CRTVG Viva
As televisións rexionais europeas deciden centrar o seu congreso de 2013 en Santiago no importante papel que xogan na sociedade
Os membros de Circom Regional, procedentes dunha vintena de países, acordaron en Compostela analizar a capacidade das televisións públicas para xerar valor engadido nos seus territorios

Santiago, 17.11.2012.- As televisións rexionais europeas integradas na asociación Circom Regional decidiron que o vindeiro congreso anual a celebrar o mes de maio en Compostela terá como eixo central analizar o importante papel que este colectivo xoga na sociedade, segundo acordaron na xuntanza do seu Consello Europeo celebrado hoxe na Facultade de Comunicación de Santiago.
Os membros de Circom tratarán de evaluar a capacidade destas televisións para xerar valor engadido sobre a sociedade á que prestan o seu servizo público, en aspectos como a capacidade de levar a innovación tecnolóxica e o impulso ás industrias creativas nas rexións, tras constatar que todos os países, desde os máis prósperos ata os que teñen maiores dificultades financeiras, están realizando esforzos para adaptarse o servizo público televisivo ás circunstancias xerais de axuste económico.
O congreso de maio próximo, cunha asistencia prevista de 300 delegados das televisións rexionais europeas e organizado pola CRTVG, terá como lema “The Way forward” (O Camiño a seguir). En dúas xornadas de sesións e baixo a presidencia do belga Jacques Briquemont e a vicepresidencia de Fernando R. Ojea (CRTVG), os executivos de Circom salientaron o relevante papel que xogan as súas emisoras en promoción da cultura propia e a capacidade de visibilizar ás minorías. Ademais, acordaron incentivación de contactos para acordos de coproducción e colaboración televisiva e novas actividades de formación en xornalismo e produción, algunhas das cales se celebrarán en Galicia o vindeiro ano.
A CRTVG será anfitriona do devandito evento que conta ata o momento coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello e a Universidade de Santiago de Compostela. A celebración anual do Congreso de CIRCOM Regional ten tamén como atractivo os galardóns Prix Circom, que traerán a Santiago aos produtores máis prestixiosos de Europa en contidos televisivos. Circom é un organismo que abrangue a 260 estacións de televisión de 34 países europeos.