CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG segue imparable e acada a maior audiencia no mes de abril desde 2012

01/05/2021

A canle acadou en abril o 10,7 % de cota no conxunto do día e o 10,6 % no prime time, os mellores datos do ano e o mellor dato dun mes de abril desde 2012, cando conseguira un 11,9 %

A Galega é líder de audiencia entre a xuventude, de entre 13 a 24 anos, cun 14,3 % de cota, tres puntos máis que a seguinte canle, Tele5

 

 

A TVG segue imparable e acada a maior audiencia no mes de abril desde 2012

Santiago, 01.05.2021.-   A Televisión de Galicia segue a medrar e a ser máis líder mes a mes en Galicia. Así o reflectiron os datos da primeira onda do EXM, referendados neste caso polo medidor de Kantar Media, que lle outorga á TVG unha suba de case un punto con respecto a marzo, e que fai que este pasado mes sexa o mellor abril desde 2012.

A TVG incrementa a súa vantaxe como líder da información en Galicia, nun mes en que todos os seus informativos creceron en audiencia e no que a canle acada en o 10,7 % de cota no conxunto do día e o 10,6% no prime time. De feito, supón un crecemento de case 1 punto respecto aos datos do mes pasado e o mellor dato dun mes de abril desde 2012, cando conseguira un 11,9 %.

O crecemento foi en todos os informativos e en todas as faixas: ‘Bos días 8:00’ mellora 3,1 puntos de cota; ‘A revista luns a venres’ mellora en 2 décimas; ‘Galicia noticias’ sobe 1,1 puntos de cota; ‘Telexornal mediodía luns a venres’ medra 1,6 puntos; o ‘Telexornal mediodía fin de semana’ fai o mesmo en 4 décimas e o ‘Telexornal serán de luns a venres’ aumenta 1 décima. Estes datos tradúcense en que o conxunto dos programas de información da TVG contaron cunha audiencia total de 1.698.000 telespectadores; é dicir, o 64,8 % dos galegos de 4 e máis anos conectou cos servizos informativos da TVG.

Líder entre a xente nova

Nun contexto de desprazamento de audiencias mozas desde a TDT cara ás canles dixitais, a CRTVG é quen de seguir liderando entre a xuventude. A Galega é líder na faixa de de entre 13 a 24 anos, cun 14,3 % de cota, tres puntos máis que a seguinte canle, Tele5.

Con respecto ao grupo de canles autonómicas reunidas en FORTA, a TVG remata abril como a segunda canle máis vista, so por detrás de TV3 e acada valores superiores á media da FORTA, 2,5 puntos de cota máis no conxunto do día e 2 puntos de cota máis no prime time.