CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

As festas destes últimos días de verán chegarán aos fogares galegos da man de 'Eu quero troula III'

15/09/2021

Entre outras celebracións, o programa estará na romaría da Virxe da Barca, na Festa das Pepitas de Ferrol, nos Milagres de Amil, na Guadalupe de Rianxo e na Festa das Peras de Pontedeume

As festas destes últimos días de verán chegarán aos fogares galegos da man de 'Eu quero troula III'

Santiago, 15.09.2021.-   Para pechar a temporada do divertido e festeiro programa ‘Eu quero...’, a TVG ofrece este mércores ‘Eu quero troula III’ (23.10 h), en que as festas destes últimos días de verán chegarán aos fogares de todos os espectadores, cunha intensa viaxe cargada de música, boa comida, cancións, bailes e sorrisos.
    
As reporteiras do programa, Adela Bértolo, María Rial e Laura Vaqueiro, serán as encargadas de facer este percorrido tan ‘trouleiro’. Para comezar, estarán na romaría da Virxe da Barca, no concello de Muxía. Alí compartirán as tradicións da pedra de abalar e da pedra dos cadrís e tamén participarán nunha emotiva procesión.
    
A continuación, as reporteiras viaxarán a Ferrol, onde por fin poden celebrar de novo a Festa das Pepitas. As rondallas saen ás rúas para cantar, bailar e gozar do sabor dos ‘bicos’, o doce típico deste día de troula. As cámaras do programa deste mércores tamén estarán nas Festas do Carme de Fisterra. A música da Banda de Cee acompañará un día de intensas emocións e de troula a fartar.
    
O percorrido de ‘Eu quero troula III’ tamén fará parada nas Festa das Peras de Pontedeume, onde os espectadores poderán gozar da música de Tanxugueiras e da orquestra Marbella. E mesmo haberá tempo para probar unha deliciosa e contundente costrada.
    
A romaría dos Milagres de Amil, en Moraña, será outro dos puntos de atención trouleira do programa. Ademais de vivir de preto a devoción de centos de peregrinos, as reporteiras tamén comerán polbo e bailarán ao son da Banda de Música Nova Lira. A famosa Guadalupe de Rianxo, chea de música tradicional e a canción da Rianxeira por todas partes, e as Festas de Santa María de Guillán, en Vilagarcía de Arousa, completarán o menú de ‘Eu quero troula III’.
    
Para rematar como é debido a temporada dun espazo cheo de cor e sorrisos infinitos,  o programa ofrecerá a actuación do grupo tradicional Algarabía Folk, de Vigo.