Olímpicos. Como é habitual, a última hora do día será para debater en ‘Ao Contraataque’  sobre os resultados dos equipos galegos durante a fin de semana.

O luns haberá outra edición de ‘Galicia en Goles’ desde as 20.30 h, xa que o Lugo pecha a xornada de Segunda División visitando o Spórting de Xixón no Molinón. O único resultado válido para o cadro galego é a vitoria, se quere manter as escasas opcións de permanencia na categoría.

ler máis

Budiño, protagonista dun novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’

05/05/2021

O artista moañés achegará os temas que recolle no seu último traballo discográfico, ‘Fulgor’

Budiño, protagonista dun novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’

Santiago, 05.05.2021.- Xosé Manuel Budiño, un dos artistas, compositores, gaiteiros e intérpretes máis innovadores da escena folk galega, é o protagonista dun novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’, que ofrece esta noite a G2 ás 23.25 horas.

Neste novo recital do ‘Galicia Emerxe’, Budiño ofrecerá os temas que inclúe no seu último traballo discográfico, ‘Fulgor’. Despois de oito anos de silencio, Budiño publicou antes da pandemia o seu oitavo disco, composto por 10 cancións orixinais, producidas e cantadas por el mesmo. Para este álbum, o artista moañés contou con grandes letras de poetas, como as da estradense Antía Otero, e de destacados compositores, como o coruñés Xoel López e a cantautora Vega; cos sons dos guitarristas Antonio Casado, Jairo Zavala e Luiz Caracol, e coa participación do Cuarteto Quiroga.

Budiño ten unha longa e recoñecida traxectoria no mundo da música, que comezou na escola de gaitas Semente Nova de Moaña a principios dos oitenta. Despois participou na banda de gaitas Xarabal e, en 1991, fundou o grupo Fol de Nui. A partir de aí, toca con bandas como Altan (Irlanda), Capercaille (Escocia) ou Oskorri (Euskadi) e con artistas como Kepa Junkera, Uxía ou Mercedes Peón, entre outros moitos.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

No ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, contarase nas vindeiras semanas coa música de Rodrigo Romaní, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas, entre outros.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’ no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

ler máis

A TVG segue imparable e acada a maior audiencia no mes de abril desde 2012

01/05/2021

A canle acadou en abril o 10,7 % de cota no conxunto do día e o 10,6 % no prime time, os mellores datos do ano e o mellor dato dun mes de abril desde 2012, cando conseguira un 11,9 %

A Galega é líder de audiencia entre a xuventude, de entre 13 a 24 anos, cun 14,3 % de cota, tres puntos máis que a seguinte canle, Tele5

 

 

A TVG segue imparable e acada a maior audiencia no mes de abril desde 2012

Santiago, 01.05.2021.-   A Televisión de Galicia segue a medrar e a ser máis líder mes a mes en Galicia. Así o reflectiron os datos da primeira onda do EXM, referendados neste caso polo medidor de Kantar Media, que lle outorga á TVG unha suba de case un punto con respecto a marzo, e que fai que este pasado mes sexa o mellor abril desde 2012.

ler máis

Os medios públicos galegos estrean maio con contidos arredor da poeta Xela Arias

30/04/2021

No mes das Letras Galegas, a programación da CRTVG amosará a obra da autora homenaxeada con estreas de documentais, programas monográficos e pílulas con fragmentos da súa obra que se emitirán en televisión, radio e canles dixitais

Tanto a Radio Galega como a web crtvg.gal transmitirán na mañá do Día das Letras Galegas o pleno da RAG desde Vigo

Os medios públicos galegos estrean maio con contidos arredor da poeta Xela Arias

Santiago, 30.04.2021.-  O mes de maio, o mes das Letras Galegas, comeza este sábado nos medios públicos galegos coa programación de contidos especiais en homenaxe á autora Xela Arias (Sarria 1962–Vigo 2003). A CRTVG contribuirá durante todo o mes a divulgar a figura e obra da  poeta elixida este ano para celebrar a festa das letras de Galicia, cunha proposta que inclúe a emisión de documentais, programas monográficos, pílulas con fragmentos da obra da escritora, algunhas delas na súa propia voz, e cinema destacado con selo galego.

Desde o 1 de maio, a Televisión de Galicia e as redes sociais divulgarán pílulas diarias baixo o título ‘Xela Arias, onde canta a poeta’, un contido cedido pola Real Academia Galega, que toma o nome do poema que comeza co verso ‘Onde cantan os poetas’, da obra ‘Intempériome’.  Estas 30 pezas, de entre 1 e 3 minutos, combinan voces da RAG e do mundo da literatura, os medios e o audiovisual con persoas non coñecidas de distintas profesións.

