CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Carmen Lomana, Antonio Garrido e Manu Sánchez amosan no 'Land Rober Summertime' os seus dotes humorísticos

18/08/2022

O presentador Roberto Vilar estará esta noite tamén acompañado nos variados sketchs cómicos por Eva Iglesias, Miguel Canalejo e Víctor Fábregas

Carmen Lomana, Antonio Garrido e Manu Sánchez amosan no 'Land Rober Summertime' os seus dotes humorísticos

Santiago, 18.8.2022.-  O humor con maiúsculas será protagonista, un xoves máis, na Televisión de Galicia, que ofrecerá unha nova entrega de ‘Land Rober Summertime’ (23.10 h), unha refrescante oferta coa que os amantes da comedia poden vivir este verán os mellores momentos e os sketchs máis hilarantes deste programa de referencia na canle pública.

Os convidados que pasarán esta noite polo escenario do ‘Land Rober Summertime’ serán unha muller de armas tomar, como é a emblemática Carmen Lomana, o coñecido actor e presentador Antonio Garrido, e un dos mellores cómicos de España, Manu Sánchez. Os tres pintarán a mona, dando boa mostra no espazo das súas habilidades para a diversión. Por suposto, unha edición máis cómpre salientar a participación do presentador Roberto Vilar, apoiado nos variados sketchs por Eva Iglesias, Víctor Fábregas e Miguel Canalejo, para que os espectadores gocen da festa rachada que proporá o programa esta noite na Galega.
    
Nesta edición de verán do ‘Land Rober’, os espectadores asistirán, amais, aos sketchs do ‘Concurso 50x15’, a unha das súas aventuras de ‘histerias de hospital’, a uns xogos do ‘Non cho creo’ e de edredoning, ou a aventura dos Piosos nun concesionario de autocaravanas.