CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

As propostas musicais de Natalia, Luar na Lubre, Amistades Peligrosas e Noelia Solleiro, esta noite en 'Luar'

23/07/2021

Ao longo do programa (21.55 h) presentaranse os novos recanteiros e recanteiras que formarán parte da próxima edición do concurso

As propostas musicais de Natalia,  Luar na Lubre, Amistades Peligrosas e Noelia Solleiro, esta noite en 'Luar'

Santiago, 23.07.2021.-   O programa ‘Luar’ reúne este venres un variado elenco de artistas, entre os que se atopa o dúo Amistades Peligrosas, que volveron unir os seus camiños tras máis de 20 anos separados.

Tamén está convidada ao ‘Luar’ desta semana a cantante gaditana Natalia, a menor daquela dourada primeira xeración de ‘Operación Triunfo’. A cantante, compositora e presentadora de televisión presentaralles aos espectadores galegos os seus novos temas: ‘Lento’ e ‘Dame’.

O espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Rocío Rodríguez Padín presentará este venres sobre o escenario a gañadora do concurso da canción do verán da CRTVG, Noelia Solleiro, que cantará o seu ‘Vive Galicia’, un tema cheo de ledicia e emoción.

A música celta de Luar na Lubre, unha das bandas máis internacionais de Galicia, sorprenderá aos espectadores cos seus temas ‘Dum pater familias’ e ‘Mártiros e o Vákner’; e o músico Fran Amil levará os clásicos da lírica galega ao programa desta noite nunha versión máis animada, da man do seu tema ‘Candeloria’.

O cartel musical desta noite completarase coas actuacións do artista portugués Rodrigo Almeida, da orquestra Vulcano Show, da agrupación mexicana Puro Relajo e da Asociación Cultural A Legua Dereita.

O dúo cómico formado por Pedro Brandariz e Fran Rei porá o toque de humor na noite do venres, que contará tamén coa presenza de Paco e Pepe e Tonhito de Poi e Mafalda Becerra.

Ademais, ‘Luar’ ofrecerá as actuacións musicais de Christian Escuredo, Xosé Manuel Piñeiro e Manuel Deandrade, membros do xurado do concurso musical ‘Recantos’, que viviu o pasado venres a súa final coa vitoria da representante de Terras de Compostela, Sofía Rial. Ademais, o programa porá cara ás novas voces dos recanteiros e recanteiras que participarán na próxima edición deste concurso musical e que esta noite ofrecerán pequenas mostras do seu talento. Pola súa parte, os recanteiros desta temporada despediranse cunha emocionante actuación final.