Documentais sobre a traxectoria da autora, desde o 10 de maio

Entre o 10 e o 15 de maio, a TVG programará a serie ‘Xela Arias, os mares da palabra’, seis minidocumentais producidos pola RAG, que exploran a traxectoria da autora e como foi unha das primeiras persoas que gañaron a vida na incipiente industria editorial galega dos anos 80.

A seguinte estrea chegará o domingo 16 co documental 'Vencerse é cousa de se tratar', arredor da creación dun mural coa imaxe da escritora na súa localidade natal  e coa participación de estudantes de secundaria reflexionando sobre as súas achegas, así como cunha reflexión sobre a súa pegada na música galega, coas intervencións de Ugia Pedreira e A Banda da Loba.  

Estrea da longametraxe ‘O que arde’, o 17 de maio

O día grande das Letras Galegas, o 17 de maio, Televisión de Galicia debullará a vida e obra de Xela Arias no tempo dun ‘Especial Zigzag’. Na faixa do ‘prime time’, a TVG estreará a premiada longametraxe de Oliver Laxe ‘O que arde’, unha das producións más importantes dos últimos anos do panorama galego e a película na nosa lingua máis vista en cines da historia, por riba da histórica ‘Sempre Xonxa’ (1989), de Chano Piñeiro.

A continuación, poderase ver na Galega ‘A esmorga’, a adaptación cinematográfica, a cargo de Ignacio Vilar, da obra máis emblemática de Eduardo Blanco Amor e un dos maiores éxitos recentes do audiovisual galego, con Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán ‘Morris’ como protagonistas.

Cómpre salientar na G2 a oferta dunha programación especial dedicada a Xela Arias na semana do 17 de maio, que comezará coa emisión do Concerto das Letras, celebrado na véspera en Vigo e organizado polo Consello da Cultura Galega. O concerto, que ofrecen Laura LaMontagne e PicoAmperio no Auditorio do Mar, inclúe unha peza especial que funde a poesía de Xela cunha montaxe moi visual.

Na Radio Galega, entrevistas e poemas recitados por Xela Arias

Pola súa parte, a Radio Galega emitirá en maio poemas recitados pola propia Xela Arias, recuperados do arquivo da CRTVG e, entre o 10 e o 16 de maio, entrevistas diarias sobre a autora nas distintas edicións do 'Diario cultural' con vinte convidados que debullarán a súa vida e obra. O mesmo día 17 de maio, a mañá da RG será monográfica das Letras xunto á retransmisión dos actos da xornada, desde Vigo. Pola tarde, a radio pública emitirá ‘Diario cultural especial das Letras’ en que, ademais das voces que falarán sobre Xela Arias, recuperaranse do arquivo da RG dúas entrevistas realizadas no seu día á poeta sobre os libros ‘Intempériome’ e ‘Darío a diario’.

Tanto a Radio Galega como a web da Corporación transmitirán na mañá do Día das Letras Galegas o pleno da RAG desde Vigo. Amais, o portal crtvg.gal disporá tamén unha sección dedicada á autora, que reunirá os contidos emitidos. Pola súa parte, as redes sociais contribuirán a divulgar tamén a figura de Arias, con formatos adaptados a cada canle. Así mesmo, as #AcciónsG da Corporación desenvolverán en maio unha campaña divulgativa, con cortinas e un anuncio, para contribuír ao coñecemento desta escritora, poeta, profesora e tradutora galega, falecida en Vigo no 2003.

ler máis

Celta-Levante e Lugo-Zaragoza, este venres na Radio Galega

29/04/2021

Na fin de semana, o protagonismo é para a Segunda B e a Terceira

Celta-Levante e Lugo-Zaragoza, este venres na Radio Galega

Santiago, 29.04.2021.-  Os equipos galegos que compiten no fútbol profesional coinciden esta xornada no día e na hora. O venres, desde as oito e media da tarde, Paco Santos centra o 'Galicia en goles' nas retransmisións dos partidos Celta-Levante, da Primeira División, e Lugo-Zaragoza, da Segunda División. Mentres en Balaídos agardan un encontro tranquilo no que o equipo vigués pode selar matematicamente a permanencia, o do Anxo Carro é unha final para o cadro lugués, que é o penúltimo na clasificación.

