CRTVG viva
As AcciónsG da CRTVG apoian a Convención dos Dereitos do Neno na Semana coa Infancia de Unicef
Todas as canles dos medios públicos emitirán desde o luns 20 contidos co foco posto na sensibilización sobre os dereitos dos nenos e nenas
Esta nova AcciónG da Corporación dará voz á infancia nos informativos e espazos de entretemento da TVG e Radio Galega como ‘Hora galega’, ‘Xuntos en directo’, ‘Luar’, ‘Galicia por diante’ ou o ‘Galicia en goles’

Santiago, 17.11.2023.- No marco da súas AcciónsG de Responsabilidade Social Corporativa, a CRTVG desenvolve con UNICEF, entre o 20 e o 26 de novembro, a XIII Semana coa Infancia, unha campaña de concienciación en torno aos dereitos da infancia e arredor do Día Internacional do Neno.
Ao longo da semana, xornalistas e presentadores da TVG e da Radio Galega divulgarán os artigos recollidos na Declaración dos Dereitos da Infancia e Adolescencia coa finalidade de avanzar no seu cumprimento. Marta Darriba, Iria Soengas, María Solar, Terio Carrera, Eduardo Herrero, da TVG, e Kiko Novoa, Cristina García, Águeda Penedo, Antón Rebollido ou Victoria Rodríguez, da RG, entre outros, serán a voz e o rostro da campaña.
Ademais, programas informativos como ‘Bos días’, ‘A revista’, ‘Galicia noticias’, ‘Telexornal mediodía’, ‘Telexornal serán’, ou ‘Galicia por diante’, ‘A bóla extra’, ‘A tarde’, ‘A crónica’ e ‘Convivir’, colaborarán emitindo contidos e entrevistas relacionados coa actualidade internacional no eido humanitario, como o impacto do terremoto en Afganistán ou a devastadora situación que vive a infancia afectada polo conflito en Israel e Gaza.
Así, no ‘Bos días’ do luns 20 entrevistarase a Myriam Garabito, presidenta de UNICEF Galicia, e o mércores a Ana Sotto-Mayor, directora de comunicación. O domingo 26 contarase con José María Vera, director executivo de UNICEF España, quen trasladará as últimas novas sobre a situación da infancia na franxa de Gaza.
O magazine matinal ‘A revista’ acompañará o martes aos cativos no Pleno de Participación Infantil e Adolescencia de Redondela e emitirá, o xoves, unha entrevista con Lucía Regueiro, actriz, presentadora, e Amiga de UNICEF Comité Galicia. Tamén #DígochoEu editará un vídeo especial relacionado co impacto de internet e as redes sociais na adolescencia. No ‘ZigZag FdS’, María Solar, fará un percorrido polos artigos da Convención sobre os Dereitos do Neno relacionados coa cultura de nenos e adolescentes.
As tardes da Galega e ‘Luar’, con UNICEF
O magazine da sobremesa, ‘Quen anda aí’, convidará a María Solar, xornalista especializada en cultura, escritora e recente Amiga de UNICEF Comité Galicia, quen trasladará como promove ela o dereito á saúde, á participación e á educación da adolescencia na contorna dixital. Tamén na tarde, o programa de actualidade ‘Hora galega’ achegarase a un centro educativo e amosará o compromiso da rapazada cos Dereitos da Infancia e Adolescencia e a importancia da implicación social para acadar o seu cumprimento. E o venres 24, no prime time da TVG, ‘Luar’ emitirá unha edición especial para achegar á súa audiencia o traballo de UNICEF. Na radio, espazos como ‘A tarde’ ou ‘Galicia en goles’ súmanse ao labor divulgativo con contidos relacionados coa educación en dereitos, o dereito á auga ou a implicación da cooperación descentralizada e do sector privado para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e a Axenda 2030. En ‘A tarde’, será o venres 24 cunha conversa coa presidenta de UNICEF Galicia e unha adolescente participante no Consello Galego de Participación Infantil e Adolescente. Xa no tempo de deporte da fin de semana, o ‘Galicia en goles’ convidará rapaces que serán entrevistados e compartirán, durante uns minutos, tarefas de presentación con Xoán Galán, xefe de Deportes da emisora.
E pola súa parte, o magazine das tardes da fin de semana ‘Xuntos en directo’ implicarase co dereito á participación no III Encontro de Participación Infantil e Adolescente en Carballiño, e contará coa Amiga de UNICEF Lucía Regueiro como convidada.
A isto cómpre engadir o labor das canles dixitais da CRTVG, a través do cancelo #SemanacoaInfancia e da emisión de vídeos e pezas especiais sobre os dereitos da infancia e cunha canle temática en www.crtvg.gal. O proxecto #Sinxelo tamén fará vídeos e novas sobre esta temática.
A Convención sobre os Dereitos do Neno
A Convención sobre os Dereitos do Neno é un tratado internacional. En 1989 todos os países do mundo (excepto EUA) puxéronse de acordo en que debían existir leis que recoñecesen e protexesen os dereitos humanos dos nenos, nenas e adolescentes, e así naceu a Convención sobre os Dereitos do Neno: o tratado internacional que recoñece, protexe e fai visibles os dereitos da infancia.