CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

As redes sociais da CRTVG estrean o tráiler da miniserie 'Sofía Casanova, a obreira do pensamento'

30/09/2021

Participada pola TVG, esta nova produción sobre a primeira muller española correspondente de guerra está dirixida por Zaza Ceballos e Noelia Muíño, e conta con Isabel Naveira no papel protagonista

As redes sociais da CRTVG estrean o tráiler da miniserie 'Sofía Casanova, a obreira do pensamento'

Santiago, 30.10.2021.-  Coincidindo co 160 aniversario do nacemento de Sofía Casanova hoxe 30 de setembro, as redes sociais da CRTVG estrean o tráiler da miniserie ‘Sofía Casanova, a obreira do pensamento’, unha nova coprodución da TVG que achega a figura da xornalista e escritora coruñesa desde os aspectos máis persoais e descoñecidos.

Os usuarios das redes sociais da CRTVG poden ver, en primicia, o avance desta tv movie, que forma parte dunha cobizosa serie de ficcións coas que a TVG quere achegar ao público o perfil de mulleres pioneiras da historia galega, como foi o caso das películas realizadas sobre a figura de Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega, Concepción Arenal e Rosalía de Castro.

 

 

O equipo de rodaxe de ‘Sofía Casanova, a obreira do pensamento’ é galego na súa totalidade e con mulleres á fronte, tanto no equipo de dirección coma no elenco. A miniserie está dirixida por Zaza Ceballos e Noelia Muíño e no equipo de guión conta con Rosa Castro. O elenco fórmano grandes figuras do audiovisual galego, con Isabel Naveira no papel protagonista e outros nomes destacados, como Tito Asorey, Paula Cereixo, Mercedes Castro e Nuncy Valcárcel.

Sofía Casanova, recoñecida mundialmente polas súas crónicas e escritos xornalísticos, foi a primeira muller española correspondente de guerra. O filme abranguerá non só a Sofía xornalista, senón tamén a Sofía muller, nai e esposa que chegou a Galicia para superar unha fonda crise existencial e finou en Polonia a mediados do século XX. E afondará tamén na especial relación que tivo Sofía Casanova con Pepa, a súa criada en Mera, que se converteu na súa mellor amiga e aliada.

‘Sofía Casanova, a obreira do pensamento’ é unha produción de Zenit Televisión coa participación da CRTVG e o apoio económico da Xunta de Galicia.