O sábado festivo, Xoán Galán dirixe desde as 3 da tarde oito horas de contidos deportivos, con atención especial ao Rácing de Ferrol-Numancia, de Segunda B, e ao Obradoiro-Andorra, da Liga ACB de baloncesto.

Xa o domingo, a edición matinal principia ás doce menos cuarto co Celta B-Leonesa, no que, de gañar o filial olívico, aseguraría a clasificación para as finais de ascenso á Segunda División. Na loita por evitar o descenso a Segunda RFEF terán seguimento durante a mañá o Covadonga-Pontevedra e o Sporting B-Coruxo. Desde as 3, o Deportivo-Langreo e o Compostela-Marino, de Segunda B, xunto á Terceira protagonizarán a sesión de tarde.

Durante a fin de semana, a audiencia da Radio Galega terá outras ofertas de temática deportiva. O sábado, á 1 do mediodía, Alfonso Pardo dedica o 'Convivir deportivo' á Sociedade Deportiva Pol. Pola noite, 'Gas a fondo' actualiza a información do motor ás 11 e ás once e media 'Galicia en Toquio' continúa o ciclo de entrevistas aos deportistas galegos que preparan os Xogos Olímpicos. O domingo, ás 11 da noite, o espazo 'Ao contrataque' abre a mesa de debate para analizar os resultados do Celta, do Lugo e dos equipos galegos da Segunda B.

ler máis

O estilo punk e irreverente dos galegos Terbutalina, nun novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’

28/04/2021

Un recital de 40', que se poderá gozar na G2 este mércores, a partir das 23.25 horas

O estilo punk e irreverente dos galegos Terbutalina, nun novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’

Santiago, 28.04.2021.-  A irreverencia e os ritmos punk da banda galega Terbutalina son protagonistas este mércores dun novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’, que a G2 ofrece esta noite a partir das 23.25 horas.

A banda, nacida en 2010, entre Muros e Esteiro, e formada por Migui, Mon, Diego, Samuel e Brais, mestura punk e garage para confeccionar cortes frenéticos armados cunha sección rítmica atronadora. Os membros da formación falan do seu estilo como gastropunk e recoñecen ter influencias de grupos, como Dead Kennedys, The Sonics, The Cramps, Oblivians ou Siniestro Total. Nas letras dos seus discos hai moito humor, sátira, irreverencia e textos politicamente incorrectos. Defensores da autoedición, editan eles mesmos os seus discos e os poñen para a súa descarga de balde en Internet.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h), amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

No ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, contarase nas vindeiras semanas coa música de Budiño, Rodrigo Romaní, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas, entre outros.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’ no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

ler máis

Os partidos do Celta, do Lugo e a Segunda B protagonizan o 'Galicia en goles' da Radio Galega

22/04/2021

No polideportivo destaca o Betis-Obradoiro da ACB

Os partidos do Celta, do Lugo e a Segunda B protagonizan o 'Galicia en goles' da Radio Galega

Santiago, 22.04.2021.-  A Radio Galega dedica vinte e cinco horas ao deporte desde a tarde do venres ata o domingo pola noite na programación da fin de semana.

A xornada polideportiva centra o 'Galicia en goles' do venres, co seguimento aos partidos Liceo-Calafell, de hóckey a patíns; Palma-Basquet Coruña e Lleida-Ourense, de baloncesto; e Parrulo-Barcelona e Jaén-Burela, de fútbol sala. Desde as oito e media da tarde, Paco Santos conectará con estes encontros e logo atenderá a última hora dos equipos galegos que compiten na fin de semana.

O sábado, desde as 3, a atención da xornada pasará polo fútbol de Segunda co Ponferradina-Lugo, desde o Toralín, e de Segunda B, co Langreo-Rácing, no estadio Ganzábal. Na Terceira hai tres citas: Arousa-Polvorín, Ourense CF-Viveiro e Ribadumia-Arzúa.

O domingo, a edición matinal adianta o comezo ás once e vinte e cinco coa retransmisión do Valladolid Promesas-Celta B, na fase de ascenso á Segunda División. Ademais, o programa estará presente no Numancia-Compostela e Covadonga-Coruxo, de Segunda B, xunto a tres encontros de Terceira e o Deportivo-Valencia, da Primeira feminina.

ler máis

As #AcciónsG poñen o foco na creatividade e a innovación

21/04/2021

A CRTVG desenvolve a súa primeira campaña de Responsabilidade Social Corporativa do ano arredor do Día Mundial da Creatividade e Innovación, este 21 de abril

Como membro do Pacto Mundial das Nacións Unidas, a Corporación quere contribuír aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

As #AcciónsG poñen o foco na creatividade e a innovación

Santiago, 21.04.2021.-  A primeira das #AcciónsG da Corporación de Radio e Televisión de Galicia deste 2021 ten a intención de recoñecer e promover a creatividade e a innovación. Con esta iniciativa, que se desenvolve esta semana arredor do 21 de abril, Día Mundial da Creatividade e Innovación, a CRTVG busca fomentar a capacidade creativa e innovadora entre a sociedade galega, especialmente nos máis novos. Tamén, contribuír a visibilizar o 4º, 5º, 8º, 9, 11º e 12º Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU, en que se alude á educación, igualdade de xénero, crecemento económico, industria, comunidades sostibles e produción de consumos responsables. 

ler máis

Wöyza dá boa mostra da súa versatilidade e calidade artística, nun novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’

21/04/2021

Corenta minutos coa música desta artista galega, pioneira e referente na escena hip hop, soul e R&B, tanto en lingua española como en galego

Wöyza dá boa mostra da súa versatilidade e calidade artística, nun novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’

Santiago, 21.04.2021.- A moañesa Wöyza, cantante e autora, produtora galego-uruguaia, pioneira e referente na escena hip hop, soul e R&B, tanto en lingua española como en galego, é a versátil artista protagonista dun novo concerto do ciclo ‘Galicia Emerxe’, que a G2 ofrece esta noite a partir das 23.25 horas.

Comezou en 2003 a súa carreira vinculada ao hip hop nacional e portugués e, tras publicar varios álbums, foi recoñecida como mellor artista de músicas urbanas nos Premios Martín Códax (2014 e 2019). É fundadora do selo Wötown, en que une todos os seus traballos musicais, e nos últimos anos participou en álbums e en concertos con artistas de distintos estilos, como Arkano, Nach, Rapsusklei, Payo Malo, Bomba estéreo, Gran Purismo, Dealema, Carlos Núñez, Pablo Nóvoa, entre outros.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h) amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

No ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, contarase nas vindeiras semanas coa música de Budiño, Rodrigo Romaní, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas, entre outros.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’ no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

ler máis

O cantante e compositor galego Pablo Lesuit achega na G2 o seu estilo independente no ‘Galicia emerxe’

14/04/2021

O artista, que destaca na nova escena da canción iberoamericana polo seu estilo persoal e independente, amosará a súa sensibilidade lírica, que combina con grandes doses de percusión, guitarras e samplers

O cantante e compositor galego Pablo Lesuit achega na G2 o seu estilo independente no ‘Galicia emerxe’

Santiago, 14.04.2021.- O compositor, cantante e músico multiinstrumentalista Pablo Lesuit sobe ao escenario esta noite do ciclo ‘Galicia Emerxe’, que ofrece a G2 a partir das 23.25 h. O artista, que destaca na nova escena da canción iberoamericana polo seu estilo persoal e independente, amosará a súa sensibilidade lírica, que combina con grandes doses de percusión, guitarras e samplers.

Nos últimos anos, Pablo Lesuit colaborou con artistas destacados, como Jorge Drexler, Eladio y los seres queridos ou Esmeralda Escalante. Esta noite, o artista dará boa mostra do seu último disco Belorizonte, un álbum diferente e moi vital, en que recolle unha experiencia en cada unha das súas dez cancións. Unha viaxe por diversos estilos e instrumentos para un cantautor que non entende de etiquetas musicais.

Cunha duración de 40 minutos, este concerto estará dispoñible na web dos medios públicos galegos unha vez finalizada a súa emisión pola segunda canle da Galega e o sábado poderase ver na TVG (10.40 h) amais de escoitarse tamén en Radio Galega Música (22.00 h). Ademais, os espectadores poderán ver todos os concertos xa emitidos na páxina da CRTVG.

No ciclo ‘Galicia Emerxe’, conformado por un total de 50 concertos de destacados artistas e grupos galegos, gravados no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, contarase nas vindeiras semanas coa música de Wöyza, Budiño, Rodrigo Romaní, Novedades Carminha, Triángulo de Amor Bizarro, Susana Seivane, Uxía, Eladio y los Seres Queridos e De Vacas, entre outros.

A CRTVG asinou un convenio coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para difundir o ciclo ‘Galicia Emerxe’ no exercicio do seu papel como servizo público e co afán de apoiar o sector musical e de contribuír a visibilizar o seu traballo.

ler máis